Óscar ó mellor actor
From Wikipedia, the free encyclopedia
O Premio Óscar ó mellor actor é unha das categorías dos Premios Óscar que cada ano entrega a Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas nos Ánxeles (California). Entrégase a un actor que tivese unha interpretación nun papel principal na industria do cinema. Tradicionalmente, o premio é presentado pola gañadora do Óscar á mellor actriz na edición anterior.
A cerimonia da 1ª edición dos Óscar tivo lugar en 1929, e nela Emil Jannings gañou o permio polas súas interpretacións en The Last Command e The Way of All Flesh.[1] Actualmente, as candidaturas determínanse mediante voto singular transferible entre os membros da rama de intérpretes da Academia. Os gañadores elíxense mediante voto plural entre todos os membros con dereito a voto da Academia.[2] Nas primeiras tres edicións dos premios, os actores eran candidatos por todo o seu traballo durante o período (ata por tres filmes nalgúns casos).[3] Porén, durante a 3ª cerimonia, de 1930, só se citou un filme no premio final, aínda que o gañador tivese varios filmes na candidatura.[4]
O ano seguinte, o sistema, complexo e pouco manexable, foi substituído polo actual, en que un actor é candidato por unha interpretación específica nun único filme.[3] A partir da 9ª cerimonia, de 1937, a categoría limitouse a cinco candidaturas.[3] Cinco actores foron candidatos postumamente, James Dean (en dúas ocasións), Spencer Tracy, Massimo Troisi, Chadwick Boseman[5] e o gañador Peter Finch.[6]