Centrómero
From Wikipedia, the free encyclopedia
En bioloxía o centrómero é o estreitamento ou constrición primaria que separa os brazos dos cromosomas, e que, utilizando tinguiduras tradicionais, aparece menos tinguido ca o resto do cromosoma. É a zona pola que o cromosoma interacciona coas fibras do fuso acromático desde a profase á anafase, tanto na mitose coma na meiose, e é responsable de realizar e regular os movementos cromosómicos que teñen lugar durante estas fases. As estruturas centroméricas que interaccionan coas fibras do fuso denomínanse cinetocoros. Ademais, o centrómero contribúe á nucleación da unión das cromátides irmás. Na estrutura do centrómero interveñen tanto o ADN centromérico coma proteínas centroméricas.
No lévedo (Saccharomyces cerevisiae) o ADN centromérico consta unicamente de 125 pares de bases e está conservado entre os diferentes cromosomas.[1] Porén, o ADN centromérico en metazoos pode constar de megabases, e non contén secuencias consenso doadamente identificables (ver a revisión de Choo en 1997[2]). Malia as diferenzas entre o ADN centromérico de lévedos e metazoos, o cinetocoro ensámblase en ambos os casos sobre nucleosomas centroméricos que conteñen unha forma especializada de histona H3 (Cse4p en lévedos[3] ou o seu homólogo CENP-A en metazoos).
O ADN centromérico organízase en forma de heterocromatina constitutiva, que permanece condensada en case todas as células somáticas dun organismo. Estas rexións son pobres en xenes e poden inducir a represión da expresión xénica das rexións adxacentes de maneira epixenética. Este fenómeno denomínase "variegación por efecto de posición" (en inglés PEV, por Position Effect Variegation).[4] A aparición ocasional de centrómeros de novo (neocentrómeros) suxire que máis que a secuencia do ADN per se, a característica primaria dos centrómeros é a organización estrutural dos dominios centroméricos. A selección do centrómero pode ser tamén o resultado dun complexo número de parámetros, como o momento da súa replicación, a posición dentro do núcleo celular, así como outras características herdables da estrutura da cromatina.
O centrómero ten un comportamento diferente durante a anafase mitótica e a anafase I da meiose, de maneira que durante a anafase mitótica as cromátides irmás se separan e van a polos opostos da célula (segregación anfitélica) entanto que na anafase-I da meiose o que se separa a polos opostos son os cromosomas homólogos completos, cada un constituído por dúas cromátides (segregación sintélica).