From Wikipedia, the free encyclopedia
Toto é unha banda americana de rock formada nos Ánxeles (California) en 1976. O grupo está composto por Joseph Williams (voz principal), David Paich (teclados), Steve Porcaro (teclados), Steve Lukather (guitarra, voz), Mike Porcaro (baixo), e Simon Phillips (batería). Toto son coñecidos por un estilo musical que combina pop, rock, soul, funk, rock progresivo, hard rock, R&B e jazz.
Toto | |
---|---|
Toto en 2010 | |
Orixe | Os Ánxeles, California, Estados Unidos |
Período | 1976-2008, 2010-presente |
Xénero(s) | arena rock, hard rock, surf rock, rock progresivo |
Selo(s) discográfico(s) | Columbia, Frontiers, Toto Recordings |
Membros | Steve Lukather David Paich Steve Porcaro Mike Porcaro Joseph Williams Simon Phillips |
Antigos membros | Jeff Porcaro Bobby Kimball David Hungate Dennis Frederiksen Jean-Michel Byron Greg Phillinganes |
Na rede | |
www.totoofficial.com | |
David Paich e Jeff Porcaro tocaban xuntos coma músicos secundarios en moitos álbums, e decidiron formar un grupo. David Hungate, Steve Lukather, Jim Potocki, Steve Porcaro e Bobby Kimball uníronse ao grupo antes do lanzamento do primeiro álbum. A banda tivo un grande éxito comercial a final dos anos 70 e nos 80, comezando co álbum de debut homónimo en 1978. Co lanzamento de Toto IV en 1982, álbum que tivo un grande éxito e moi boas críticas, Toto converteuse nunha das bandas con maiores vendas da súa época. Son coñecidos por éxitos coma ""Hold the Line", "Rosanna", ou "Africa". Malia que a súa popularidade nos Estados Unidos diminuíu nos anos 90 e 2000, seguiron sendo populares internacionalmente, facendo só uns poucos concertos nos Estados Unidos. Co tempo houbo moitos cambios no grupo. En 2008, Lukather anunciou a súa marcha do grupo, e os demais membros da banda separaron os seus camiños pouco despois. No verán de 2010, Toto volveron e fixeron unha pequena xira europea con novos membros en beneficio de Mike Porcaro, a quen lle diagnosticaran unha esclerose lateral amiotrófica.[1]
A banda lanzou un total de 17 álbums, e vendeu ao redor de 35 millóns de discos. O grupo gañou numerosos premios Grammy e foi incluído no Hall of Fame de músicos no ano 2009.
Os membros de Toto participan en álbums de Steely Dan, Seals and Crofts, Boz Scaggs, Sonny and Cher e moitos outros, contribuíndo a moitas das gravacións máis populares dos anos 70. O teclista David Paich, fillo do tamén músico Marty Paich, deuse a coñecer tras axudar a escribir gran parte do álbum dos Scaggs, Silk Degrees. Tras tocar en moitas sesións co batería Jeff Porcaro (fillo do percusionista Joe Porcaro), a quen coñeceu no Grant High School en North Hollywood, California, onde formaron a banda Rural Still Life, os dous comezaron a estudar a posibilidade de formar a súa propia banda. Conseguiron ao baixista David Hungate, con quen tocaran nalgunha xira cos Boz Scaggs. Ademais, decidiron chamar para o grupo a Steve Lukather (quen tamén tocara para os Scaggs coma substitución de Les Dudek), e ó irmán de Jeff, Steve Porcaro, teclista. Lukather e Steve Porcaro foron compañeiros no instituto, e continuaron coa banda Rural Still Life despois de que Paich e Jeff se graduasen. Coa incorporación do cantante Bobby Kimball, o grupo comezou a traballar no seu primeiro disco despois de asinar con Columbia Records.
Unha vez formada a banda, David Paich comezou a compoñer o que sería o álbum de debut homónimo, Toto. Segundo un mito popular, nas primeiras sesións de gravación, para distinguir as cintas propias das dos demais grupos, Jeff Porcaro escribiu a palabra "Toto" nelas. A comezou dos anos 80, os membros da banda contáronlle á prensa que o nome viña polo can de O Mago de Oz. Un rumor popular é que o nome viña do "verdadeiro" apelido de Bobby Kimball, Toteaux. Este rumor era unha broma do baixista David Hungate.[2] Tras rematar o primeiro álbum, a banda e o traballo seguían aínda sen nome. David Hungate, tras ver o nome nas cintas, explicoulles aos demais membros que a palabra "Toto" en latín significaba "todo englobado". Coma a banda tocaba en numerosos estilos e xéneros musicais, puxéronse o nome de Toto.
