From Wikipedia, the free encyclopedia
Robert James Fischer, coñecido como Bobby Fischer, nado en Chicago (Illinois) o 9 de marzo de 1943 e finado en Reiquiavik o 17 de xaneiro de 2008, foi un xadrecista estadounidense, logo nacionalizado islandés.
Naceu no seo dunha familia de emigrantes alemáns. Os seus pais divorciáronse cando Fischer tiña dous anos. Aos seis, cando marchou canda a nai a Brooklyn, Fischer aprendeu en por si a xogar ao xadrez polas instrucións que viñan nun pequeno xogo que lle regalara a irmá. Ao principio xogaba contra ela, pero axiña necesitou adversarios máis fortes para desenvolver o seu xogo. Á idade de 7 uniuse ao club de xadrez de Brooklyn, onde o seu presidente, Carmine Nigro, se encargou persoalmente da súa formación.
Ata os 13 anos, Fischer asistiu á Erasmus Hall High School, pero deixaría o instituto sen graduarse. Varios profesores do mesmo recórdano como un mozo difícil. En 1956 a súa nai conseguiu que John W. Collins, titor doutros xogadores sobresalientes, incluídos Robert Byrne e William Lombardy, o aceptase como alumno. O seu ascenso á elite da competición foi moi rápido. Con 13 anos participou no torneo "Rosenwald Memorial", onde xogou contra Donald Byrne. En 1957, á idade de 14, obtivo o campionato dos Estados Unidos de xadrez.
No plano internacional, a súa carreira coincidiu co apoxeo da escola soviética que dominou o mundo do xadrez desde 1948 ata 1972. O campionato estadounidense gañado por Fischer era de carácter zonal para a FIDE e a súa vitoria abriulle as portas do campionato mundial. Ao ano seguinte, á idade de 15 anos, logrou o título de gran mestre ao ocupar o quinto posto no Interzonal de Portoroz. Foi o xadrecista máis novo en obter esa distinción ata ese momento. Con ese quinto lugar conseguiu ademais o dereito de xogar o Torneo de Candidatos, no que se seleccionaba ao que había de disputar o título mundial ao campión, daquela Mikhail Botvinnik).
Naquel primeiro Torneo de Candidatos, Fischer ocupou un modesto sexto lugar. E, a pesar de conseguir sensacionais resultados nos torneos internacionais desde fins da década de 1950, diversos factores (ás veces o seu propio carácter, noutras ocasións a supremacía dos xadrecistas soviéticos) atrasaron a súa loita polo título máximo.
A principios da década de 1970 chegou á final do campionato mundial. Tras gañar o internacional de Palma, derrotou a Mark Taimanov (6-0), Bent Larsen (6-0) e Tigrán Petrosián (6,5-2,5) nos enfrontamentos do torneo de candidatos, todos eles no top 10 mundial e obtivo o dereito a enfrontarse a Boris Spassky. A serie de 19 vitorias consecutivas (as 6 últimas do interzonal, as dos seus enfrontamentos con Taimanov e Larsen e a primeira do seu enfrontamento con Petrosian) constitúe un fito histórico.
O encontro con Spassky celebrouse en Reiquiavik. Concitou unha extraordinaria atención en todo o mundo. Foi visto tamén como un encontro político en plena guerra fría. Fisher perdeu a primeira partida en enfrontamento limpo e a segunda por non presentarse. Parecía que Spassky retería o título para o xadrez soviético pero Bobby venceu na terceira. A cuarta partida foi táboas e desde a quinta impúxose rotundamente Fischer. Logo dun tenso desenvolvemento, Fischer venceu o seu rival tras 21 partidas (Spassky abandonou a partida decisiva mentres o seu adversario durmía no hotel) e coroouse campión mundial o 31 de agosto de 1972 cun total de 7 partidas gañadas, 3 perdidas e 11 táboas. Foi o primeiro e único estadounidense en conquistar o título. Foi coñecida pola historia como "a partida do século".
Este momento supuxo tamén a fin da súa carreira. Desde entón non volveu xogar ningunha partida oficial durante o seu reinado e, cando en 1975 tivo que defender o título fronte ao aspirante Anatolii Karpov, púxolle tantos requirimentos á FIDE que lle retirou o título por incomparecencia. Dende aquela e ata 1992 non volveu xogar en público e levou unha vida retirada.
Transcrición da partida 21 do enfrontamento entre Fischer e Spassky: Brancas: Boris Spassky |
En setembro de 1992 aceptou participar nun encontro de exhibición conmemorando os 20 anos do seu enfrontamento con Spassky (xa nacionalizado francés) que había de ter lugar en Iugoslavia. Volveu vencer o seu antigo rival e obtivo o premio de 3 millóns de dólares que ofrecera un empresario iugoslavo. Pero en 1992, Belgrado estaba baixo o bloqueo do goberno dos Estados Unidos e a acción de Fischer foi considerada no seu propio país como un acto de traizón e foi posto na lista de fuxitivos do FBI e da CIA. Entón, Fischer desapareceu de novo.
O 13 de xullo de 2004, Fischer reapareceu en público cando, mentres pretendía ir a Filipinas desde Toquio, foi detido no aeroporto internacional de Narita por usar un pasaporte que o goberno dos Estados Unidos cancelara. As autoridades xaponesas prendérono á espera de resolver o problema suscitado pola petición de extradición dos Estados Unidos. O 15 de decembro dese ano, o goberno islandés aceptou darlle asilo político a Fischer nese país, para así escapar á extradición aos Estados Unidos, e ordenou o seu traslado inmediato a Reiquiavik, onde podería recibir unha nova cidadanía. A pesar das presións do goberno estadounidense, o 9 de marzo de 2005, aínda encarcerado, recibiu un pasaporte islandés como agasallo polo seu 62 aniversario. O 21 de marzo, o parlamento islandés aprobou conceder a cidadanía islandesa a Bobby Fischer, con 40 votos a favor e dúas abstencións, e tres días despois, tras 8 meses de detención, foi posto en liberdade e deportado a Islandia, onde cualificou a George W. Bush de criminal e ao primeiro ministro xaponés Iunichiro Koizumi como monicreque de Bush.
Á súa chegada a Reiquiavik foi aclamado como un heroe por unha multitude de seguidores. Faleceu catro anos despois nese país á idade de 64 anos.
Anterior: Boris Spassky |
Campión do mundo de xadrez 1972–1975 |
Seguinte: Anatoli Karpov |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.