emperador romano entre 361 e 363 From Wikipedia, the free encyclopedia
Flavio Claudio Xuliano, nado entre o ano 331 e o 332 e finado o 26 de xuño de 363, foi un emperador romano que gobernou desde o 361 ata a súa morte. Alcumado polas fontes cristiás como Xuliano o Apóstata, pola súa suposta conversión ao paganismo.
Xuliano foi fillo de Xulio Constantino coa súa segunda esposa Basilina. Os seus avós paternos foron o emperador Constancio Cloro (que gobernou durante a tetrarquía) e a súa segunda esposa, Flavia Maximiana Teodora. O seu avó materno foi Caeionius Iulianus Camenius. O seu pai era tamén medio irmán do emperador Constantino I.
Sendo neno, Xuliano foi testemuña do asasinato da súa familia polo seu curmán e emperador cristián Constancio II en 337. Isto, como el mesmo afirmou, deu inicio á súa desconfianza cara ao cristianismo. O seu medio irmán Galo e el foron levados aos dominios imperiais de Macelum.
Despois de que o seu irmán Constancio Galo fose feito emperador no leste (ano 351), e executado ao seguinte ano por Constancio II, Xuliano foi chamado a presenza do emperador en Mediolanum (Milán). En 355 foi feito César da parte occidental do Imperio e casado coa irmá de Constancio, Helena. Nos seguintes anos loitou contra as tribos xermánicas que trataban de introducirse no imperio. Nesta loita recuperou Colonia Agripina (a actual cidade de Colonia) en 356, derrotando aos alamáns en Argentoratum (batalla de Estrasburgo) e asegurando a fronteira do Rin por outros cincuenta anos. En 360, Constancio ordenoulle transferir ás súas tropas galas ao exército do leste, o que provocou unha insurrección que fixo que as súas tropas o proclamasen emperador, e que conduciu a unha rápida campaña para asegurar ou gañar alianzas. Só puido evitarse a guerra civil pola morte de Constancio II, quen antes recoñecería no seu testamento a Xuliano como o seu lexítimo sucesor.
Os cristiáns coñecen a Xuliano como «O Apóstata», porque existe a crenza de que se converteu desde o cristianismo ao paganismo. El mesmo testemuña en cartas privadas co mestre de retórica Libanio, que o cristianismo lle foi imposto desde neno, pero que el nunca aceptara realmente ningunha relixión ata a súa lectura dos poemas de Homero, que son algúns dos textos máis importantes para a relixión dos gregos. Trala súa conversión ao helenismo, dedicou a súa vida a protexer e restaurar a fama e a seguridade das antigas tradicións, así como doutras tradicións relixiosas como o xudaísmo da persecución por parte dos cristiáns.
Xuliano terminou coa persecución cara aos pagáns e coa destrución dos templos que se iniciou coa aceptación por parte do emperador Constantino I das teses do cristianismo niceno. Durante os seus primeiros anos, mentres estudaba en Atenas, coñeceu a dous homes que logo se converterían en bispos e santos: Gregorio Nazario e Basilio o Grande. Malia que Constantino legalizara o cristianismo, esta relixión non foi declarada relixión oficial do estado ata que Teodosio I o faga en 380 en virtude do Edicto de Tesalónica. Constantino e o seu inmediato sucesor prohibiran a conservación dos templos pagáns, e moitos destes templos foron destruídos e os seus fieis asasinados durante o reinado destes dous primeiros emperadores cristiáns. Non se sabe de certo o grao de implicación que estes emperadores tiveron nesta persecución dos pagáns, aínda que se pode asegurar que non a impediron.
As conviccións relixiosas de Xuliano son motivo de considerábeis disputas. Xuliano non chegou a practicar o paganismo propio dos primeiros anos do imperio, senón unha especie de aproximación esotérica á filosofía clásica identificada por algúns como Teúrxia ou Neoplatonismo. Calquera que fosen as súas prácticas privadas, non eran de orixe cristiá. De acordo coa Escola de Sócrates, Xuliano crese a si mesmo Alexandre Magno, reencarnado noutro corpo por vía da transmigración de almas, como propoñían Platón e Pitágoras (Libro III, Capítulo XXI dos seus escritos).
Moitas das accións de Xuliano trataban de acosar e minar a capacidade dos cristiáns para organizarse nunha resistencia contra o restablecemento das crenzas pagás no imperio. As preferencias de Xuliano por un punto de vista non cristián e non filosófico da Teúrxia pareceu convencelo acerca de poñer fóra da lei a práctica do punto de vista cristián da Teúrxia, así como ordenar a supresión do conxunto cristián de Misterios.
