From Wikipedia, the free encyclopedia
A Xuventude de Galicia, tamén coñecido como Centro Galego en Lisboa, é unha asociación cultural formada en Lisboa (Portugal) no ano 1908, cuxo obxectivo é difundir e dar a coñecer a cultura e as tradicións galegas en todas as súas manifestacións. Na actualidade esta agrupación non só segue a cumprir con estes ideais, senón que tamén funciona como centro de lecer e recreo.
Xuventude de Galicia | |
---|---|
Tipo | asociación cultural |
Data de fundación | 10 de novembro de 1908 |
Sede | Lisboa |
País | Portugal |
38°43′10″N 9°08′28″O | |
Na rede | |
http://www.juventudedagaliza.com/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Fundouse o 10 de novembro do 1908. A primeira xunta directiva estaba constituída por José Lorenzo Covas, Manuel Álvarez Covas, Ramiro Vidal Carrera, Francisco Sánchez, Marcelino Outerelo Rocha, Casimiro Movilla e Ramiro Martín Martín.
Os primeiros cinco presidentes foron Manuel Álvarez Covas, Manuel Álvarez González, Clemente Outerelo Antón, Lorenzo Varela Cid e Álvaro Moreira. No 2015, este cargo pertencía a Constantino Domingos Costal.
Está localizada na Rúa Júlio de Andrade, nº 3 en Lisboa, dende xullo do 1988, por doazón do socio, Manuel Cordo Boullosa, nun palacete construído a finais do século XIX sobre un proxecto dun arquitecto italiano.
A Xuventude de Galicia adícase dende hai máis de cen anos a divulgar a cultura, a historia, os costumes e a gastronomía de Galicia e de España en Portugal.
A súa vocación é a de fomentar, entre os seus asociados, actividades culturais, recreativas e sociais, creando entre eles vencellos de amizade e compañeirismo. Procura tamén manter a continuidade dos valores, costumes e usos tradicionais de Galicia, non deixando de promover, por outra banda, un intercambio cultural con outras asociacións similares co fin de estreitar os lazos culturais existentes entre Portugal e España.
O Centro Galego de Lisboa está inscrito na Federação Portuguesa das Colectividades de Cultura e Recreio e foi declarado de Utilidade Pública o 26 de novembro do 1980, distinción concedida soamente as asociacións que presten servizos relevantes á comunidade ou teñan actividades de interese xeral.
No 2008 publícase Historia dunha emigración difusa. 500 anos de emigración galega a Lisboa, unha obra da colección Memoria Viva, de Acuarela Comunicación. É o resultado de máis de dous anos de traballo de investigación, procura de testemuñas, recompilación documental e produción fotográfica. Con este libro, Xan Leira pretende tamén homenaxear á Xuventude de Galicia polo seu aniversario do primeiro século dende a súa creación.
Neste volume analízase, por primeira vez, o legado e as ensinanzas da migración intrapeninsular e intraeuropea. Esta edición contén o valor histórico de máis de 70 historias editadas e máis dun milleiro de fotografías antigas ou de produción propia, o que converte a este libro en material de consulta para obter unha nova perspectiva sobre a historia da emigración galega.
O local situado no centro de Lisboa onde está estabelecida a sede desta institución acolle unha ampla variedade de actividades.
Dende 1958 divúlganse as danzas e música tradicional de Galicia por parte do grupo “Anaquiños da Terra”.
Tamén conta cun gran número de exposicións, conferencias e moitas outras actividades relacionadas coa cultura e a tradición Galega; o Coro da Xuventude de Galicia, fundado no 2003; un equipo deportivo; un proxecto co obxectivo de ampliar o ámbito do ensino da música máis aló da Escola de Gaitas, que deu lugar a creación da “Escola de Música” no 2011. O Centro colabora tamén coa Sociedade Española de Beneficencia co apoio económico da Xunta de Galicia a pesar de vivir das cotas dos seus socios, cotas das clases, do bar restaurante, festas, donativos e das axudas económicas da Xunta previamente mencionadas.
Cabe destacar a publicación dunha serie de revistas entre as cales atopamos La Voz de Breogán, publicada no 1957, unha revista mensual na cal colaborou Otero Pedrayo; Heraldo de Galicia, creada no 1959 e que informa sobre as actividades da sociedade e publica artigos sobre a cultura galega; Boletín da Xuventude de Galicia, existente en castelán, galego e portugués dende 1970; O Galego, revista trimestral gratuíta que comezou a redactarse no 1988; Galicia ao Lonxe, fundada no 1994, publica artigos sobre a cultura galega e portuguesa ademais doutras actividades culturais como cine, fotografía e concertos.
Dentro dos servizos que a institución ofrece atopamos a biblioteca que leva o nome do seu benfeitor “Manuel Boullosa” e que contén diversa documentación, en galego ou sobre Galicia, e tamén, aínda que en menor medida, en castelán, portugués e francés e conta con case 11 000 exemplares, entre libros, publicacións periódicas, rexistros sonoros e audiovisuais.
O fondo bibliográfico está formado por uns 10 800 libros, dos que case 10 000 están en galego. Estas cifras son estimativas, xa que o proceso de catalogación foi interrompido e posteriormente retomado.
Por non estar completo o proceso de catalogación, o servizo limítase a consultas e asesoramento, aínda que nalgúns casos realízanse préstamos dos libros.
Iniciáronse tamén dous fondos especiais, que son considerados de grande importancia, o Fondo Emigración Galega, con aproximadamente uns 216 títulos; e o Fondo Camiño de Santiago, que contén aproximadamente uns 168 títulos e que tenta divulgar e ofrecer todo o material e información posíbel do Camiño Portugués.
Por segundo ano consecutivo,[cando?] este centro cultural contou coa colaboración dunha asociación portuguesa de recente[cando?] creación, a Asociación de Peregrinos Vía Lusitana (APVL), que está a actualizar moita información importante relativa ao Camiño Portugués, que vai de Lisboa a Tui, ficando así, esa parte máis descoñecida, un pouco máis completa e actualizada.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.