conxunto de órganos encargados do proceso da dixestión From Wikipedia, the free encyclopedia
O aparello ou aparato dixestivo é o conxunto de órganos dos animais multicelulares que permite a inxestión de alimento, a súa dixestión para obter enerxía e nutrientes, e excretar os refugallos sobrantes non necesarios. Deste xeito, as funcións principais do aparello dixestivo son a inxestión, dixestión, absorción e defecación.
O aparato dixestivo difire substancialmente duns animais a outros. Algúns teñen estómagos con múltiples compartimentos, mentres que os estómagos doutros animais só están constituídos por unha soa cámara. O aparello dixestivo adoita dividirse nunha zona anterior, unha zona media e unha posterior, reflectindo a orixe embriolóxica de cada segmento.[1]
O aparello dixestivo é un tubo longo, con importantes glándulas asociadas. A súa función é a transformación das grandes e complexas moléculas dos alimentos en substancias sinxelas e doadamente utilizables polo organismo. Dende a boca até o ano, o tubo dixestivo mide uns once metros de lonxitude.
Na boca xa comeza propiamente a dixestión. Os dentes trituran de xeito mecánico os alimentos, e as secrecións das glándulas salivares achegan líquidos e substancias que inician a súa descomposición química; a saliva contén enzimas que inician a hidrólise dos alimentos. Despois, o bolo alimenticio atravesa a farinxe, continúa baixando polo esófago e chega até o estómago, que é unha bolsa muscular cun volume dun litro e medio. En condicións normais, a mucosa do estómago segrega un potente zume gástrico, e o alimento convértese nunha pasta viscosa chamada quimo.[2]
Na saída do estómago, o tubo dixestivo alongase no intestino delgado, duns cinco metros de longo, aínda que moi enrolado sobre si mesmo. Na súa primeira porción, o duodeno, recibe as secrecións das glándulas intestinais, a bile e os zumes do páncreas. Todas estas secrecións conteñen unha gran cantidade de enzimas que degradan os alimentos e os converten en substancias sinxelas solubles.
O tubo dixestivo continúa coa parte chamada intestino groso, que mide un pouco máis de metro e medio de lonxitude. A súa porción final é o recto, que remata no ano, por onde se evacúan ó exterior os restos non absorbidos dos alimentos.[2]
No estado máis primitivo do seu desenvolvemento, o aparello dixestivo adoita dividirse en tres partes: o intestino proximal, o intestino medio e o intestino distal.[3] O intestino proximal dá lugar ao esófago, o estómago, a metade proximal do duodeno, o fígado e o páncreas. O intestino medio dá lugar á metade distal do duodeno, o xexuno, o íleo, o cego, o apéndice e parte do colon. O endoderma do intestino distal dá lugar ao resto do colon e ao recto ata a liña ano-rectal.
Neste estado embrionario, o tubo dixestivo está envolto polo mesenterio. O mesenterio ventral dexenera durante o desenvolvemento agás no intestino proximal.[4] O mesenterio dorsal está formado por unha capa dupla de mesotelio que suspende o aparato dixestivo. Unha capa de mesotelio alíñase coa cavidade celómica (a futura cavidade peritoneal) formando o peritoneo parietal, que se aliña coa somatopleura e o peritoneo visceral, aliñado coa esplachnopleura (parede do aparello dixestivo composta de mucosa, submucosa e dúas láminas de músculo).
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
O aparello dixestivo é un sistema fundamental dentro do corpo humano, xa que con base neste pódese desenvolver, aproveitar, asimilar e procesar todos os alimentos dende a boca ata o ano.
As enfermidades no sistema dixestivo (mesmo o cancro), polo xeral, son produto de factores externos, tales como a alimentación e infeccións, co que se pode deducir que a maioría das veces nas que ocorre unha anomalía é por produto do propio descoido e da pouca rigorosidade coa hixiene e a dieta.
Algúns trastornos do aparello dixestivo son:
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.