As igrexas ortodoxa e católica contan unha historia sobre os seus gardacostas cristiáns: cando Xuliano chegou a Antioquía, deu ordes de esparexer sangue procedente da adoración dos ídolos por toda a comida do mercado así como nos depósitos de auga. Isto faría que os cristiáns da cidade non puidesen comer nin beber sen violar as súas crenzas. Ambos gardacostas opuxéronse a esta orde, polo que foron executados por orde de Xuliano. A Igrexa Ortodoxa recórdaos como os santos Xuventino e Máximo.
Nas escolas, un edicto de Xuliano prohibía aos mestres cristiáns usar os escritos pagáns, por exemplo, a Ilíada, que eran o núcleo da educación romana. Isto foi un intento de disolver parte do poder das escolas cristiás mediante a discriminación dos seus estudantes da sociedade romana, sen mencionar a situación satírica do que Xuliano podería ver como un acto de hipocrisía: as escolas cristiás ensinando a Biblia como única fonte de coñecemento mentres de forma simultánea ensinaba tamén os textos clásicos pagáns, o coñecemento dos cales era necesario para o éxito na sociedade romana.
No seu edicto de tolerancia de 362, Xuliano decretou a reapertura dos templos pagáns, a restitución das propiedades alienadas a estes, e reclamou de volta aos bispos cristiáns que foran exiliados polos edictos da igrexa. Isto último foi unha forma de aceptar os diferentes puntos de vista relixiosos, aínda que tamén podería ser un intento de Xuliano de abrir un cisma entre as diferentes seitas cristiás, debilitando o movemento cristián no seu conxunto.
Trala súa chegada a Antioquía en preparación da guerra contra Persia, e dado que o templo de Apolo sufrira un incendio, Xuliano creu aos cristiáns responsábeis, polo que lles pechou a súa igrexa principal.
En 363, Xuliano dirixiuse cara a Persia, deténdose nas ruínas do templo de Salomón en Xerusalén. Mantendo a súa política de fortalecemento doutras relixións non cristiás, Xuliano ordenou a reconstrución do templo. Un dos seus amigos persoais, Amiano Marcelino, escribiu sobre este particular:
Xuliano pretende reconstruír a un prezo extravagante o que unha vez fora orgulloso templo de Xerusalén, encargando esta tarefa a Alipio de Antioquía. Alipio púxose niso con vigor, axudado polo gobernador da provincia; entón unhas temíbeis bólas de lume estalaron preto das obras, e tras continuados ataques, os obreiros abandonaron e non volveron achegarse ás obras.
O fracaso en reconstruír o templo foi atribuído a un terremoto, moi comúns na rexión, e á ambivalencia dos xudeus sobre o proxecto. Especúlase tamén coa posibilidade dun sabotaxe, así como dun lume accidental. Para os historiadores da igrexa da época o fracaso debeuse á intervención divina.
En 362, Xuliano iniciou a súa campaña contra os persas, saíndo de Constantinopla. Xuliano foi enganado por un desertor persa, que guiou ao seu exército dentro do deserto e, tras descubrir o engano, Xuliano intentou levar ás súas forzas en retirada á seguridade das fronteiras romanas. Durante esta retirada, o 26 de xuño de 363, Xuliano morreu nunha batalla vitoriosa aínda que sen consecuencias militares: a batalla de Ctesifonte. Estaba tan confiado na súa vitoria (ou simplemente foi tan descoidado), que nin sequera levaba armadura, recibindo unha ferida mortal por unha frecha ou lanza. Libanio escribiu que Xuliano foi asasinado por un soldado cristián do seu propio exército, aínda que esta acusación non foi corroborada por Amiano Marcelino nin por ningún outro historiador contemporáneo. Xuliano foi sucedido por Xoviano, un emperador cristián de curta vida.
Considérase que a versión de que as súas últimas palabras fosen «Vicisti Galilæ» (venciches, Galileo) é de orixe apócrifa. Segundo Gore Vidal, o invento pertence ao apoloxista cristián Teodoreto, quen o escribiu un século logo da morte de Xuliano. A frase inicia o poema de 1866 Himno a Proserpina, de Algernon Swinburne, onde o poeta inglés se lamenta do triunfo do cristianismo por cuxa culpa "o mundo volveuse gris". A vida de Xuliano inspirou tamén a obra O Emperador e o Galileo, de Henrik Ibsen, así como as novelas históricas Xuliano, de Gore Vidal (1964), Deuses e Lexións, de Michael Curtis Ford (2002) e O Último Pagán de Adrian Murdoch (2004).
Imperio Romano | ||
---|---|---|
Segue a: Constancio II |
Xuliano | Precede a: Xoviano |
dinastía Constantiniana |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.