A seguir recóllese información diversa sobre a pegada da galiña na cultura popular galega, e tamén a súa presenza na literatura oral galega, agrupando todo o referente á galiña, ó galo, polos, pitos e pitas, capóns e, por suposto, ós ovos. Toda esta información recóllese de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc.
Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Galiña.
Crese que as galiñas vellas cantan como o faría un galo, polo que esta forma de cantar, actitude propia da vellez, agoira a morte de alguén da casa. Para espanta-lo agoiro hai que dicir: Pasa, mala cousa, pasa,/ San Xuan bendiga nuestra casa/ cunha palanca/ por riba da casa. Outras informacións van máis lonxe e aconsellan que cando tal aconteza hai que mata-la galiña de contado e, deste xeito, a desgraza que agoiraba recaerá sobre ela. Rivas Quintas engade que, á vez que se lle retorce o pescozo, hai que dicirlle: Morte por morte, en ti cai a sorte.
Crenzas relacionadas cos ovos
Tradicionalmente considerouse pecado botar no lume as cascas dos ovos, por crer que se utilizaron no martirio de San Lourenzo. Outros autores atribúen este costume a un vello culto ó lume, protector dos fogares, ó que non se podía ofender botándolle cousas de refugallo. De aí a frase se hei come-los ovos, que é o millor, non lle hei da-las cascas, que é o pior.
O costume dos ovos de Pascua que se regalan ó abade da parroquia cando vai bendeci-las casas o domingo de Resurrección parece vir, segundo algún etnógrafo, dunha demostración de alegría ó remata-lo xexún a abstinencia da Coresma.
Outras crenzas relacionadas cos ovos son as seguintes:
Que os ovos dunha galiña negra son máis nutritivos que os outros, ou que curan certas enfermidades.
En Mos (Pontevedra) utilizan unha pasta feita de cascas de ovo fresco e unha herba chamada urbaxán (orxabán, Verbena officinalis) para diagnostica-los aires dos meniños. Colócase esta pasta nun pano de liño sobre o ventre do rapaz enfermo e mírase ó cabo de 24 horas: se o pano está tinxido de vermello, como sangue, é que a causante do meigallo foi unha muller que tiña a menstruación; se se trata dun aire de gata, no pano aparecerán os pelos que a delatan. Esta superstición tamén existe en Ponte Sampaio (Pontevedra), coa única excepción de que os ovos teñen que ser de galiña negra (Víctor Lis Quibén).
Que os galos, cando van vellos (hai quen concreta en sete anos de idade), poñen un único ovo, semellante en todo ó das galiñas pero de non máis de 2cm. Nuns sitios, deste ovo nace un escorpión, para outros unha cobra ou o mesmo basilisco, animal pezoñoso por excelencia na imaxinación popular.
O padre Xerónimo Feijoo negaba este último extremo, pero admitía que os galos vellos puxeran tal ovo:
Lo que vulgarmente se cuenta de que el gallo anciano pone un huevo, del cual nace el basilisco, no es solo hablilla de vulgares, también tiene por patronos algunos autores, sin dejar por eso de ser cuento de viejas. Si la vejez del gallo non hiciese tan mala obra, y el basilisco fuera tan maligno como se pinta, ya el mundo estuviera poblado de basiliscos y despoblado de hombres. Es verdad que el gallo en su última vejez pone un huevo; pero falso que este huevo sea de tan malas consecuencias como aquel que, según la fábula, puso Leda, mujer de Tíndaro, y del cual nació la famosa Helena, verdadero basilisco de aquella edad[1].
Risco explicábao así: "Cando un galo de sete años pon un ovo, do ovo sae unha cobra. Se despois de a brirse o ovo a cobra entra na casa do dono, se o dono ve primeiro á cobra, non hai coidado. Se a cobra é a que ve primeiro ó dono, é seguro que o dono morre naquel ano".
Finalmente, se un nigromante quere crear un demo familiar para os seus maleficios, ten que coller un ovo dun galo negro e fecundalo repetidas veces co sangue do seu dedo maimiño da man esquerda (V. Risco).
Poleiro significa, en primeiro lugar, tanto o galiñeiro como o pau ou conxunto de paus onde soben as galiñas para dormir. En sentido coloquial, a zona dun cine, teatro, etc, elevada, onde se sitúan as localidades máis baratas; tamén galiñeiro. E en sentido figurado, calquera posto elevado e influente ó que chega unha persoa.
Cu de galiña: punto mal cosido nunha tea ou nas medias, de xeito que sobresae e avulta [2].
Galiña fría, galiña morta: galiña que se entrega como pago do foro ó dono das terras [3].
