Consello Superior de Investigacións Científicas
From Wikipedia, the free encyclopedia
O Consejo Superior de Investigaciones Científicas ou Consello Superior de Investigacións Científicas, tamén coñecido polo acrónimo CSIC, é un organismo público autónomo estruturador da Ciencia e Tecnoloxía españolas. Pertence ó Ministerio de Ciencia e Innovación. O seu logotipo é a Árbore da Sabedoría.
Orixe
Fundouse no ano 1939, en substitución da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas (JAE) que se fundara no ano 1907 no seo da Institución Libre de Enseñanza (ILE).[1] A ILE comezaba a ser unha das institucións científicas máis importantes en Europa e tiña contado con colaboracións de científicos mundiais do máis alto nivel como Charles Darwin, Henri Bergson e León Tolstoi. A JAE foi dirixida por Santiago Ramón y Cajal até o seu pasamento en 1934, e foi reestruturada polo goberno franquista co nome de CSIC. A antiga Junta para la Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas converteuse nun centro cun baixo peso na investigación europea e formado por científicos dun nivel medio mediocre,[2] pois a meirande parte deles tiveron que marchar ao exilio, principalmente a México. Dá idea do tipo de cambios introducidos polo franquismo o feito de que os homes fortes desta nova institución foran, por unha banda o seu presidente, o ministro de Educación José Ibáñez Martín, e por outra o membro do Opus Dei, o edafólogo José María Albareda. En xullo de 2024, foi o CSIC retirou un cadro en homenaxe ao seu primeiro director da ditadura, debido á súa participación na represión franquista.[3]
Funcionamento
Réxese pola Lei de Fomento e Coordinación Xeral da Investigación Científica e Técnica (Lei 13/1986 de 14 de abril).
Os obxectivos e funcións actuais do CSIC, de acordo coa citada Lei e co seu regulamento (R.D. 140/1993 de 29 de xaneiro), son:
- Realizar proxectos de investigación científica e tecnolóxica.
- Asesorar ás administracións en materia científica.
- Fomentar a ciencia
- Colaborar coas Comunidades Autónomas nas súas propias actividades de investigación.
- Colaborar coas universidades nas súas propias actividades de investigación.
- Formación de investigadores e técnicos científicos.
- Colaborar co Plan Nacional de I+D.
Divulgación
Dentro do fomento da ciencia, o CSIC contempla tamén a divulgación. Así, durante a pandemia do COVID-19, na súa web púidose ver unha páxina cunha relación de ligazóns a instrumentos didácticos e de iniciación á investigación.[4]
Delegación en Galicia
Da Delegación en Galicia do CSIC dependen o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, o Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, o Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia, a Misión Biolóxica de Galicia e o Instituto de Ciencias do Patrimonio.
Conta cunha Unidade de Cultura Científica (UCC) para promover a divulgación.[5]
Galería de imaxes
- Instituto de Investigación en Intelixencia Artificial.
- Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento.
- Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo.
- Misión Biolóxica de Galicia.
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.