From Wikipedia, the free encyclopedia
Un automóbil eléctrico é un vehículo para transporte de persoas ou de mercadorías, propulsado por un ou máis motores eléctricos, usando enerxía eléctrica almacenada normalmente en baterías recargables. Os motores eléctricos proporcionan aos automóbiles eléctricos un par motor instantáneo, proporcionando unha aceleración rápida. Son tamén até tres veces máis eficientes que un motor de combustión interna.[Cómpre referencia]
A decembro de 2019 circulaban no mundo 7,2 millóns de vehículos eléctricos, contando os eléctricos puros (dous terzos) e os híbridos enchufables (o resto). China ten a maior frota de automóbiles eléctricos en uso, con 3,4 millóns, o 47% do parque global, seguido de Europa con 1,7 millóns (25%), e os Estados Unidos con 1,45 millóns (20%).[2]
Os primeiros coches eléctricos xurdiron na década de 1880.[3] De feito, os coches eléctricos foron populares a finais do século XIX e comezos do século XX, ata que os avances nos motores de combustión interna, sobre todo coa introdución do motor de arranque eléctrico, e a produción en masa de coches de gasolina máis baratos e cun combustible a bo prezo levaron ao declive do uso de coches eléctricos.
Tras varias décadas no esquecemento, a crise do petróleo de 1973 produciu un breve renacemento no interese polos vehículos eléctricos durante a década de 1970 e 1980, aínda que tampouco chegaron a alcanzar a comercialización en masa.[4][5]
Na actualidade,[cando?] varios gobernos nacionais e locais estableceron incentivos para os vehículos eléctricos ou híbridos enchufables, exencións de impostos e outras axudas para promover a introdución e a adopción no mercado deste tipo de vehículos. Os vehículos eléctricos son significativamente máis silenciosos que os vehículos de combustión interna. Non emiten contaminantes durante a súa circulación, posibilitando unha gran redución da contaminación local e dependendo do método usado para a xeración da electricidade empregada, poden comportar unha significativa redución da emisión de gases de efecto invernadoiro.[6]
Esta sección precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada. Por favor, axude mellorando esta sección. |
Actualmente a infraestrutura de recarga para coches eléctricos atópase avanzada en todos os países de Europa grazas aos avances realizados nos últimos anos. España en particular atópase á cabeza na rede de recarga rápida, xa que dispón de 1244 puntos de recarga rápida, contando con 33 211 coches eléctricos.[9][10] Trátase do país europeo con mellor proporción de cargadores rápidos por coches eléctricos. Este despregamento segue crecendo grazas aos plans de expansión das compañías de instalación e recarga. En 2018, Iberdrola anunciou a maior rede de estacións de recarga rápida en autovías e corredores en España, coa instalación de 200 estacións de recarga rápida: polo menos unha cada 100 km das principais vías, que se suma á previsión de instalar 25 000 puntos de recarga até o ano 2021, incluíndo 16 000 en fogares e 9 000 en empresas que ofrezan recargar aos seus empregados.[11][12]
País | Coches eléctricos | Puntos de recarga rápida |
---|---|---|
Alemaña | 216,264 | 5,074 |
Reino Unido | 212,651 | 4,008 |
Noruega | 274,207 | 3,426 |
Francia | 180,277 | 1,975 |
España | 33,211 | 1,242 |
Holanda | 152,510 | 1,069 |
Suecia | 87,031 | 1,023 |
Suíza | 37,596 | 846 |
Italia | 25,363 | 833 |
Austria | 30,273 | 575 |
Os vehículos eléctricos destacan polo seu alto rendemento na transformación da enerxía eléctrica da batería na enerxía mecánica coa que se moverá o vehículo (60-85%), fronte ao rendemento da transformación da enerxía do depósito de gasolina na enerxía mecánica que move un vehículo de gasolina (15-20%).[15] O presente e futuro das baterías do vehículo eléctrico parece pasar pola batería de ión de litio, que cada vez se fabrica con maior densidade de carga e lonxevidade permitindo mover motores máis potentes, aínda que por agora a autonomía media dun utilitario eléctrico se atopa ao redor dos 150 km. No entanto, deportivos eléctricos máis caros conseguiron aumentar esa autonomía até os 483 km, como o modelo de 70 kWh do Tesla Roadster. Co obxectivo de saber o consumo que supón o vehículo eléctrico, existen distintas ferramentas, como o programa CEVNE[16] ou o usar táboas de consumo cada 100 km dos principais vehículos eléctricos saídos e por saír nun curto prazo de tempo e o consumo de kWh da batería por cada 100 km de cada un deles e da media.
Modelo | (kWh) | Autonomía (km) | kWhBatería/100km |
---|---|---|---|
Mega e-City[17] | 9 | 100 | 9 |
Reva L-ion[18] | 11 | 120 | 9,17 |
Think City[19] | 25 | 200 | 12,50 |
Mitsubishi i-Miev[20] | 16 | 130 | 12,31 |
Citroën C-Zero[21][22] | 16 | 130 | 12,31 |
Renault Fluence ZE[23] | 24 | 175 | 13,71 |
Nissan Leaf[24] | 24 | 160 | 15,00 |
Tesla Roadster 42 | 42 | 257 | 16,34 |
Tesla Roadster 70[25] | 70 | 483 | 14,49 |
MEDIA | 26,11 | 193 | 12,76 |
Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente. |
Os turismos eléctricos máis vendidos en Europa no 2021 foron:[26]
Modelo | Europa 2021 |
---|---|
Tesla Model 3 | 142.905 |
Renault ZOE | 72.562 |
Volkswagen ID.3 | 69.567 |
Volkswagen ID.4 | 55.006 |
Kia e-Niro | 46.705 |
Fiat 500 | 44.492 |
Skoda Enyaq | 44.402 |
Hyundai Kona Eléctrico | 43.415 |
Peugeot e-208 | 42.605 |
Volkswagen e-up! | 40.835 |
Nissan Leaf | 35.790 |
Audi e-tron | 31.705 |
Mini eléctrico | 29.744 |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.