Galo: bote de pequeno tamaño para a pesca do polbo nalgunhas rías galegas [3].
Vexetais:
Collón de galo: variedade de uva.
Mazá de cu de galiña: variedade de mazá así chamada por ter o ápice aguzado e con engurras [4].
Galo cresto: o gaio, paxaro semellante á pega [11].
Galo de mar, galo do mar: o arao papagaio ou de altura (Fratercula arctica).
Galo merdeiro, galo merdento ou galo merdoso: a bubela, porque se di que a femia embouta o niño con excrementos humanos, aínda que o certo é que o cheiro se debe a que deixa amorear no interior do niño as dexeccións dos polos [3].
Galo monteiro, galo da braña: a avefría, polas plumas erguidas na cabeza, como se fose a crista do galo [3].
Pita do monte, pita montesa: ave semellante a un galo, pero que habita nos bosques (Tetrao urogallus).
Poñérselle a un carne de galiña: dise cando se ten moito medo [3].
Tripando ovos: andar como pisando ovos, con moito tento e sumo coidado, tanto literal como figuradamente. Úsase con verbos de movemento, como andar, ir, vir.
Un ovo, e ese ben cacarexado: díselle a quen presume do que fai cando en verdade o seu non ten mérito ningún, a quen pregoa moito pero fai ben pouco [13].
Un ovo, e ese grolo: díselle a quen só ten un fillo e, aínda por riba, é pouca cousa ou está enfermo, polo que pouca axuda se pode esperar del.
Vai falar onde mexan as pitas: expresión para mandar a alguén que cale, que non siga falando [18].
A galiña da miña veciña está máis gorda que a miña[3].
A galiña da miña veciña pon máis ovos que a miña[3].
A galiña da miña veciña, sempre parece máis gorda que a miña[3].
A galiña enriba do ovo, e o cutreño enriba do ouro[3].
En abril, cátanos no cubil; en maio, xa son bo galo; en san Xoán xa lle dou a carreira ó can; en santa Mariña xa vou pola cabritiña; en agosto xa vou co meu pai polo rostro; en Santos xa mato os bois nos campos e en xaneiro xa podo co carneiro[29].
En cas de Gonzalo manda máis a galiña que o galo[30].
En martes, nin porco mates, nin churra botes que pitos saque[31].
En marzo, nazo; en abril estou no cubil; en maio, xa saio; en San Xoan xa fuxo ó can; en Santa Mariña xa pillo a galiña, i en agosto xa son bo raposo[32][33].
A cadela pon os ovos,/ a galiña vai ladrar,/ o forneiro está parido/ e a muller vai traballar.
A galiña pon o ovo/ pra proveito da muller,/ o home vai para o monte,/ ¡come broa si a quer![61].
A miña pitiña caira/ Ponme tres ovos ao día;/ ¡Ai, se me puxera catro/Diñeiro que me valía![62].
A regueifa está na mesa,/ e no medio ten un ovo;/ para cantar a regueifa/ veñan os de San Cristobo[63].
Alá arriba naquiles penedos/ anda un galo con tres pitas negras;/ o galo a cantar, a pita a berrar,/ seica anda o demo naquile lugar[64].
As mociñas de Silvares/ son poucas e moi bonitas:/ parez a cama onde dormen/ o galiñeiro das pitas[65].
Cálate, boca de troita,/ pelo de cabra tiñosa,/ ollos de pita sarnenta/ i hastra por non ter, es coxa[66].
Cantan os galos ó día,/ érguete, meu ben, e vaite./ Como me hei de ir, queridiña,/ como me hei de ir e deixarte?[67].
Cantan os galos ó día,/ reloxo de namorados;/ levantaivos, queridiños,/ que vos pilla descoidados[67].
Cantan os galos pró día,/ meniña, vaite deitar,/ que o teu pai é rifadeiro,/ túa nai vaite matar[68].
Cantan os galos pró día,/ meu home, vai traballar,/ que eu me quedarei na casa/ e fareiche un bo xantar[69].
Castiñeiro sen galliñas/ castañas non pode dar;/ rapaza que non ten gracia,/ qué amores pode tomar?[70].
Chamácheme pito cairo/ Porque nacín en xaneiro;/ Déixame chegar a maio,/ xa cantarei no poleiro[71].
Chamáchesme pita choca / porque nacín en xaneiro; / inda tú no-élo galo / que canta no meu poleiro[72].
Chamáchesme pito louco / alá no mes de xaneiro; / se me a raposa non come / hei cantar no teu poleiro.
Chamáchesme pito cairo/ porque nacín no xaneiro,/ tu no has de se-lo galo/ que cante no meu poleiro[73].
