Vogal temática
From Wikipedia, the free encyclopedia
A vogal temática é un constituínte da flexión verbal que permite a clasificación dos verbos en conxugacións. Está situada entre a raíz verbal e o sufixo modo-temporal, se ben non tódalas formas do paradigma verbal teñen vogal temática, é o caso do presente de subxuntivo.
Así a todo, hai diverxencias en canto á consideración da entidade ou localización da vogal temática. Tres son as interpretacións que se fan da mesma:
- a vogal temática é parte do radical,
- a vogal temática é independente da raíz e do morfema modo-temporal
- a vogal temática é parte do morfema de modo e tempo.
Na análise da flexión verbal do portugués, Mattoso Câmara segmenta catro constituíntes:
- o radical (R), formado por un morfema lexical que pode levar morfemas derivacionais;
- a vogal temática (VT), que amplía o radical e serve para clasificar morficamente os verbos;
- o sufixo modotemporal (SMT), con amálgama das nocións gramaticais de modo e tempo;
- o sufixo número-persoal (SNP), onde están amalgamadas as nocións de número e persoa do suxeito.
Os dous primeiros constituíntes forman o tema (T) e os outros o sufixo flexional (SF).
Na descrición sincrónica do verbo galego realizada por Antón Santamarina aplícase o método proposto por Mattoso Câmara, con idéntica segmentación e consideración da vogal temática verbo dos outros tres constituíntes. E o mesmo se fai na Gramática Galega[1].
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.