Zhou Xuan
From Wikipedia, the free encyclopedia
From Wikipedia, the free encyclopedia
Zhou Xuan ou Chow Hsuan (chinés tradicional e simplificado: 周璇; pinyin: Zhōu Xuán; Wade-Giles: Chou1 Hsüan2), nome de nacemento Su Pu (chinés tradicional: 蘇璞; chinés simplificado: 苏璞; pinyin: Sū Pú; Wade-Giles: Su1 P'u2), nada en Changzhou o 1 de agosto de 1918 e finada en Shanghai o 22 de setembro de 1957 foi unha cantante e actriz chinesa. Na década de 1940 convertérase nunha das "sete grandes estrelas da canción", sendo a máis coñecida das sete e alcumada a "voz de ouro". Gravou máis de 200 cancións e mantivo unha carreira cinematográfica ata 1954, aparecendo en máis de 40 filmes.[1]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1 de agosto de 1918 Changzhou, República Popular da China (pt) |
Morte | 22 de setembro de 1957 (39 anos) Shanghai, República Popular da China |
Lugar de sepultura | Shanghai |
Actividade | |
Ocupación | cantante, actriz |
Período de actividade | 1932 - |
Instrumento | Voz |
Zhou naceu como Su Pu (蘇璞), mais foi separada dos seus pais naturais de nena e creceu con pais adoptivos. Pasou toda a súa vida buscando os seus pais biolóxicos pero a paternidade non foi establecida ata despois da súa morte.[2] Segundo a posterior pescuda familiar, un parente adicto ao opio levouna con tres anos a outra cidade e vendeuna a unha familia apelidada Wang, que a chamou Wang Xiaohong. Despois foi adoptada por unha familia apelidada Zhou, que lle cambiou o nome polo de Zhou Xiaohong.[3]
Aos trece anos, tomou como nome artístico Zhou Xuan, pois 'Xuan' (璇) significa "xade fermoso" en chinés.
En 1932, Zhou comezou a actuar como membro da Bright Moon Song and Dance Troupe, de Li Jinhui. Cando tiña catorce anos, gañou o segundo premio nun concurso de canto en Shanghai e recibiu o sobrenome de "voz de ouro" (金嗓子) polas súas melodías naturalmente agudas.[1]
Zhou comezou a súa carreira no cinema en 1935 e converteuse nunha estrela en 1937, cando o director Yuan Muzhi a contratou como unha das cantantes de Street Angel. Zhou pasou rapidamente a ser a máis famosa e vendible cantante popular da China na era do gramófono ata a súa morte, cantando moitas melodías coñecidas dos seus filmes.
Entre 1946 e 1950 ía habitualmente a Hong Kong para participar en filmes como "All-Consuming Love" (長相思), "Hua wai liu ying" (花外流鶯), Sorrows of the Forbidden City e "Rainbow Song" (彩虹曲). Tras "Shanghai Nights" (夜上海) en 1949, Zhou volveu a Shanghai. Pasou os seguintes anos entrando e saíndo de institucións mentais, debido a frecuentes ataques. Zhou levou unha complicada e infeliz vida marcada polo seu matrimonio fracasado, fillos ilexítimos e intentos de suicidio. O seu primeiro home foi o compositor Yan Hua (严华, 1912-1992), que escribiu e ás veces interpretou cancións con ela.
En total participou en 43 filmes, sendo o seu favorito Street Angel, que contiña dúas cancións, "Four Seasons Song" (四季歌) e "The Wandering Songstress", que gozaron de gran popularidade.[3] Outras cancións célebres de Zhou Xuan foron "When Will You Return?", "Shanghai Nights" (canción do filme homónimo), "Yellow Leaves Dancing in Autumn Wind" (黃葉舞秋風), "Forever Smile" (永遠的微笑), "Hundred Flower Song" (百花歌), "Advice" (叮嚀), "Where Can the Soul Mate be Found" (知音何處尋) e "Picking Betel Nuts" (採檳榔).
Zhou faleceu en Shanghai en 1957 nun sanatorio mental aos 39 anos durante o movemento antidereitista.[4] Unha posible causa da morte puido ser encefalite tras unha crise nerviosa.
Foi sobrevivida polos seus dous fillos, Zhou Min[5] e Zhou Wei, de diferentes pais. Segundo a biografía de Zhou Min, o fillo máis novo, Zhou Wei, era fillo de Tang Di (唐棣), mentres que o pai de Zhou Min é descoñecido.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.