From Wikipedia, the free encyclopedia
Antonio Tabucchi, nado en Vecchiano (provincia de Pisa) o 24 de setembro de 1943 e finado en Lisboa o 25 de marzo de 2012 foi un escritor italiano. Profesor de Lingua e Literatura Portuguesas na Universidade de Siena, viviu en Toscana e en Portugal.
Antonio Tabucchi creceu na casa dos seus avós maternos en Vecchiano, preto de Pisa. Estudou na Universidade de Pisa, e nesa época viaxou por Europa seguindo a pegada de autores que lera na biblioteca do seu tío materno. Durante unha destas viaxes, nun banco da Estación de Lyon da cidade de París, atopou o poema Tabacaria firmado por Álvaro de Campos, un dos heterónimos de Fernando Pessoa, na tradución francesa de Pierre Hourcade. Tivo a intuición de que atopara o tema para os seguintes vinte anos da súa vida, e marchou a Lisboa. Levou a cabo unha tese doutoral sobre o surrealismo en Portugal, e despois fixo estudos de perfeccionamento na Escola Normal Superior de Pisa. En 1973 comezou a ensinar Lingua e literatura portuguesa na Universidade de Boloña. En 1978 trasladouse á Universidade de Xénova, e entre 1985 e 1987 foi director do Instituto Italiano de Cultura de Lisboa.
Despois, durante moitos anos, pasou seis meses coa súa familia escribindo en Lisboa, e seis meses en Toscana, dando clases na Universidade de Siena.
Visceralmente namorado de Portugal, foi un gran coñecedor e crítico do escritor portugués Fernando Pessoa. Traduciu a súa obra ao italiano xunto coa súa muller, Maria José de Lancastre, e escribiu un libro de ensaios e unha comedia teatral sobre el.
Varios dos seus libros foron levados ao cine, como Sostiene Pereira, onde Marcello Mastroianni destaca nunha das súas últimas interpretacións antes do seu falecemento. As súas obras foron traducidas a numerosas linguas. Obtivo o premio francés Médicis étranger pola súa novela Notturno Indiano, e o premio Campiello por Sostiene Pereira. En 2004 recibiu o Premio Francisco Cerecedo de xornalismo.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.