Conservadorismo
ideoloxía política / From Wikipedia, the free encyclopedia
O conservadorismo[1] é unha filosofía política e social que defende o mantemento das institucións sociais tradicionais no contexto da cultura e da civilización. Segundo algunhas definicións, os conservadores procuraron varias veces preservar as institucións, incluíndo a relixión, a monarquía, o goberno parlamentario,[2] os dereitos de propiedade e a xerarquía social, enfatizando a estabilidade e a continuidade, mentres que os elementos máis extremos chamados reaccionarios opóñense ó modernismo e buscan unha volta á "maneira como eran as cousas".[3][2]
O primeiro uso estabelecido do termo nun contexto político orixinouse con François-René de Chateaubriand en 1818, durante o período de restauración borbónica que procurou reverter as políticas da Revolución Francesa. O termo, historicamente asociado coa política de dereita, dende entón foi usado para describir unha ampla gama de puntos de vista.[4]
Non hai un único conxunto de políticas que sexan universalmente consideradas como conservadoras, porque o significado de conservadorismo depende do que é considerado tradicional nun determinado lugar e tempo. Deste xeito, conservadores de diferentes partes do mundo, cada un mantendo as súas respectivas tradicións, poden discordar nunha ampla gama de cuestións. Edmund Burke, un político do século XVIII que se opuxo á Revolución Francesa, mais apoiou a Revolución Americana, é acreditado como un dos principais teóricos do conservadorismo na Gran Bretaña da década de 1790.[5] De acordo con Quintin Hogg, Presidente do Partido Conservador británico (Partido Conservador) en 1959, "o conservadorismo non é tanto unha filosofía senón unha actitude, unha forza constante, desempeñando unha función intemporal no desenvolvemento dunha sociedade libre e correspondente a unha esixencia profunda e permanente da propia natureza humana".[6] En contraste coa definición de conservadorismo baseada na tradición, teóricos políticos como Corey Robin definen o conservadorismo principalmente en termos dunha defensa xeral da desigualdade social e económica. Nesa perspectiva, o conservadorismo é menos unha tentativa de defender as institucións tradicionais e máis "unha meditación sobre, e unha interpretación teórica, da experiencia sentida de ter poder, velo ameazado e tentar recuperalo".[7][8]