From Wikipedia, the free encyclopedia
Un cágado é a larva dos anfibios, especialmente dos anuros como ras e sapos, que despois dunha metamorfose convértese en anfibio adulto. Xeralmente son larvas acuáticas, aínda que tamén hai algunhas terrestres.
Os cágados reciben tamén os seguintes nomes; cullarapo, cabezolo, cabezudo, cagote, cagulo, cullareto, culler ou relo.[1]
Os cágados xeralmente viven na auga, aínda que hai uns poucos semiterrestres (Indirana beddomii e Thoropa miliaris) e terrestres (Indirana semipalmata e Leptodactylus andreae).[2] Durante o estado de cágado a maioría dos anfibios respiran por branquias internas ou externas autónomas. As branquias externas quedan axiña internalizadas polo desenvolvemento do opérculo, ata quedar encerradas nun saco branquial que comunica co exterior só polo espiráculo. Xeralmente non teñen patas anteriores nin posteriores ata que se produce a transición a adulto, e tipicamente teñen grandes colas aplanadas coas cales nadan por ondulacións laterais, similares ás da maioría dos peixes.
A medida que o cágado madura, normalmente sofre unha metamorfose na que gradualmente lle crecen as patas (normalmente primeiro as posteriores) e despois (especialmente no caso das ras) absorben a súa cola por apoptose. Os pulmóns desenvólvense no momento en que se lle están formando as patas posteriores. Os cágados cando están ao final do seu desenvolvemento adoitan estar preto da superficie da auga, onde xa respiran aire. Durante as etapas finais da súa metamorfose externa, a boca do cágado cambia dunha boca pequena pechada na parte frontal da cabeza a unha boca grande coa mesma largura da cabeza. Os intestinos acúrtanse para acomodarse á súa nova dieta. A maioría dos cágados son herbívoros, e comen algas e plantas. Algunhas especies son omnívoras e comen detritos e ás veces cágados máis pequenos, e mesmo algunhas especies son caníbales se as condicións no seu medio son malas.
Os cágados varían considerablemente en tamaño, tanto durante o seu desenvolvemento coma entre especies. Por exemplo, nunha soa familia, Megophryidae, a súa lonxitude na última etapa do cágado varía entre 33 mm e 106 mm.[3] Os cágados de Pseudis paradoxa crecen ata 25 cm, que é o maior tamaño entre as ras.[4]
Os cágados propiamente ditos son os dos anuros. Os dos urodelos ou caudados denomínanse ás veces tamén cágados pero son bastante diferentes. Nacen sen patas, pero desenvólvense moi cedo e axiña se parecen aos adultos, agás por seren máis pequenos, menos pigmentados e polas branquias ramificadas que presentan aos lados da cabeza. Adoitan ser carnívoros, coma os adultos. Algunhas especies de caudados presentan adultos con dous fenotipos distintos, como é o caso do axolote (Ambistoma), en función das condicións ecolóxicas nas que vive. Un fenotipo particular é o individuo adulto neoténico de aspecto larval.
Orton en 1953 clasificou os cágados en catro tipos larvarios:[5]
Malia teren un corpo mol e careceren de partes duras mineralizadas, atopáronse cágados fósiles (duns 10 cm de longo) dos estratos do Mioceno superior.[6] Foran preservados en biofilmes bacterianos, e as súas estruturas máis robustas (a mandíbula e os ósos) preserváronse como películas de carbono.[7] Nos fósiles do Mioceno de Libros, Teruel, España, preservouse unha caixa cranial en carbonato de calcio, e o cordón nervioso en fosfato de calcio de cágados. Outras partes do corpo dos cágados preserváronse como restos orgánicos e biofilmes bacterianos, con detrito sedimentario nos seus estómagos.[6] Restos de cágados con branquias externas tamén se coñecen de varios grupos dos primitivos anfibios labirintodontos.
Algúns cágados serven de alimento nalgúns países. Os cágados de ras Megophryidae Oreolalax rhodostigmatus son especialmente grandes, de máis de 10 cm de lonxitude,[3] e cómense na China.[8] Na India, cómense os cágados de Clinotarsus curtipes,[9] e no Perú os cágados de Telmatobius mayoloi entre outros utilízanse como alimentos e medicinas.[10]
A pesar do seu nome, os fideos "de cágados" da cociña coreana son un prato vexetariano.[11]
Segundo James George Scott na orixe dos mitos do pobo wa da China e Myanmar, o primeiro wa orixinouse a partir de dous antepasados femias Ya Htawm e Ya Htai que pasaron a súa primeira fase como cágados (rairoh) nun lago chamado Nawng Hkaeo.[12]
No Antigo Exipto os seus numerais xeroglíficos representaban un cágado para indicar un valor de 100.000.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.