rocha sedimentaria From Wikipedia, the free encyclopedia
En xeoloxía, as brechas son rochas compostas aproximadamente nun 50 % de fragmentos angulosos de rocha de tamaño superior a 2 milímetros unidos por unha matriz e un cemento natural.
Os fragmentos constitutivos dos conglomerados e das brechas son maiores que os dos arenitos, é dicir, maiores de 2 milímetros, pero a brecha distínguese dos conglomerados porque os seus fragmentos constitutivos son angulosos, mentres que nos conglomerados son redondeados (ver pudinga). Poden distinguirse brechas monoxénicas, compostas de elementos da mesma natureza e brechas polixénicas, compostas de elementos de diferente natureza. Moitas son de orixe sedimentaria, aínda que tamén poden ter outras orixes. A palabra brecha significa 'roto' e pode proceder do grego ou do francés brèche.[1]
A brecha fórmase onde se depositan fragmentos angulosos de rochas ou de restos minerais. Un dos lugares máis comúns para atopar brechas é na base dun afloramento onde se depositan os clastos formados por meteorización mecánica, tamén se encontran en depósitos de corrente a pouca distancia do afloramento e outras veces nun abano aluvial.[2]
Algunhas brechas orixínanse a partir de depósitos de fluxo de entullos. O feito de que os clastos sexan angulosos indica que non se transportaron moi lonxe, xa que o transporte desgasta as beiras angulares transformándoos en clastos redondeados. Despois da deposición, os clastos están unidos por un cemento mineral ou por unha matriz de grans máis finos que enche os espazos entre eles.[2]
En lugares áridos e semiáridos, a precipitación de cementos minerais en sedimentos ou solos de augas pouco profundas pode dar orixe á formación de extensos depósitos de caliche. Estas formacións a miúdo teñen a aparencia de brechas e axústanse á definición. [2]
A brecha sedimentaria e o conglomerado son moi similares. Ambas as dúas son rochas sedimentarias clásticas constituídas por fragmentos de máis de dous milímetros de diámetro (> 2mm). A diferenza está na forma dos fragmentos grandes. Nas brechas os fragmentos grandes teñen forma angulosa, mais nos conglomerados ou pudingas os fragmentos son redondeados.[2]
A forma dos fragmentos mostra unha diferenza en canto á distancia desde a que foron transportados. Preto do lugar onde se depositaron os fragmentos formados por meteorización mecánica, son angulosos. Pero se o transporte por auga se fixo desde longa distancia, os ángulos dos bordos dos fragmentos van sufrindo golpes e desgastes que fan que pouco a pouco se suavicen as superficies, vaian desaparecendo as puntas e bordos afiados e queden redondeados; os fragmentos redondeados formarían un conglomerado (pudinga).[2]
A brecha ten varias composicións posibles. A súa composición está definida principalmente pola rocha e o mineral a partir do cal se produciron os fragmentos angulosos. O ambiente da área de formación tamén pode influír na composición. A maioría das brechas son unha mestura de fragmentos de rocha e grans minerais. A brecha pode ser de calquera cor, a cor da matriz ou cemento xunto coa cor dos fragmentos de rocha angulosos determinan a súa cor.[2]
As brechas distínguense e noméanse de acordo co tamaño dos clastos, aínda que non hai un acordo estandarizado universal para esta nomenclatura. Unha brecha composta principalmente de clastos de (2 a 4 mm), chamaríase brecha de gránulos; unha brecha composta principalmente de clastos de (4 a 64 mm) chamaríase brecha de croios; unha brecha composta principalmente por clastos de (64 a 256 mm) denominaríase brecha de cantos e unha brecha composta principalmente por clastos de (>256 mm) recibiría o nome de brecha de bloques.[3][4]
Tamaño (mm) | Nome | Tipo de rocha |
---|---|---|
>256 | Bloques | Conglomerado/Brecha |
64 - 256 | Cantos | Conglomerado/Brecha |
4 - 64 | Croios | Conglomerado/Brecha |
2 - 4 | Gránulos | Conglomerado/Brecha |
Distínguense varios tipos de brechas segundo o seu proceso de formación:
Con frecuencia as brechas teñen un aspecto interesante e atractivo que as fai apropiadas para o seu uso como pedra arquitectónica. A palabra "brecha" úsase como nome comercial para un grupo de produtos de pedra cun padrón angular roto. Nomes como "Breccia Oniciata", "Breccia Pernice" e "Breccia Damascata" son calcarias e mármores cortados e puídos que presentan un padrón angular roto. Estes son nomes aplicados á rocha de canteiras específicas. Estas brechas poden cortarse en lousas como pedras arquitectónicas para cuberta de interiores, azulexos ou como pedra de revestimento, banzos de escaleiras, baldosas para pisos ou paredes, beirís de fiestras, mesados e outras aplicacións decorativas.[2]
Á parte destes usos principalmente decorativos, a brecha ten moi pouca aplicación na construción. Pódese utilizar en obras civís como recheo ou base de estradas, onde os requirimentos técnicos son mínimos. Porén, úsase en proxectos importantes, xa que a súa composición, grao de cementación e competencia son moi variables e pódese atopar a brecha axeitada.[2]
Historicamente, leva utilizándose a brecha desde hai máis de mil anos. Utilizouse para facer bases de columnas no palacio minoico de Knosssos en Creta aproximadamente no 1800 a.C.[9] Tamén a utilizaron os romanos, por exemplo en columnas do Panteón.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.