Chamásteme pito cairo / porque nascín en Xaneiro; / se no me come o raposo / inda che hei d’ir ó poleiro.
Costureiriña bonita/ ¿donde tes a túa cama?/ No poleiro das galiñas/ nunha presiña de palla[74].
Costureiriña bonita,/ onde te-la túa cama?/ Onda o poleiro das pitas,/ nunha garfiña de palla[75].
Debaixo da túa ventana/ deume o sono e durmín;/ espertei cando cantaban/ os galos quiquiriquín[76].
Deuma unha rapaza e calo,/ que non han salir todas boas;/ tamén ao raposo ás veces,/ lle sal a galiña choca.
Díanno-los reises/ un vaso de viño,/ algo do fumeiro/ i os ovos do niño[77].
Do poleiro, unha galiña,/ do fumeiro, un salchichón,/ viño verde, viño verde,/ veña acá un trambullón[78].
En Véncias cantan os galos/ i as pitas na ferreiría;/ esgarreai e botai,/ que eiquí non hai porquería[79].
Eres alta coma un ovo,/ redonda coma unha noz,/ blanca coma o chiculate,/ 'buenas noches nos dé Dios!'[80].
Eu ben vin estar o crego/ no poleiro das galiñas,/ e pensei, por vida miña,/ que era un pare de sardiñas[81].
Eu pedinlle o Maio/ a un señorito,/ non me tuvo que dar/ senón a cabeza dun pito.
Heiche da-la despedida/ como o galo lle dá á pita:/ como me eu hei de apartar/ dunha cara tan bonita![82].
Heime casar neste ano,/ porque teño moito empeño,/ anque teña que vender/ catro galiñas que teño.
Homiños da miña terra/ ¿que levades a vender?/ Ovos de galiña choca/ para vos dar de beber.
Hoxe rondarán os galos/ porque os polos non están;/ mañá rondarán os polos/ e os galos quedarán[83].
Mariana ten un galo/canta com'unha galiña,/cando Mariana está choca/o galo ten cagarría.
Mariana ten un galo/canta com'unha galiña,/dam'o, Mariana, dam'o/dam'o pol-a tua vida.
Miña nai por me casar/ pormeteume canto tiña/ e despois que me casei/ pagoume cunha galiña[84].
Miña nai por me casar/ pormeteume unha galiña/ e agora que me casei/ díxome que non a tiña[85].
Miña nai por me casar/ prometeume canto tiña,/ cando me foi da-lo dote/ pagoume cunha galiña.
Miña nai ten unha filla/que ñe chaman Maricota/non é para ti, ferreiro,/barbas de galiña choca.
Miña prima ten un galo/ que canta coma un capón;/ damo, miña prima, damo,/ prima do meu curazón[86].
Mirar si son condenados/ que hasta teñen corazón/ de preguntar si as galiñas/ teñen os ovos ou non.
Na miña vida tal vin/ nesa aldea de Seráns:/ unha cadela con pitos,/ unha galiña con cans[87].
No alto daquela serra/ anda un galo con tres pitas negras;/ o galo cantan i as pitas berran,/ aquil é o demo que anda na serra[88].
No convento de Acibeiro/ había un frade galiñeiro/ que asi que se puña o sol/ churras, churras, ó poleiro[89].
O cariño que che teño/ e mais o que che hei de ter/ caben na casca dun ovo/ e mais non o ha de encher[90][91].
O meu amor está malo,/ se está malo vouno ver,/ lévolle unha pita choca/ pra que acabe de morrer[92].
Onte á noite á media noite,/ á media noite sería,/ cantaba o galo de Pepe/ no poleiro de María[93].
Os amores dun casado/ son coma un ovo sen sal,/ coma unha mazá sombriza/ que non sabe ben nen mal[94].
Ou non han dar leite as cabras,/ ou no ha ter fío o fouciño/ ou hoxe o galo do Coto/ hase comer nos Muíños.
Ovos ou magras, xastriño,/ que merenda quer millor?/ Pois logo, miña señora,/ torteliña de xamón[95].
Pasei pola túa porta/ na cantadiña do galo;/ sentinche dar un sospiro/ cántos non terías dado![96].
Polo amor do voso galo,/ traidora, mala veciña,/ polo amor do voso galo/ perdín a miña galiña.
Pra cando case/ xa teño un polo:/ non ten que dar/ miña nai todo[97].
Se queres falar comigo/ e queres non verme torto,/ hasme andar, miña pequena/ como a galiña cos ovos.
Señora María/ reprenda ó seu galo,/ que as miñas poliñas/ lle andan ó rabo;/ Señora María/ reprenda ó seu pito,/ que anda pola calle/ feito un señorito[98].
