Igrexa adventista do sétimo día
From Wikipedia, the free encyclopedia
A Igrexa adventista do sétimo día[n. 1] é unha denominación cristiá[3] protestante,[4] distinguida pola súa observancia do sábado[n. 2] como día de repouso e pola súa énfase na crenza dunha inminente segunda chegada de Xesucristo.[6][7][8][9] A denominación xurdiu do movemento Millerista en Estados Unidos a mediados do século XIX, e foi establecida formalmente en 1863.[9] Entre os seus fundadores destaca Ellen G. White, cuxos extensos escritos continúan sendo altamente valorados pola Igrexa.[7]
Igrexa adventista do sétimo día | |
---|---|
Sede mundial da Igrexa adventista do sétimo día en Silver Spring, Maryland. | |
Historia | |
Fundación | 21 de maio de 1863 en Battle Creek, Míchigan |
Fundador | John N. Andrews Joseph Bates Hiram Edson Ellen G. White James White |
Demografía e cultura | |
Fieis | 22,234,406 |
Congregacións | 97,811 |
Outros datos | |
Sede central | Silver Spring, Maryland[1] |
Páxina web | adventist.org |
Gran parte da teoloxía adventista corresponde a ensinos protestantes comúns, como a autoridade infalible das Sacras Escrituras, a Trindade e a salvación por graza. Con todo, presentan importantes crenzas distintivas, como o estado inconsciente dos mortos, o xuízo investigador e a observancia do sábado como día de repouso.[3] A igrexa é coñecida pola súa énfase na saúde e a alimentación -promovendo activamente o vexetarianismo-,[8] a educación, a protección da liberdade relixiosa, e os seus principios e estilos de vida conservadores.[9]
A igrexa mundial réxese dunha maneira democrática; isto significa que os seus membros escollen delegados cada cinco anos para a elección de novos líderes, forman a Asociación Xeral dos Adventistas do Sétimo Día, con rexións máis pequenas administradas por divisións, unións, misións/asociacións e distritos. Actualmente conta con máis de 20 millóns de membros, ten unha presenza misioneira en máis de 200 países e territorios e diversifícase étnica e culturalmente. A igrexa administra numerosas escolas, universidades, hospitais, clínicas, institutos e casas editoriais en todo o mundo, así como unha destacada organización humanitaria coñecida como ADRA, a Axencia Adventista de Desenvolvemento e Recursos Asistenciais.