Big Fish é unha película de 2003 dirixida por Tim Burton e escrita por John August, baseada na novela Big Fish: A Novel of Mythic Proportions de Daniel Wallace. Entre os seus protagonistas están Ewan McGregor, Albert Finney, Billy Crudup, Jessica Lange, Alison Lohman, Steve Buscemi, Helena Bonham Carter e Danny DeVito.

Datos rápidos Ficha técnica, Título orixinal ...
Big Fish
Ficha técnica
Título orixinalBig Fish
DirectorTim Burton
ProdutorBruce Cohen
Dan Jinks
Richard D. Zanuck
GuiónJohn August, baseado na novela de Daniel Wallace
IntérpretesEwan McGregor
Albert Finney
Jessica Lange
Alison Lohman
Billy Crudup
Steve Buscemi
Danny DeVito
Helena Bonham Carter
MúsicaDanny Elfman
FotografíaPhilippe Rousselot
DistribuidoraColumbia Pictures
Estrea2003
Duración125 minutos
OrixeEstados Unidos de América Estados Unidos
XéneroComedia-Drama
Orzamento$70 000 000[1]
Recadación$122 900 000
Na rede
https://www.sonypictures.com/movies/bigfish
IMDB: tt0319061 Filmaffinity: 974553 Allocine: 28644 Rottentomatoes: m/1127787-big_fish Mojo: bigfish Allmovie: v290352 TCM: 451072 Metacritic: movie/big-fish TV.com: movies/big-fish Netlix: 60031268 Editar o valor en Wikidata
Pechar

A película ía ser dirixida por Steven Spielberg, antes de que Burton se encargase do proxecto, trala morte do seu propio pai. Foi filmada en Alabama, e ten menos elementos góticos ca outras películas de Burton coma Edward Scissorhands ou Sleepy Hollow. A película recibiu catro candidaturas para os Globos de Ouro e unha candidatura para os Premios Oscar 2004.

Trama

Edward Bloom é un home que adoita relatar momentos da súa vida engadindo características fantásticas. Pero tras contar na voda do seu fillo Will unha historia que este considera falsa, deixan de falarse durante tres anos. Will traballa como xornalista en París, e regresa a Alabama xunto coa súa esposa Josephine ao empeorar a saúde do seu pai. No propio avión Will narra unha das historias do seu pai, na que coñece unha meiga que lle amosa o modo en que vai morrer a través do seu ollo de vidro.

Ao longo da película Edward conta algunhas historias que relatan momentos da súa vida, como que estivo tres anos prostrado na cama debido ao seu rápido crecemento. De adolescente converteuse nun deportista de sona e nun rapaz moi querido na súa vila, pero comprendeu que a pequena poboación onde vivía quedábaselle pequena para as súas ambicións. Tras coñecer a Karl, un xigante incomprendido, inicia unha viaxe xunto a el. Edward atravesa unha fraga enfeitizada e chega a unha aldea, onde coñece ao poeta Norther Winslow. Antes de abandonar a aldea promete a Jenny, unha nena da pequena poboación, que regresaría algún día.

Edward e Karl visitan un circo, onde o protagonista ve o amor da súa vida, onha muller da que fica prendado, pero pérdea de vista sen poder coñecer o seu nome. Amos, o propietario do circo, propón a Edward un trato: se traballa para el gratuitamente no circo, Amos iralle dando información da moza cada mes. Co paso do tempo, vaille contando a Edward só algúns detalles sobre a moza que viu, pero nunca o seu nome ou enderezo. Unha noite, Edward descobre que Amos é un lobishome, pero non o mata. Debido a este xesto, revélalle o nome da moza (Sandra Templeton) e o lugar onde estuda (Universidade de Auburn).

Non obstante, Sandra xa estaba comprometida con outro mozo, Don Price, procedente da mesma vila que Edward. Edward non se rende, e fai un montón de xestos para intentar conquistar a Sandra, como plantar fóra da súa residencia unha infinidade de narcisos. Don descóbreos xuntos e golpea a Edward para que se afaste dela, pero Sandra defende a Edward e abandona a Don.

Edward é recrutado polo exército e debe afastarse de Sandra para ir á guerra de Corea, onde coñece a Ping e Jing, dúas siamesas que o axudan a volver aos EUA logo de pasar pola URSS e Cuba. Edward fora dado por muerto, pero regresa con Sandra, e comeza a traballar de comercial de mans ortopédicas. Nunha ocasión reatópase nunha sucursal bancaria co poeta Winslow, que lle pide axuda para atracala. Descobren que o banco está en bancarrota, e Winslow marcha a Nova York para traballar na bolsa en Wall Street, converténdose nun exitoso home de negocios.

Molesto polas historias do seu pai, Will pide que lle conte a verdade. Sospeitando que o seu pai tiña outra familia, revisa a súa oficina, encontrando cartas de cando fora dado por morto, e outras que proviñan da aldea que coñecera. Will coñece a Jenny, que se converteu en profesora de piano. Ela cóntalle que o seu pai axudou aos habitantes da aldea, que quedara arruinada, reconstruíndo as casas. Ademais, contoulle que para o seu pai a única muller era a súa esposa Sandra.

Will regresa a casa e descobre que o seu pai está no hospital. Edward pídelle ao seu fillo que lle conte a historia da súa morte, e nela ambos os dous escapan do propio hospital e diríxense ao río, onde se encontra toda a xente que coñecera durante a súa vida para despedilo, e remata converténdose nun pez. Tras isto, Edward di "a historia da miña vida" e morre. No funeral Will ve varios amigos do seu pai, os cales estaban presentes nas súas historias. Will explica que o seu pai se converteu nas súas historias tras anos de narralas, e que vivirá por sempre nelas.

