Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
O virus da rabia é un virus neurotrópico do xénero Lyssavirus que causa a enfermidade fatal da rabia en animais e humanos. A transmisión do virus da rabia adoita ocorrer a través da saliva de animais.
Rabia | |||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Micrografía electrónica de virións do virus da rabia (partículas con forma de bastón grises escuras) e corpos de Negri (as grandes inclusións celulares características da infección da rabia.) | |||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||
|
O virus da rabia ten unha morfoloxía cilíndrica e é a especie tipo do xénero Lyssavirus da familia Rhabdoviridae. Estes virus teñen envoltura e un xenoma de ARN monocatenario de sentido negativo. A información xenética está empaquetada en forma dun complexo ribonucleoproteico no cal o ARN está estreitamente unido ás nucleoproteínas virais. O xenoma de ARN do virus codifica cinco xenes cuxo orde está moi conservado. Estes xenes codifican unha nucleoproteína (N), fosfoproteína (P), proteína da matriz (M), glicoproteína (G) e a ARN polimerase (L).[1] A secuencia xenómica completa vai desde 11.615 a 11.966 nucleótidos de lonxitude.[2]
Todos os eventos de transcrición e replicación teñen lugar no citoplasma dentro dunha "fábrica de virus" especializada chamada corpo de Negri (chamada así en honor de Adelchi Negri[3]). Estes corpos teñen de 2 a 10 µm de diámetro e son característicos (patognomónicos) da infección da rabia e considéranse unha proba histolóxica definitiva desta infección.[4]
O virus da rabia ten unha simetría helicoidal, o cal non é moi común entre os virus que afectan aos mamíferos. Un dos extremos do virus é arredondado ou cónico e o outro é plano ou cóncavo, o que lle dá unha característica forma de bala. Ten unha lonxitude duns 180 nm e un diámetro en sección duns 75 nm. A envolta lipoproteica ten espículas con forma de protuberancia compostas pola glicoproteína G. As espículas non cobren o extremo plano do virión (partícula vírica). Debaixo da envoltura está a membrana ou capa da proteína da matriz (M), que pode estar invaxinada no extremo plano. O centro do virión está formado pola ribonucleoproteína disposta helicoidalmente.
Despois da unión do virus ao seu receptor da superficie da célula hóspede, o virus entra na célula por medio da vía de transporte endosómica. Os valores baixos do pH inducen o proceso de fusión de membranas, que permite que o xenoma viral chegue ao citosol. Ambos os procesos, unión ao receptor e fusión de membranas, están catalizados pola glicoproteína G, que xoga un papel crítico na patoxénese (un virus mutante sen as proteínas G non pode propagarse).[1]
O seguinte paso despois da entrada é a transcrición xenética do xenoma viral pola P-L polimerase (P é un cofactor esencial para a L polimerase) para fabricar as novas proteínas virais. A polimerase viral só pode recoñecer a ribonucleoproteína e non pode utilizarse cun molde de ARN puro. A transcrición está regulada por un elemento cis regulador do xenoma vírico e pola proteína M, que non só é esencial para a evaxinación do virus da célula senón que tamén regula a fracción da lonxitude do ARNm para a replicación. Posteriormente, cando está máis avanzada a infección, a actividade da polimerase cambia á replicación para producir copias de ARN de sentido positivo e de lonxitude completa. Estes ARN complementarios utilízanse como moldes para facer novos xenomas do ARN vírico de sentido negativo. Estes son empaquetados xunto coa proteína N para formar ribonucleoproteínas, que despois poden formar novos virus.[4]
En 1903 Adelchi Negri, o médico italiano describiu por primeira vez os corpos de Negri, que cría eran orixinados por protozoos. En setembro de 1931, o Dr. Poupe Charles Jones da illa caribeña de Trinidad, daquela nas Indias Occidentais, que era un bacteriólogo do goberno, encontrou os corpos de Negri no cerebro dun morcego con comportamento infrecuente, e afirmou que un virus da rabia era esencial para explicar a lisofobia. En 1932, o Dr. Russ Pfister foi o primeiro que descubriu que os morcegos vampiros infectados podían transmitir a rabia aos humanos e outros animais.[5][6]
Desde a ferida de entrada, o virus da rabia viaxa rapidamente ao longo das vías nerviosas do sistema nervioso periférico.O transporte axonal retrógrado do virus da rabia ata o sistema nervioso central é un paso esencial para a patoxénese durante a infección natural. O mecanismo molecular exacto deste transporte non se coñece aínda que se sabe que se produce a unión da proteína P do virus da rabia á proteína DYNL1 da cadea lixeira da dineína.[7] A proteína P tamén actúa como antagonista do interferón, polo que fai diminuír a resposta inmunitaria do hóspede.
Desde o sistema nervioso central, o virus espállase a outros órganos. As glándulas salivares localizadas na boca reciben grandes concentracións do virus, que deste xeito pode transmitirse por proxección da saliva sobre feridas e mucosas ou mordedelas do animal. Segundo os casos, pode producirse a morte desde dous días a cinco anos despois da infección inicial.[8] Porén, isto depende en grande medida da especie de animal que actúa como reservorio. A maioría dos mamíferos infectados morren en semanas, mentres que certas razas de especies como a mangosta africana Cynictis penicillata poden sobrevivir asintomaticamente a unha infección durante anos.[9]
Despois da entrrada do virus no corpo e tamén despois da vacinación contra este virus, o corpo produce anticorpos neutralizadores do virus, que se unen e inactivan ao virus. Rexións específicas da proteína G son as máis antixénicas para orixinar a produción de anticorpos neutralizantes do virus. Estes sitios antixénicos ou epitopos están categorizados nas rexións I-IV e o sitio menor a. Traballos previos demostraran que os sitios antixénicos II e III son os máis comunmente usados para a unión dos anticorpos neutralizantes naturais.[10] Ademais, demostrouse que un anticorpo monoclonal con funcionalidade neutralizante se une ao sitio I.[11] Outras proteínas, como a nucleoproteína, non poden orixinar a produción de anticorpos neutralizantes do virus.[12] Os epitopos aos que se unen os anticorpos neutralizantes son ambos os dous lineares e conformacionais.[13]
Hai sete xenotipos de lisavirus da rabia. Os casos en Eurasia débense a tres deles (o xenotipo 1 ou rabia clásica, e en menor medida os xenotipos 5 e 6 ou lisavirus do morcego europeo tipos 1 e 2).[14] O xenotipo 1 evolucionou en Europa no século XVII e espallouse por Asia, África e as Américas como resultado da exploración e colonización europea. O xenotipo 1, ou virus da rabia clásica, é prevalente na maior parte do mundo, pode ser transportado por calquera mamífero, e é a especie tipo do xénero.
O virus da rabia utilízase en investigación para o rastreo neuronal viral para establecer as conexións sinápticas e a direccionalidade da transmisión sináptica.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.