Alicia do Reino Unido
From Wikipedia, the free encyclopedia
Alicia do Reino Unido, nada en Londres o 25 de abril de 1843 e finada en Darmstadt o 14 de decembro de 1878, foi unha nobre británica, membro da familia real. Era a terceira filla da raíña Vitoria do Reino Unido. Así mesmo, foi esposa de Lois IV de Hesse-Darmstadt e converteuse por matrimonio na gran duquesa de Hesse-Darmstadt.
A educación de Alicia foi supervisada por Christian Friedrich Freiherr von Stockmar, amigo próximo do príncipe Alberte. Do mesmo xeito que os seus irmáns, Alicia pasou a infancia viaxando coa súa familia polas diferentes residencias reais británicas. En 1861, cando o príncipe Alberte enfermou de febre tifoide, Alicia coidouno durante toda a súa doenza ata a súa morte o 14 de decembro dese mesmo ano. Trala morte do seu marido, a raíña Vitoria caeu nun período de loito profundo e Alicia pasou a ser a secretaria non oficial da súa nai durante os seis meses de duelo. Cando a corte aínda estaba inmersa no loito, Alicia casou, o 1 de xullo de 1862, con Lois IV, gran duque de Hesse, un príncipe alemán menor, herdeiro do gran ducado de Hesse. A raíña dixo que a cerimonia, celebrada de forma privada e sen grandes luxos no castelo de Osborne, parecía «máis un funeral que unha voda».[1] Debido ás dificultades económicas, ás frecuentes traxedias familiares e á mala relación entre o marido e a nai, a vida da princesa en Darmstadt foi moi triste.
Alicia foi unha prolífica mecenas das causas das mulleres –principalmente das enfermeiras– e era admiradora de Florence Nightingale.[2] Cando Hesse entrou na Guerra austro-prusiana e Darmstadt se encheu de feridos, Alicia, embarazada da súa filla Irene, dedicou gran parte do seu tempo a organizar os hospitais de campaña.[3] Unha das súas organizacións, a Corporación de Mulleres da Princesa Alicia, estendeuse a nivel nacional e pasou a encargarse de todos os hospitais militares de Darmstadt. Tamén se fixo grande amiga de David Friedrich Strauss, un teólogo que lle ofreceu unha base intelectual para a súa fe máis aló do tradicional sentimentalismo relixioso da época vitoriana.[4] En 1877 Alicia converteuse en gran duquesa de Hesse trala subida do seu marido ao trono, e os seus deberes empezaron a afectarlle cada vez máis á saúde. Ao ano seguinte fixo a súa última viaxe a Inglaterra, pasando unhas vacacións pagas pola raíña en Eastbourne. Nos últimos meses de 1878 a corte de Hesse sufriu unha epidemia de difteria e Alicia coidou de toda a súa familia durante máis dun mes antes de enfermar. Morreu 17 anos despois que o seu pai, con só 35 anos, o 14 de decembro de 1878, no novo palacio de Darmstadt.[5]
A princesa Alicia foi a nai da tsarina Alexandra Feodorovna Romanova, así como bisavoa de Filipe de Edimburgo, marido da actual raíña Isabel II do Reino Unido.