Remove ads
filólogo, lexicógrafo, folclorista e crítico literario español From Wikipedia, the free encyclopedia
Vicente García de Diego, nado en Vinuesa (Soria) o 2 de decembro de 1878 e finado en Madrid o 5 de decembro de 1978, foi un filólogo, lexicógrafo, folclorista e crítico literario español, que dedicou especial interese á lingua galega.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 2 de decembro de 1878 Vinuesa, España |
Morte | 5 de decembro de 1978 (100 anos) Madrid, España |
Procurador en Cortes | |
29 de novembro de 1956 – 14 de abril de 1958 ← Rafael Estrada Arnáiz Lexislatura: V lexislatura das Cortes franquistas | |
Datos persoais | |
Educación | Universidade de Zaragoza |
Actividade | |
Lugar de traballo | Madrid |
Ocupación | lexicógrafo, político |
Membro de | |
Alumnos | Rafael Lapesa |
Familia | |
Fillos | Carmen García de Diego López |
Premios | |
Era fillo de Juan José García de Leániz, militar isabelino que foi gobernador militar da provincia de Soria e participara nas guerras carlistas. O seu pai, farto das súas falcatruadas infantís e máis do seu desinterese polos estudos, xunto cun irmán dous anos maior, mandounos a se gañaren a vida na Arxentina, cando contaba tan só 12 anos de idade. Alí conseguiu aforrar para a pasaxe de volta. Xa na España, centrouse nos estudos. Cursou brillantemente en Soria o bacharelato, para logo licenciarse en Filosofía e Letras pola Universidade de Zaragoza.
En 1903, con 25 anos de idade, aprobou por oposición a cátedra de latín e castelán do Instituto de Pontevedra, da que tomou pose en 1904. De seguida, entrou nos círculos intelectuais da cidade, facendo relacións con Casto Sampedro Folgar, Víctor Said Armesto, os irmás Muruais, e outros. Á par mantiña correspondencia con Andrés Martínez Salazar e Florencio Vaamonde Lores. De Diego viña preparado para estudar o idioma galego, mais botou pouco tempo en Galiza. Porén, froito da súa dedicación, dou ao prelo Elementos de gramática histórica gallega, editada en Burgos en 1909 e que constituíu a primeira gramática histórica da lingua galega.
Dous anos despois, trasladouse para Soria, onde profesou tamén a cátedra de latín, e onde trabou unha profunda amizade co poeta Antonio Machado, catedrático de francés no mesmo instituto. En 1916 pasou para Zaragoza, onde residiu os dous cursos seguintes. En 1919, trasladouse como catedrático para o Instituto Cardenal Cisneros de Madrid, do que foi director varios anos.
Foi elixido académico da Real Academia de la Lengua Española en 1926, e desde 1944 exerceu como bibliotecario perpetuo da mesma. Desempeñou como profesor agregado da universidade algúns cursos de latín e de Dialectoloxía española.
Traballou tamén no Centro de Estudios Históricos e máis no Consejo Superior de Investigaciones Científicas. Dirixiu a Revista de Filología Española e máis fundou e dirixiu a Revista de Dialectología y Tradiciones Populares. A maior parte dos seus traballos están publicados nestas revistas e no Boletin de la Real Academia de la Lengua Española, no que mantivo unha sección, "Notas etimológicas", entre 1931 e 1963. En 1930 foi nomeado conselleiro de Instrución Pública. Posuía as Palmas académicas de Francia, a placa da Encomenda de Afonso X o Sabio e outras máis. Foi correspondente das Academias portuguesa, galega e máis algunhas americanas.
Como filólogo consagrouse especialmente á etimoloxía, a dialectoloxía, a historia lingüística e a morfoloxía da lingua española en especial. Con interese mundial investigou as voces naturais e as onomatopeicas. Como folklorista interesouse sobre todo polas lendas, publicando un denso estudo sobre delas, como introdución á súa monumental Antología de leyendas. Preocupouse pola didáctica da lingua e a literatura do español e do latín, elaborando libros de texto e de exercicios para ambas. Realizou tamén edicións de autores clásicos españois como Íñigo López de Mendoza, Diego de Saavedra Fajardo, Fernando de Herrera e Juan de Ávila. Tamén cultivou a literatura de creación, no campo da lírica.
Xubilouse en 1948, mais continuou a investigar e publicar até poucos anos antes de falecer, en 1978, aos tres días de cumprir os 100 anos de idade.
En 1999 o Círculo de Lectores reeditou en Barcelona parte da Antología de leyendas (Barcelona, Labor, 1953), nunha edición divulgativa que omitiu o seu estudo introdutorio. Parte dos seus herdeiros entenderon que se cercenara a obra e non autorizaron novas reedicións. Xa antes, en 1984, a Universidade de Santiago de Compostela, reeditara os seus Elementos de gramática histórica gallega, practicamente descoñecida polos novos estudantes de filoloxía, pois a anterior publicación de 1909, era pouco accesible.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.