Teño unha galiña choca/ e hama de come-lo cuco./ Pega tres voltas no aire./ Tócalle o pito, Farruco[99].
Teño unha pita podeira/ que pon tres ovos no día,/ mais se me puxera catro/ millor conta me faría.
Teño unha pitiña branca,/ teño unha pitiña negra;/ o galo da tía Ramona/ xempre anda picando nela[100].
Tío Quico ten un galo,/ canta como unha galina:/ mata o galo, tío Quico,/ que vai a cria-la tiña.
Tío Quico ten un galo/ que lle come na cazola;/ mata o galo, tío Quico,/ que cho vai comer Manola.
Unha vella nun corral/ bota un peido, mata un polo,/ si non chegan a acudir/ mata galiñas e todo[101].
Vaite á merda, vaite á merda,/ por debaixo dunha viña/ si non a queres de galo/ comerala de galiña[102].
Vivan as nenas blanquiñas/ i ás morenas parta un raio,/ que por moito que se laven/ parecen un pito cairo[103].
A miña nai é tartamuda,/ o meu pai é cantador;/ teño branco o meu vestido/ e marelo o corazón.
Antre dúas paredes brancas/ hai unha frol amarela/ que se pode presentare/ diante do rei de Castela.
¿Cal é a cousa, cal é ela,/ que é branca e, caíndo no chan,/ fica amarela?
Curcubico non ten pés,/ nin cu nin bico;/ e o fillo de curcubico/ ten pés, cu e bico. (o ovo e o polo)
Dous xatos marelos/ nunha corte de ferro. (os ovos na tixola)
Entre cancela e cancela/ hai unha xata marela. (a xema do ovo)
Están dous becerriños amarelos/ pastando nun campo de ferro,/ corren que os torce o demo. (os ovos na tixola)
Meu amigo tortobico/ non ten cara, cu nin bico;/ mais a nai de tortobico/ ten cara, cu e bico,/ e os fillos de tortobico/ teñen cara, cu e bico. (o ovo, a galiña e o polo)
Nunha casiña/ ben encaleada,/ hai un pobriño/ facendo morada. (o pito dentro do ovo)
O gato lambón/ comeu tres paxaros,/ catro mexillóns,/ media ducia de ovos;/ ¿cantas cousas son? (simplemente, media ducia)
Señores, de Francia veño,/ meu pai era cantador;/ veño entre paredes brancas/ e amarelo o corazón.
Son fillo de pais cantantes,/ miña nai non tiña dentes,/ nin ningún dos meus parentes;/ eu, de min, son todo calvo,/ meu corazón amarelo/ e o meu rostro é todo albo.
Un redondín e un redondón/ que non ten tapa nin tapón.
Unha corte moura/ con dous bois brancos. (os ovos na tixola)
Veño vestido de frade, mais nunca fago oración;/ branco de neve é meu hábito,/ é cor de ouro o corazón.
Nota: cando non se sinala outra cousa, a solución destas adiviñas é o ovo.
Cita que transcribe Antón Fraguas de Theatro Crítico Universal. Discursos varios en todo género de materias para desengaño de errores comunes. Madrid, 1741. Tomo II. Pag. 37-38.
Refrán que expresa desconfianza ante un probable engano. É o remate dun conto no que o labrego engana ó raposo dándolle un saco cun can dentro dicíndolle que son galiñas.
Explica Ballesteros, que recolleu esta cantiga, que: “En Galicia se conoce la regueifa ó torta que se prepara en las bodas, y de la cual se va cortando un pedazo, que se entrega a los amigos que salen al paso á felicitar á los novios cuando se dirigen el día ó noche de boda á la casa destinada á los mismos. Dicha torta lleva parte de manteca, y, en el centro, un huevo con su cáscara”.
Xaquín Lorenzo Fernández, 75. Venceáns (San Tomé) é parroquia de Entrimo; esa ferreiría pode ser erro por Ferreiros, outro lugar da parroquia e concello de Entrimo.
Marcial Valladares Núñez (1884). No orixinal: N'o convento d'Acibeiro/ habia un frade galiñeiro/ qu'asi que se puña o sòl/ churras, churras, ò poleiro.
Losada, E., Castro, J. e Niño, E.: Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, Xunta de Galicia 1992.
Ramón Anxo Martíns Seixo: "'Perdóolle o mal que me fai polo ben que me sabe'. Unha aproximación aos campos semánticos da comida e da bebida na fraseoloxía galega", en Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, 463-486.
RÍOS PANISSE, M. do Carmo: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia I. Invertebrados y peces, Verba anexo 7, Universidade de Santiago 1977.