Tras o lanzamento do disco, Toto subiu rapidamente nas listas, gañando popularidade co sinxelo "Hold the Line", ademais de "I'll Supply the Love" e "Georgy Porgy". O grupo gañou fama internacional e foi nomeado aos premios Grammy coma mellor novo artista. Pouco despois, a comezos de 1979, fixeron a súa primeira xira por América, promocionando o seu álbum de debut. Para esa xira, Toto contou con dous músicos adicionais, Tom Kelly (guitarra, coros) e Lenny Castro (percusión) para aumentar a profundidade do son, e continuaron contando con máis músicos adicionais nas xiras posteriores.
Ao remate da primeira xira, a banda comezou a traballar no seu seguinte álbum, titulado Hydra, que foi editado nese mesmo ano e que tiña a canción "99", inspirada pola película THX 1138, de George Lucas.[3] Preto de 30 anos máis tarde, Steve Lukather confesou que, pese á popularidade da canción, odiaba "99" e que é unha das cancións que menos lle gustan de Toto, razón pola cal non foi tocada máis en directo.[4] A banda ademais editou catro vídeos musicais do álbum, incluíndo un da canción que lle dá título ao disco. Malia que Hydra non tivo o éxito do primeiro traballo de Toto, conseguiu ser disco de ouro. Tras o lanzamento do álbum, a banda fixo o "Hydra Tour", con concertos en América e no resto do mundo. A xira durou de febreiro a xuño de 1980.
A comezos de 1981, Toto editou o seu terceiro álbum, Turn Back, con menos partes de teclado e máis de guitarra que nos dous discos anteriores. Turn Back non conseguiu o éxito dos anteriores traballos, e a canción "Goodbye Elenore" foi o único sinxelo oficial editado en todo o mundo.[5] Debido á decepción comercial do traballo, a banda minimizou os seus esforzos por facer unha xira. Vendéronse 900.000 copias en todo o mundo, e estivo a piques de facer que Toto perdera o seu contrato con Columbia Records.[6]
1982 marcou o comezo da etapa máis exitosa de Toto. Tras as decepcionantes vendas de Turn Back, a banda estaba baixo unha gran presión por parte da compañía discográfica para producir outro gran traballo. Con Toto IV, a banda fixo un dos discos máis exitosos comercialmente dos anos 80. O álbum contiña tres sinxelos que chegaron ao Top 10 da lista Billboard Hot 100: "Rosanna", "Africa" e "I Won't Hold You Back". Ademais apareceu en listas de países de todo o mundo, e a banda deuse a coñecer en novos lugares grazas ao novo disco. "Africa" chegou ao máis alto das listas en febreiro de 1983, pero foi "Rosanna" a canción que lle deu á banda varias candidaturas aos premios Grammy. Toto IV obtivo 6 Grammy, incluíndo "Gravación do Ano" por "Rosanna", "Álbum do Ano" por "Toto IV", e "Produtor do Ano". A canción "Rosanna" obtivo o seu nome pola antiga moza de Steve Porcaro, a actriz Rosanna Arquette, pero a canción non é sobre ela, segundo palabras de David Paich. Ademais de "Africa" e "Rosanna", Toto continuou co seu éxito co lanzamento doutro sinxelo, "Make Believe". A banda fixo unha xira durante 1982 presentando o seu álbum Toto IV.
En letra grosa, os fundadores da banda.
Álbum | Ano | Selo |
---|---|---|
Toto | 1978 | Columbia Records |
Hydra | 1979 | Columbia Records |
Turn Back | 1981 | Columbia Records |
Toto IV | 1982 | Columbia Records |
Isolation | 1984 | Columbia Records |
Fahrenheit | 1986 | Columbia Records |
The Seventh One | 1988 | Columbia Records |
Kingdom of Desire | 1992 | Relativity Records |
Tambu | 1995 | Sony Records |
Mindfields | 1999 | Legacy Recordings |
Through the Looking Glass | 2002 | Capitol Records |
Falling in Between | 2006 | Frontiers Records |
Toto XIV | 2015 | Frontiers Records |
Old Is New | 2018 | Columbia Records |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.