![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/4/44/Black-browed_albatross.jpg/640px-Black-browed_albatross.jpg&w=640&q=50)
Aves mariñas
From Wikipedia, the free encyclopedia
As aves mariñas son un tipo de aves adaptadas para a vida en hábitats mariños. Aínda que son moi distintas entre si en canto ó seu estilo de vida, comportamento e fisioloxía, presentan casos de evolución converxente, dado que desenvolveron adaptacións similares ante problemas idénticos, relacionadas co ambiente e os nichos de alimentación.[1] As primeiras aves mariñas evolucionaron no período Cretáceo, aínda que as familias modernas xurdiron no Paleóxeno.[2]
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/4/44/Black-browed_albatross.jpg/320px-Black-browed_albatross.jpg)
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/6/65/Seabirds_LC0141.jpg/640px-Seabirds_LC0141.jpg)
En xeral, as aves mariñas viven moito tempo, reprodúcense máis tarde e nas súas poboacións hai menos individuos xuvenís, ós que os adultos dedican moito tempo.[3] Numerosas especies aniñan en colonias, que poden variar de tamaño entre unha ducia de aves e millóns.[4] Outras son coñecidas por realizar longas migracións anuais, que as levan a cruzar o Ecuador ou en moitos casos rodear a Terra.[5] Poden alimentarse na superficie do océano ou nas súas profundidades, e incluso entre si. Algunhas son peláxicas ou costeiras, mentres que outras pasan parte do ano afastadas completamente do mar.
A morfoloxía das aves mariñas depende de moitos factores. Por exemplo, a simetría do corpo das aves determínase polo tipo e as funcións do seu voo, que se agrupan nas categorías de caza, desprazamento a lugares de aniñamento ou reprodución e migración. Unha ave mariña ten, de media, unha masa corporal de arredor de 700 g, unha envergadura de 1,09 m e unha área total de ás de 0,103 m2. Non obstante, estas variables dependen do mecanismo de voo e da etioloxía da especie.[6]
As aves mariñas posúen unha longa historia de convivencia cos humanos: proporcionaron comida para os cazadores, orientaron ós mariñeiros cara ós bancos de pesca e guiáronos ata as costas. Debido a que varias especies están ameazadas polas actividades humanas, os movementos a favor da conservación ambiental as teñen en conta.