From Wikipedia, the free encyclopedia
O cría comercial do salmón ou salmonicultura é un tipo de acuicultura enfocada na produción de peixes da familia dos salmónidos (Salmonidae). Ao ser peixes anádromos deben pasar durante o seu ciclo de vida por etapas de auga doce e auga salgada. O salmón, xunto coa carpa, son as especies de peixe máis importante para a acuicultura. No ano 2007, os viveiros de salmón e troita produciron ingresos duns 10,7 billóns de dólares. A especie de salmón máis cultivada e o salmón atlántico. Outras especies cultivadas son a tilapia, peixe gato, robaliza, dourada e a troita.
A produción acuícola do salmón multiplicouse por 10 entre 1982 e 2007. Os principais produtores de salmón son Noruega co 33 %, Chile co 31 %, e outros países europeos co 19 %.[1]
Na actualidade[cando?] existe moita controversia sobre os impactos que esta práctica intensiva ocasiona na saúde e no medio ambiente.[Cómpre referencia] Existe tamén preocupación sobre o impacto nas poboacións de salmón ceibes e na vida mariña en xeral.[Cómpre referencia]
A acuicultura do salmón é a cría e recolección do salmón baixo condicións controladas. O salmón de viveiro diferénciase do salmón salvaxe, o cal é capturado empregando técnicas de pesca comerciais.
Os métodos da cría do salmón orixináronse a finais do século XVIII. A finais do século XIX xa había viveiros implantados en Europa e Norteamérica. A finais da década de 1950, os programas de melloras da poboación baseados en piscifactorías establecéronse nos Estados Unidos, Canadá, Xapón e URSS. A técnica contemporánea que emprega gaiolas flotantes orixinouse en Noruega a finais da década de 1960.[2]
Os salmóns adoitan ser criados en dúas fases. Primeiro, os alevíns de salmón son criados en tanques en terra firme. Cando teñen entre 12 e 18 meses, os alevíns trasládanse a gaiolas flotantes ou redes ancoradas en rías ou fiordes abrigados. Este método de cría nun ambiente mariño coñécese como maricultura. Alí son alimentados con pensos entre 12 e 24 meses, cando son colleitados.[3]
Noruega produce o 33% do salmón criado no mundo, séguelle Chile co 31% da produción.[1] As costas destes país teñen temperaturas axeitadas e costas protexidas das treboadas. Asemade Chile é produtor de forraxe de peixe para alimentar a acuicultura do salmón. Escocia e o Canadá son tamén produtores significantes.[4]
Os sistemas modernos de cría de salmón son intensivos e non adoitan pertencer a operadoras de pequena escala. Estas adoitan estar baixo o control de corporacións de agroindustriais, liñas de produción a escala industrial que producen produtos estandarizados. No ano 2003, case a metade do salmón producido no mundo producíase en tan só 5 compañías.[5]
Unha alternativa ao método de incubación en tanques é o emprego de canles de desove. Estas son correntes artificiais, normalmente paralelas a unha corrente existente adoitan ter fondo de frave e forma de zig-zag. A auga da corrente adxacente extráese cara ao comezo da canle, ás veces a través dunha poza de cabeceira para asentar os sedimentos. O éxito do desove adoita ser moito máis exitoso nas canles cá nas correntes normais xa que as enchidas do río poden levar consigo as postas. Debido á falta de crecidas, as canles de desove deben ser lavadas cada certo tempo co fin de extraer os sedimentos. Nas correntes naturais, as crecidas son as encargadas de exercer esta función. As canles de desove preservan a selección natural das correntes naturais xa que, ao contraio cá nos viveiros, non se empregan produtos químicos profilácticos para controlar as enfermidades.
As gaiolas mariñas, adoitan estar feitas de mallas enmarcadas por barras de aceiro ou PVC. Poden ser cadradas ou circulares, de 10 e 32 metros e 10 metros de profundidade, con volumes de entre 1 000 e 10 000 metros cúbicos. Unha gaiola mariña pode conter até 90 000 peixes.
