artista plástica galega From Wikipedia, the free encyclopedia
Blanca Silva Rodríguez, coñecida como Blanca Silva, nada na Coruña o 17 de abril de 1951 é unha artista plástica galega. Foi mestra de educación infantil, xadrecista. É bisneta do xurista e escritor e xornalista galego Alberto García Ferreiro.[1]
(2020) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 17 de abril de 1951 (73 anos) A Coruña, España |
Educación | Universidade Complutense de Madrid Universidade de Vigo |
Actividade | |
Ocupación | artista |
Independizouse moi nova da súa familia, instalándose en Madrid, onde cursou o Preuniversitario e iniciou os estudos de Ciencias políticas na Universidade Complutense de Madrid. Gradouse como mestra de Educación Xeral Básica, na especialidade de lingua e literatura, na Escola Universitaria do Profesorado de EXB de Pontevedra. En 1979 aprobou a oposición ao corpo de mestras e mestres de educación básica e comezou a traballar en diferentes escolas do rural galego, entre elas a unitaria de Tremoedo (Pontevedra) e, máis tarde, en Barcelona.
Formou parte, desde os inicios, do Grupo de Teatro Circo, creado por Manuel Lourenzo en 1967. Utilizou o teatro como ferramenta de traballo nas aulas, como tamén o coa pintura, creando novas dinámicas nos centros de ensino. Previamente á expresión plástica, Blanca escribiu poemas como algo íntimo e persoal, pulsión coa que continúa actualmente; así literatura e arte irán da man para confluír nunha hibridación de intensa forza lírica.
Pintora e escultora autodidacta, que complementou cunha formación avanzada en técnicas de gravado, acadada na realización de numerosos cursos no Centro Internacional da Estampa Contemporánea (Betanzos, A Coruña). Realizou a súa primeira exposición individual en 1985 no Espacio de Arte Casiopea (Vilagarcía de Arousa, Pontevedra).
Participou en bienais e salóns artísticos como a Bienal de Outono do Museo de Belas Artes da Coruña, a Bienal Balconadas (Betanzos) en varias ocasións, onde obtivo un áccesit no ano 2000; ou o Salon D'Automne (Grand Palais, París – Sarria, 2008). Foi seleccionada no XVII Premio Internacional de gravado Máximo Ramos (2004).
Polo que se refire á escultura, os materiais utilizados son, fundamentalmente cerámica e madeira, con eles crea figuras, corpos e cabezas que, en ocasións, semellan exvotos. Igualmente, incorpora nalgunhas pezas volumétricas, técnicas procedentes do gravado e, incluso, a palabra escrita, para crear instalacións, como na súa serie Palabras salvadas do lume (2006), resposta artística da autora á queima da Biblioteca de Bagdad.
Tamén realiza gravado sobre papel e tea, así como fotografías propias intervidas con cor (infografías).
As súas obras ilustraron diferentes publicacións: revistas como Casahamlet, Anuario Brigantino, El Extramundi y los Papeles de Iria Flavia, Memories; prensa: O Correo Galego ou El Periódico de Cataluña; así como as capas dalgúns poemarios[2]. Ilustrou tamén o conto Unha pomba branca, de Fina Casalderey[3].
A súa obra comezou na figuración expresionista, cunha marcada tendencia onírica. Os debuxos de soños marcarán os seus inicios, materializados en imaxes simbólicas sobre anacos de tea e cartóns. Pouco a pouco a cor e a luz acabarán por invadir o lenzo e disolverán a forma, desembocando nun expresionismo abstracto que, en ocasións, conecta con obras de Mark Rothko[1] ou Antonio Murado.
Emprega unha técnica mixta na que experimenta con todo tipo de materias (pigmentos naturais mesturados con colas, cinzas e outros elementos) que superpón en numerosas capas. A finalidade, como a propia autora indica en entrevistas persoais realizadas para diferentes medios, é “amosar o baleiro”, “chegar ao punto cero do sentimento máis fondo".[1]
Xoán Abeleira describiu a súa arte como “a arte de baleirarse”[1]. Josep M. Cadema, nunha crítica realizada sobre unha exposición da autora, escribiu: ¿Qué es el alma? Sinceramente, lo ignoro, pero creo que ha de ser lo más parecido al fluído, vaporoso y sutil, fuerte en su aparente debilidad que he visto representado en un cuadro de Blanca Silva”[4]. Xulio López Valcárcel afirmou que na súa pintura “a angustia se expresa con silecioso grito”[5]. A escritora, Luísa Vallalta: “Blanca constrúe, levanta paredes de pedra, mater-materia, no seu propio nome, que é unha Agra en branco entregada a un son invisíbel, a unha luz renxente, a unha luz branca sempre a punto de entrar como entra a luz branca do mencer de cada día, desde o comezo do mundo, en sixiloso rito, na Agra da Soleira".
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.