Damaliscus korrigum,[3] coñecido vulgarmente como topi é unha especie de mamífero artiodáctilo ruminante da familia dos bóvidos, subfamilia dos alcelafinos e tribo dos alcelafininos.

Máis información Damaliscus korrigumTopi, Estado de conservación ...
Damaliscus korrigum
Topi

Topi no Serengeti
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Suborde: Ruminantia
Infraorde: Pecora
Familia: Bovidae
Subfamilia: Alcelaphinae
Tribo: Alcelaphini
Xénero: Damaliscus
Especie: D. korrigum
Nome binomial
Damaliscus korrigum
(Ogilby, 1837) [1]
Subespecies
Véxase o texto
Sinonimia
  • Damaliscus korrigum Ogilby, 1836 [2]
  • Damaliscus korrigum korrigum Ogilby, 1836 [2]
  • Damaliscus lunatus korrigum (Ogilby, 1837) [2]
Pechar

É un antílope de tamaño grande estreitamente relacionado co sasabi e co damalisco de fronte branca ou bontebok, cos que comparte xénero.

Taxonomía

A especie foi descrita por primeira vez polo naturalista e avogado irlandés William Ogilby na revista Proc. Zool. Soc. Lond., 1836: 103.[4]

Na actualidade recoñécense as seguintes tres subespecies.[3]

  • Damaliscus korrigum korrigum Ogilby, 1836
  • Damaliscus korrigum jimela Matschie, 1892
  • Damaliscus korrigum topi Blaine, 1914

Nomes vulgares

O nome vulgar topi, probabelmente derivado do suahili, entrou no inglés en 1894,[5] e de aí pasou a outros idiomas europeos.

Este nome aplícase, ademais de a toda a especie, de forma especial ás subespecies D. k. jimela e D. k. topi, mentres que os nomes korrigum e tiang adoitan empregarse, en inglés e noutras linguas, para referirse á subespecie tipo, D. k. korrigum.[3][6][7]

Características

As principais características morfolóxicas do topi son:[8]

Thumb
Topis no Masai Mara.
  • Antílope grande, coa cabeza claramente longa, pero sen a rexión frontal non alargada cara a arriba, como nos alcelafos.
  • Altura na cruz, de 100 a 130 cm; peso, de i90 a 135 kg.
  • As agullas (cruz) notabelmente máis altas que as ancas.
  • Coloración xeral de parda avermellada a parda purpúrea, moi lustrosa, con manchas escuras definidas na cara, parte superior das patas dianteiras, cadeiras e coxas, e sen ningunha marca branca. A parte inferior das patas, de cor parda alaranxada clara.
  • Cornos, presentes en ambos os sexos, grosos, anelados, en forma de lira, que xorden da fronte verticais e van curvándose lixeiramente cara a atrás a medida que se van separando, e coas puntas lixeiramente curvadas cara a arriba.
  • As femias son similares aos machos, pero de cor lixeiramente máis clara, cos cornos máis curtos e sen tanta diferenza de altura entre a cruz e as ancas.

Bioloxía

Hábitat e distribución

Thumb
Topi rascando a cara no Masai mara.

Hábitat

A especie vive nas sabanas abertas e zonas de bosques pouco densos, ás veces en ambientes moi secos.[8][9] Pode ser abundante ou estar ausente nunha área en particular.[10] As poboacións dispersas non permanecen durante longo tempo no mesmo lugar, e deben agruparse ou, de non facelo, corren o risco de desapareceren.[10]

O topi é migratorio, agrupándose en mandas de até algúns centos de individuos para buscar as zonas onde o pasto é abundante.[11]

Distribución

A dos topis probabelmente é a maior das poboacións de todos os mamíferos africanos.[8]

Thumb
Topis no Serengeti.

A especie ten unha área de distribución extensa e descontinua.[9] Isto débese á especialización para habitar en certas planicies en biomas áridos ou de sabana.[9] A caza por parte dos humanos e a destrución do seu hábitat contribuíron aínda máis ao illamento da poboación.[9]

En 2005 os seguintes países albergaban poboacións de topi: Benín, Burkina Faso, Burundi, o Camerún, a República Centroafricana, o Chad, a República Democrática do Congo, Etiopía, Gambia, Ghana, Guinea-Bissau, Kenya, Malí, Mauritania, Níxer, Nixeria, Ruanda, Senegal, Somalia, o Sudán, Tanzania, Togo e Uganda. Porén na actualidade a especie encóntrase rexionalmente extinta en Burundi, Gambia, Guinea-Bissau, Malí, Mauritania e o Senegal.[3]

Costumes

Thumb
Grupo de topis.

Os topis son moi gregarios e viven en rabaños de 15 a 30 cabezas, ás veces até varios centos de animais. En certas estacións reúnense en inmensas aglomeracións de até 12.000 individuos. Isto sucede durante as súas migracións masivas en busca de herba fresca. (En´África occidental desprázanse de norte a sur durante as chuvias temperás). A miúido xúntanse con mandas de alcelafos, ñus e cebras e, ás veces, tamén con búfalos e cobos.[8]

Poden correr con moita rapidez, cun paso balanceante menos exaxerado que o dos alcelafos.[8]

Alimentación

Os topis son exclusivamente herbívoros, e aprecian particularmente os prados de herba curta dalgunhas zonas semidesérticas. A miúdo comen herbas secas que non consomen outros antílopes. Aínda que beben e son especialmente dados ás chairas inundábeis extensas, poden pasar sen auga longos períodos de tempo, tan longos como duren os pastos dispoñíbeis.[8]

Reprodución

Durante a época de celo os machos establécense en terreos ben marcados, defendéndoos contra os intrusos (o que na linguaxe internacional se coñece como leks), mentres que as femias e o xoves vagan libremente ao redor.[8][12] Os machos dominantes ocupan o centro dos leks, e os subordinados a periferia dos mesmos.[13] Os machos marcan o seu territorio con montóns de esterco e permanecen nunha posición ergueita preparados para loitar con calquera outro macho que intente invadilo.[11] As femias en celo entran nos leks soas ou en grupos, e aparéanse cos machos situados no centro.[9]

A gran maioría dos nacementos sucede entre outubro e decembro, a metade deles en outubro.[14] As crías poden seguir ás súas nais xusto despois do nacemento.[11] Tras a reprodución, os topis sepáranse en mandas de machos e femias.[8]

Inimigos

Os seus principais depredadores son os leóns, as hienas pintas e os chacais, que ameazan aos becerros; as hienas son os atacantes máis comúns.[15] Porén, o topi ten unha taxa de depredación menor que as especies de herbívoros circundantes.[9]

Poboación e estado de conservación

A pesar de que a especie ten unha extensa área de distribución e posúe unha poboación abundante, foi eliminada de grandes zonas a causa da caza e da degradación do hábitat causada pola expansión de lugares de pastoreo. Esta ameaza é maior para o korrigum de África occidental; dos doce países nos cales existía anteriormente, xa desapareceu de catro e probabelmente só exista transitoriamente en tres deles. Máis do 90 % dos individuos viven en áreas protexidas, principalmente no Parque Nacional Virunga (República Democrática do Congo), o Parque Nacional Queen Elizabeth (Uganda o Parque Nacional Akagera (Ruanda), o Masai Mara (Kenya) e o Parque Nacional de Serengueti (Tanzania).[16]

O status das poboación segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e de LC (pouco preocupante).[16]

Galería

Notas

Véxase tamén

Wikiwand in your browser!

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.

Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.