Ás veces poden situarse separadas, mais normalmente xúntanse formando as chamadas granxas mariñas cun peirao flotante e corredores ao redor das gaiolas. Redes adicionais poden rodear a granxa para escorrentar os mamíferos mariños que poden danar as gaiolas. As densidades de peixe roldan entre os 8 e 18 kg por metro cúbico para o salmón atlántico e entre 5 e 10 kg por metro cúbico para o salmón chinook.[3][6]
En contraste aos sistemas pechados, as gaiolas abertas de salmón teñen menores custos de protección, porén, non achegan unha barreira de protección para o descargo dos desperdicios, parasitos e enfermidades das augas costeiras circundantes.[5] O salmón de viveiro nas gaiolas abertas pode fuxir ao hábitat aberto, por exemplo, durante as treboadas. Isto fai que as enfermidades e algúns crustáceos mariños invadan as granxas.[3]
Actualmente a acuicultura está a empregar os mesmos métodos de cría de salmón noutras especies de peixes carnívoros coma o bacallau, atún vermello e fletán. Porén, é probable que a cría destes peixes produza os mesmos incovenientes medioambientais que a cría do salmón.[5][7]
Os salmóns son carnívoros e son actualmente alimentados con produtos desenvoltos a partir doutros peixes e organismos mariños. Consecuentamente, co crecemento do cultivo do salmón, medra tamén a demanda doutros peixes para alimentalos. Estase traballando para substituír as proteínas de orixe vexetal por outras de orixe animal na dieta do salmón. Porén, desafortunadamente isto resulta nuns menores niveis do altamente valorado omega-3 contidos nos peixes criados. Para contrarrestar isto, máis do 50% da produción de aceite de peixe emprégase para alimentar aos salmóns.[1] Os salmóns de viveiros son alimentados cos carotenoídes astaxantina e canthaxantina, para que a cor da súa pel sexa igual á dos salmón salvaxe.[8] En seco, necesitaríanse entre 2 e 4 kg de peixe salvaxe para producir un kg de salmón de granxa.[9]
Un método común de recolección do salmón é empregando unha rede de cerco. A rede de cerco é unha rede con pesos na súa parte inferior, esta rede é colocada ao redor dun cardume e un cabo profundo poder ser puxado para formar un saco onde todo o peixe fica aprisionado. Antes de matar ao peixe, este é asfixiado en auga saturada en dióxido de carbono. Logo son desangrados cortando os arcos branquiais e inmediatamente meténdoos en auga xeada. Os métodos de recolección e mata son deseñados para producir ao peixe o mínimo estrés, prexudicial para a calidade da carne do peixe.[6]
O salmón salvaxe é capturado en hábitats salvaxes empregando técnicas da pesca comercial. A meirande parte dos salmóns salvaxes son pescados en Rusia, Norteamérica e o Xapón. A seguinte táboa ensina as mudanzas na produción de salmón salvaxe e de viveiro nos derradeiros 25 anos, segundo FAO.[10]
Produción de salmón en toneladas segundo especie | ||||
---|---|---|---|---|
1982 | 2007 | |||
Especie | Salvaxe | Granxa | Salvaxe | Granxa |
Salmón atlántico | 10 326 | 13 265 | 2 989 | 1 433 708 |
Troita arco da vella | 171 946 | 604 695 | ||
Salmón coho | 42 281 | 2 921 | 17 200 | 115 376 |
Salmón chinook | 25 147 | 8 906 | 11 542 | |
Salmón rosado | 170 373 | 495 986 | ||
Salmón do pacífico | 182 561 | 303 205 | ||
Salmón vermello | 128 176 | 164 222 |
Produción total do salmón | ||||
---|---|---|---|---|
1982 | 2007 | |||
toneladas | percentaxe | toneladas | porcentaxe | |
Salvaxe | 558 864 | 75 | 992 508 | 31 |
Viveiro | 188 132 | 25 | 2 165 321 | 69 |
Total | 746 996 | 3 157 831 |
Nas correntes fluviais atlánticas, o salmón atlántico é un prezado peixe recreativo, covizado polos pescadores durante as súas remontadas anuais. Tempo atrás, o salmón mantivo unha importante industria pesqueira comercial. Porén, actualmente considérase ao salmón atlántico salvaxe comercialmente morto; a sobrepesca e a destrución dos seus hábitats fixeron que o salmón salvaxe constitúa só o 0,5% do salmón atlántico comercializado. O resto provén principalmente de viveiros de Chile, o Canadá, Noruega, Rusia, o Reino Unido e Tasmania en Australia.[11]
O salmón atlántico é, de lonxe, a especie máis empregada para a práctica da acuicultura. É doada de manter, medra ben nas gaiolas mariñas, mantén un bo prezo no mercado e adáptase ben aos viveiros localizados en hábitats foráneos.[2]
Os machos e femias adultos son anestesiados. Os ovas e esperma son extraídos, despois de ser limpados os peixes. Logo, as ovas e mais o esperma son lavados e levados á auga. Os adultos son recuperados en augas limpas e osixenadas.[12] Algúns científicos están traballando na criopreservación das ovas.[13]
Os alevíns son xeralmente criados en grandes tanques de auga doce durante 12 ou 20 meses. Unha vez o peixe chega á fase xuvenil, son levados aos viveiros mariños onde son mantidos durante dous anos. Durante este tempo o peixe medra e chega á madurez.[11]
Xeralmente, as gaiolas dos salmóns atópanse envoltas por dúas redes. Unha interior, suxeita á gaiola, mantén aos salmóns controladas. A outra, exterior, está suxeita por flotadores e ten coma fin escorrentar os depredadores dos salmóns.[12]
Aínda así, son moitos os salmóns atlánticos que conseguen ceibarse das gaiolas. Estes salmón que conseguen fuxir, se se reproducen contribúen a minguar a diversidade xenética da especie salvaxe o que contribúe a baixar as taxas de supervivencia, e o número de capturas. Na costa oeste de Norteamérica, os salmóns non nativos constitúen unha ameaza, especialmente en Alasca e partes do Canadá, xa que compiten polos recursos cos salmóns nativos. Co fin de previr esta ameaza, actualmente estanse a levar a cabo esforzos para mellorar os viveiros desta especie en tódolos lugares onde se cría.[14]
Froito destas fuxidas, atopáronse salmóns de viveiro remontando os cursos fluviais da costa pacífica da Columbia Británica, na costa oeste canadense.
