![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/b/b9/Four_common_forms_of_Blastocystis_hominis_Valzn.jpg/640px-Four_common_forms_of_Blastocystis_hominis_Valzn.jpg&w=640&q=50)
Blastocystis
From Wikipedia, the free encyclopedia
Blastocystis é un xénero de parasitos unicelulares pertencentes a un grupo de organismos coñecidos como Stramenopiles (tamén chamados Heterokonta), entre os que tamén se inclúen certas algas, diatomeas e oomicetos. Blastocystis consta de varias especies que viven no tracto gastrointestinal de especies animais tan diversas como os humanos, animais de granxa, aves, roedores, réptiles, anfibios, perixes e cascudas.[2] Blastocystis presenta unha baixa especificidade de hóspede, e hai moitas especies de Blastocystis que poden infectar os humanos,[3] e segundo a convención actual, calquera das especies pode ser identificada co nome Blastocystis hominis, aínda que xenotipicamente son diversos.
Blastocystis | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() Blastocystis sp. | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
|
Blastocystis é un dos parasitos humanos máis comúns no mundo e ten unha distribución global.[4][5][6][7] Estudos feitos nos Estados Unidos mostran que é a infección parasitaria máis común nese país, onde estaba infectada aproximadamente un 23% da poboación total no ano 2000.[6][7] En zonas do mundo cun baixo desenvolvemento económico as taxas desta infección chegan nalgúns estudos ao 100%.[4][5] Atópanse taxas altas de infección en países en desenvolvemento nos que moitas persoas traballan con animais.[5][8] Aínda que se adoita dicir que o papel de Blastocystis hominis en doenzas é controvertido, un exame sistemático de estudos de investigación realizados por especialistas en 11 doenzas infecciosas de nove países, atopou que un 95% dos artigos publicados nos 10 anos anteriores identificábano como causante de enfermidade en individuos inmunocompetentes.[7] O estudo atribuía a confusión existente sobre a súa patoxenicidade a que hai portadores asintomáticos, un fenómeno que o estudo sinalaba que era común a todos os protozoos gastrointestinais.[7] Porén, nunca se demostrou que Blastocystis cumprise os postulados de Koch, que probarían que a infección dun indivuduo san por Blastocystis orixina a doenza. O feito de que a ruta da infección por Blastocystis sexa oral-anal indica que os portadores estiveron en contacto con materia fecal contaminada, na que poderían estar incluídos outros patóxenos intestinais que explicarían os síntomas observados. Unha explicación máis probable é a presenza de cepas virulentas e non virulentas e a enorme variabilidade xenética entre as diferentes cepas (ou xenotipos). Ver o artigo sobre xenotipos de Rune Stensvold[9] e o artigo recente sobre o xenoma de Blastocystis[10] que amplía esta diversidade. Recentemente unha teoría alternativa, que sostén que Blastocystis non é en absoluto un patóxeno, viuse reforzada con datos da súa bioquímica.[11][12]