Elenco

  • Albert Finney (Edward Bloom). Ewan McGregor interpreta o mesmo personaxe de mozo, e Perry Waltson de neno.
  • Billy Crudup (Will Bloom).
  • Jessica Lange (Sandra Bloom). Alison Lohman interpreta o mesmo personaxe de moza.
  • Marion Cotillard (Joséphine).
  • Helena Bonham Carter (Jenny, e a meiga dun ollo de vidro). Hailey Anne Nelson interpreta a Jenny con 8 anos.
  • Robert Guillaume (Dr. Bennett).
  • Matthew McGrory (Karl, o xigante).
  • Danny DeVito (Amos Calloway, dono do circo).
  • Steve Buscemi (Norther Winslow, poeta, ladrón, e home de negocios).
  • Ada Tai e Arlene Tai (Ping e Jing, as siamesas).
  • David Denman (Don Price).
  • Loudon Wainwright III (Beamen, alcalde da aldea e pai de Jenny).
  • Missi Pyle (Mildred, muller de Beamen).

Produción

Trala morte do seu pai, en 1999 o guionista John August leu un manuscrito da novela Big Fish e logrou o apoio de Columbia Pictures para levar adiante a adaptación[2]. Steven Spielberg foi asignado como director en agosto de 2000,[3], mentres August escribía dous borradores, con Jack Nicholson como o anciano Edward Bloom[2]. August traballou duro para transformar o libro -que estaba divido en varios capítulos- nunha historia con cohesión, decidindo utilizar varios narradores, facendo un terceiro borrador mentres Spielberg se encontraba ocupado con outros proxectos[2]. Os produtores Dan Jinks e Bruce Cohen discutiron o proxecto con Stephen Daldry[4] antes de enviar o borrador a Tim Burton, quen aceptou dirixir a película en abril de 2002[5].

Tim Burton estivo moi afectado trala morte do seu pai en outubro de 2000 e da súa nai en marzo de 2002. Trala produción de Planet of the Apes, quixo facer unha película máis pequena. Burton gostou do guión, sentindo que era unha das mellores historias que lle tocara dirixir desde Beetlejuice, ademais de gustarlle a idea de mezclar o drama con contos de fadas, xa que lle permitía narrar varias historias de distintos xéneros. Burton reuniuse con Jack Nicholson e falaron da posibilidade de utilizar ferramentas dixitais para crear unha versión máis moza do seu papel. Tras isto, Burton comezou a buscar dous actores para cada personaxe[2], polo que se arasou a rodaxe de outubro de 2002 a xaneiro de 2003[6].

O 1 de agosto de 2002, Ewan McGregor e Albert Finney foron contratados para interpretar as dúas versións de Edward Bloom[7]. Os produtores Jinks e Cohen suxeriron esta dupla tras traballar con McGregor en Down with Love. Burton aceptou traballar con el debido ao parecido co seu colega Johnny Depp[2]. Tras ver a actuación de Finney en Tom Jones, Burton viu un gran parecido entre el e McGregor, e ademais leu un artigo da revista People onde se comparaba os dous actores[8]. A maioría dos actores reuníronse en novembro de 2002[9].

A filmación de Big Fish comezou o 13 de xaneiro de 2003 e terminou a comezos de maio[6]. A produción foi realizada en Montgomery (Alabama). Todas as escenas de Albert Finney como Edward Bloom foron filmadas primeiro, debido á dificultade emocional das mesmas. McGregor estivo presente no set desde o comezo observando o traballo de Finney. Tras isto, o ambiente adquiriu un novo espírito cando Burton e McGregor comezaron a filmar. Gran parte das escenas foron improvisadas, incluíndo a escena do nacemento e a de Corea. Un forte vento arrasou parte do set mentres filmaban as escenas do circo, pero aínda así continuaron traballando. A filmación en Alabama finalizou en abril, e trasladáronse a París unha semana antes de editar[2][6]. Burton preferiu utilizar efectos especiais prácticos en vez de animación por computador. Para algunhas escenas onde aparecía o xigante Karl, recorreu a ilusións ópticas relacionadas coa perspectiva. Ademais, esa foi a primeira vez que Burton recorreu a unha considerable edición de cores, co obxecto de diferenciar as escenas reais das narradas[10].

Música

A banda sonora de Big Fish foi composta por Danny Elfman. Eddie Vedder, cantante de Pearl Jam, compuxo a canción "Man of the Hour" tras ver a película[2].

Acollida

Big Fish tivo unha estrea limitado o 10 de decembro de 2003, antes de ser distribuída polos EUA o 9 de xaneiro de 2004[11]. Aínda que se agardaba unha recadación duns 14,5 millóns de dólares para a primeira semana[12], a película logrou recadar 13 millóns, quedando en segundo lugar tras The Lord of the Rings: The Return of the King[13]. Finalmente a película recadou 66 millóns de dólares nos EUA e 56 millóns no resto do mundo[11]. A película recibiu unha candidatura en 2004 para os premios Globo de Ouro como mellor película cómica ou musical, ademais doutras candidaturas para Albert Finney, Danny Elfman e Eddie Vedder. Nos Premios Óscar 2004 Elfman recibió unha candidatura pola banda sonora[14].

Notas

Véxase tamén

Wikiwand in your browser!

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.

Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.