A nivel mundial, no ano 2007, producíronse 1 433 708 toneladas de salmón atlántico cun valor de 7 578 billóns de dólares.[15]
Galicia converteuse en pioneira en España na cría do salmón, porén, no ano 2005 paralizouse a cría deste peixe debido ás súas complicacións.[16] No ano 2009, a Consellería do Mar autorizou a posta en marcha dunha iniciativa experimental que consistía en instalar unha serie de gaiolas nas proximidades da illa da Rúa, situada no concello coruñés de Ribeira. Ante este novo proxecto, membros da Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra iniciaron unha serie de mobilizacións para que a consellería retirase estas gaiolas de cría de salmón do concello e renunciase ao seu traslado ás inmediacións da illa de Ons, onde a consellería pretendía recolocalas. Entre as argumentacións que obxectaron están os posibles efectos que poidan ter o uso de insecticidas e antibióticos na fauna e flora nativas da zona e a aparición doutras especies foráneas procedentes doutras latitudes, ademais dos efectos que poidan causar nas confrarías do lugar e as de Vigo, A Guarda, Pontevedra, Aguiño e Portosín que empregan esta zona.[17]
En 1992 a troita arco da vella (Salmo gairdneri), foi reclasificada coma un verdadeiro salmón co nome de Oncorhynchus mykiss. A troita arco da vella posúe dúas formas diferentes, unha anádroma e outra non-anádroma. A forma anádroma, que emigra dos lagos e ríos ao océano, é coñecida coma troita oceánica ou troita salmón, mentres que a forma non anádroma, que pasa a meirande tempo da súa vida en auga doce coñécese como troita arco da vella.
A troita salmón críase en moitos países do mundo. Dende a década de 1950 a súa produción medrou exponencialmente, particularmente en Europa e recentemente en Chile. A nivel mundial, no ano 2007, 604 695 toneladas foron producidas cun valor de 2 589 billóns de dólares.[18] O meirande produtor é Chile. En Chile e Noruega, a produción dos viveiros mariños expandiuse principalmente para suplir a demanda externa. A produción interna para suplir aos mercados domésticos medrou fortemente en países como Italia, Francia, Alemaña, Dinamarca e España. Outros países con producións significantes son os Estados Unidos, Irán, Alemaña e o Reino Unido.[18]
A troita salmón ten unha tenra e suave carne, cun sabor amendoado. A carne da troita salmón é rosada coma a doutras especies de salmón, e máis saborosa que a clara carne da troita arco da vella.[19] As dúas son apreciadas polo consumidor. Porén, as troitas de viveiros e aquelas pescadas en certos lagos teñen un pronunciado sabor a penso que moita xente atopa pouco atractivo; moitos consumidores tenta asegurarse de ante man cal é a orixe do peixe antes de mercalo. As troitas salmón salvaxes teñen unha dieta camaróns, insectos, e caranguexos de río. A troita salmón é especialmente vulnerable á enfermidade entérica da boca vermella. Porén, esta enfermidade non afecta aos humanos.[20]
O salmón coho[6] é o animal estatal da prefectura de Chiba, no Xapón.
O salmón coho chega á súa fase madura despois de ficar un ano no mar.[6]
A nivel mundial, no ano 2007, 115 376 toneladas de salmón coho de viveiro foron producidas cun valor de 456 millóns de dólares.[21] Chile, co 90% da produción mundial, é o principal produtor mundial seguido polo Xapón e o Canadá.[6]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.