Árbores senlleiras de Galicia
figura de protección legal de árbores galegas / From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha árbore senlleira na lexislación galega é unha árbore autóctona ou importada que, polas súas características extraordinarias ou destacábeis (tamaño, idade, rareza, beleza, significación histórica, cultural ou científica etc.) é considerada reliquia botánica. Coa súa declaración, son obxecto de protección, concédeselle garantía de respecto comunitario e foméntase o seu valor científico, cultural, didáctico, paisaxístico ou ornamental.[1][2] A figura de "árbore senlleira" é similar a figuras de protección doutras autonomías españolas e doutros estados europeos.
En Galiza a figura creouse coa "Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza", e que creou o "Catálogo Galego de Árbores Senlleiras de Galicia" e regulou o seu proceso de declaración. Co "Decreto 67/2007, do 22 de marzo" concretouse ese proceso de declaración e conservación desas árbores. Na creación do catálogo, no 2007, engadíronse varios monumentos naturais que xa foran creados polo interese de conservación das súas árbores: a Fraga de Catasós, o Souto da Retorta e o Souto de Rozavales.[2][3]
En Galiza en 2020 estaban declaradas 197 árbores ou formacións arbóreas de 78 especies, entre as cales se atopan carballos, castiñeiros, teixos e sobreiras (entre as especies de árbores autóctonas) e camelias, sequoias ou alciprestes (entre as especies ornamentais ou importadas).[1]