From Wikipedia, the free encyclopedia
Tina Modotti, nada en Udine o 16/17 de agosto de 1896 e finada na Cidade de México o 5 de xaneiro de 1942, foi unha fotógrafa italiana, modelo, actriz e activista política revolucionaria.
Tina Modotti fotografada por Edward Weston en 1921 | |
Nome orixinal | (it) Assunta Adelaide Luigia Modotti |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | Assunta Adelaide Luigia Modotti Mondini 16 de agosto (ou 17) de 1896 Udine, Italia |
Morte | 5 de xaneiro de 1942 (45 anos) Cidade de México |
Causa da morte | insuficiencia cardíaca |
Actividade | |
Campo de traballo | Fotografía |
Ocupación | fotógrafa, actriz de cinema, actriz de teatro, actriz, activista, modelo, artista |
Carreira militar | |
Rama militar | Brigadas Internacionais |
Conflito | guerra civil española |
Descrito pola fonte | Obálky knih, América Latina en la Internacional Comunista 1919-1943 (en) American Women Artists, Past and Present: A Selected Bibliographic Guide (en) |
Filla de Giuseppe Modotti e Assunta Mondini, tivo catro irmáns. Aos 12 anos tivo que abandonar a escola e traballar nunha fábrica téxtil para axudar a súa familia. Aos 17 anos emigrou á cidade de San Francisco. No ano 1915 casou co poeta Roubaix de L'Abrie Richey. Despois desprazaríase a Hollywood, onde traballou pouco tempo como actriz. En 1921 Tina mantén unha estreita relación laboral co fotógrafo Edward Weston, con el traballou como modelo, ademais de aprender del fotografía e de aí comezar a desenvolver a súa propia obra.
Entre os anos 1923-1930 permanecerá en México, converténdose en activista revolucionaria, ademais de se asociar co Partido Comunista Mexicano en 1927. México será o lugar onde realizará a maior parte da súa obra e onde se converterá en activista revolucionaria.[1] Tivo amizade con artistas como: Antonieta Rivas Mercado, Diego Rivera, David Alfaro Siqueiros, José Clemente Orozco, Blanca Luz Brum, Vittorio Vidali, Nahui Ollin, María Tereza Montoya e Frida Kahlo.[2] Colaborou co Partido Comunista Mexicano en 1927.[3] Apoiou activamente a loita de Augusto César Sandino e axudou a fundar o primeiro comité antifascista italiano. En 1928 coñece a Julio Antonio Mella, dirixente estudantil cubano, cando se forma o comité en apoio aos anarquistas Sacco e Vanzetti.
Julio Antonio Mella foi asasinado a noite do 10 de xaneiro de 1929 na esquina de Abraham González con Morelos, de dous tiros de revólver calibre 38.[4] Tina foi detida porque foi considerada baixo o suposto de que coñecía o asasino ou era a súa cómplice, ao final isto só funcionou como unha manobra para despistar. A policía, non obstante, decidiu descartar as declaracións de tres testemuñas en favor da de Modotti debido a que era «imposíbel que uns veciños visen o que din que viron o xoves un pouco despois das nove, xa que a lúa era moi pequena e baixa...». Máis tarde foi liberada sen cargos.[5]
En 1934 partiu cara a España. Durante a Guerra Civil Española alistouse no Quinto Rexemento e traballou nas Brigadas Internacionais, co nome de María ata a fin da guerra. Margarita Nelken, nunha das gabanzas que se fan da súa actividade, relata como atendía os nenos que chegaron a Almería tras o éxodo do pobo de Málaga que se viu acosado durante o traxecto a pé polos bombardeos das forzas franquistas.
En 1939 regresou como asilada a México, onde continuou a súa actividade política, a través da Alianza Antifascista Giuseppe Garibaldi. En 1940, o presidente Lázaro Cárdenas anulou a súa expulsión. Morreu dun ataque cardíaco o 5 de xaneiro de 1942 no interior dun taxi.
Xunto con Weston, foi mentora do fotógrafo mexicano Manuel Álvarez Bravo. A escritora mexicana Elena Poniatowska escribiu unha biografía novelada intitulada "Tinísima". Víctor Hugo Rascón Banda escribiu unha obra de teatro chamada "Tina Modotti".
O interese que proxectou Modotti nas súas obras foi un reflexo do compromiso ideolóxico que tiña cara aos grupos sociais máis vulnerábeis, exercendo o seu labor como editora e fotógrafa para a revista Mexican Folkways e o xornal El Machete en 1924, este labor levaríaa a ser considerada como precursora do fotoxornalismo crítico en México. Logrou unha identificación inmediata con México e os seus habitantes que se ve reflectida na súa obra.[1]
O seu traballo foi captado por artistas como Diego Rivera e José Clemente Orozco, os que entre os anos 1927-1930[6] lle confiarían o labor de fotografar as súas obras, cuxo traballo representa certo valor histórico, ao testificar a realización das obras destes dous muralistas mexicanos.
Segundo Manuel Álvarez Bravo, Tina Modotti tivo dous períodos: o romántico e o revolucionario. O primeiro, influenciado por Weston, onde fotografaba flores, obxectos e detalles arquitectónicos; e o segundo, xurdido en México, iniciando a súa relación co movemento de muralistas mexicanos para retratar o traballo destes artistas poñendo énfase tanto nos detalles como nos traballadores e nos indíxenas.[7] Ademais do seu traballo independente, captar imaxes de indíxenas e mestizos e documentar a loita social dos menos privilexiados con gran coidado na composición e o armado das escenas, mais sen poses nin actitudes forzadas.[8] Hai un período de transición no que se produciron algunhas das súas fotos máis memorábeis, como as mans dun campesiño agarrando unha pa ou as mans dunha lavandeira.[9]
O traballo de Modotti foi redescuberto nos Estados Unidos cando 90 fotografías clásicas foron exhibidas no Museo de Arte de Filadelfia en 1996. Martha Chahroudi, a comisaria do museo de fotografía, organizou a mostra. Para recadar fondos para a mostra, a cantante Madonna poxou o seu Mercedes-Benz 1963. Madonna tornouse a maior coleccionista do traballo de Modotti. Antes da presentación do seu traballo nos EUA, as fotografías de Modotti foran expostas en Italia, Polonia, Alemaña e Austria alén doutros países. A maior delas foi a Kunst Haus Wien o 30 de xuño de 2010 en Viena, Austria. Mostra con 250 imaxes moitas nunca antes expostas. A exhibición estivo baseada nas coleccións da Galería Bilderwelt, Berlín e Spencer Throckmorton, NYC e foron comisariadas por Reinhard Schultz.
Actuou en 3 películas:[10]
Durante este tempo, as actrices eran frecuentemente obrigadas a achegar os seus propios traxes e para eses filmes, Modotti que era unha hábil costureira, proveu chales extravagantes, capas de satén, suxeitadores adornados, boinas con plumas, pantalóns de harén e galas tinxidas artesanalmente.
En 2002, estreouse a película Frida (2002), dirixida por Julie Taymor, na que Ashley Judd interpreta a fotógrafa. Un ano despois, o autor de banda deseñada español Ángel de la Calle, publicou o primeiro volume da biografía Modotti, una mujer del siglo XX, cuxa segunda e última parte viu a luz en 2007.[11]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.