From Wikipedia, the free encyclopedia
O tesouro de Helmingham Hall é un conxunto de moedas da antiga Britania achado nas proximidades dos terreos de Helmingham Hall, nos arredores das vilas de Helmingham e Stowmarket, condado de Suffolk, que data como moi tarde do reinado de Claudio, durante a conquista romana de Gran Bretaña no ano 46-47 d.C.[1][2]
Tesouro de Helmingham Hall | |
---|---|
de Helmingham Hall. | |
· Período ou culuta: Imperio Romano.
· Data do depósito: 47 d.C. · Cultura ou período: Idade de Ferro e conquista romana de Britania · Lugar do achado: Helmingham Hall, Suffolk, Inglaterra · Coordenadas: 52°10′17.54″N 1°11′43.33″L · Descubridor: George Ridgway. · Composición: Moeda celta británica, denarios imperiais, un áureo e unha vasilla. · Materiais: Ouro, prata e cerámica. · Conservación: Museo Británico; Servizo de Museos de Colchester e Ipswich; coleccións privadas. |
O tesouro foi descuberto o 9 de setembro de 2019, e posteriormente completouse con novos achados entre 2020 e 2021. Consta de 748 moedas de prata e de ouro da Idade de Ferro británica e da República Romana, o Triunvirato e o Imperio Romano, desde o reinado de Cunobelino ata o de Claudio.[2][3]
O achado foi declarado como tesouro, consonte a lexislación do Reino Unido, polo Portable Antiquities Scheme.[4]
O lugar onde se edificou a casa señorial de Helmingham Hall, en coxa contorna apareceu o tesouro, está situado a 43 quilómetros ao norte da Camulodunum romana —a actual Colchester—, un territorio que se converteu no alicerce do que despois sería a provincia romana de Britania, logo do establecemento alí da base da Legio XX Valeria Victrix.[3][5]
Atendendo á moeda de cuñaxe máis recente do conxunto, datada en 47 d. C., o ocultamento tivo que coincidir no tempo cunha revolta icena producida no mesmo ano, documentada nas Historias de Tácito (12.31),[6] e que tivo lugar a uns 100 quilómetros ao norte de onde apareceu o tesouro, no castro de Stonea Camp, en Cambridgeshire.[2][3][7]
O 9 de setembro de 2019, coa axuda do seu detector de metais, George Ridgway explorou os terreos adxacentes a Helmingham Hall logo de acadar o permiso dos seus propietarios. Naquel espazo, que no século XIX fora un estanque, mais no momento da prospección era un campo de cebada, apareceran esparexidas polo chan varias fíbulas do século I, e 30 metros máis abaixo, Ridway achou o primeiro resultado da súa escavación, un denario de Xulio César, seguido doutras 206 moedas nun espazo de 1,5 metros cadrados.[2][3][8]
As escavacións posteriores, realizadas baixo a responsabilidade das autoridades arqueolóxicas locais durante os tres meses seguintes, sacaron á luz outras 205 moedas no mesmo lugar, ás que se lles sumaron outras 314 atopadas nun raio de 60 metros do achado inicial. Ridgway volveu ao lugar novamente en 2020 e en 2021, e descubriu, respectivamente, outras 9 e 14 pezas do tesouro.[3]
63 das moedas achadas fóronlles entregadas ao Museo Británico e aos museos de Colchester e Ipswich.[1][2][3] O resto do tesouro foi destinado á súa venda en poxa pública pola casa de poxas Noonans Mayfair, o 18 de setembro de 2024, cunha estimación inicial de prezo de 75.000 libras esterlinas, e os beneficios acadados serán divididos entre Ridgway e os propietarios de Helmingham Hall.[1][2][3][8]
O tesouro está constituído por 748 moedas romanas e da Idade de Ferro, das cales 734 foron documentadas e catalogadas pola entidade Portable Antiquities Scheme. A máis antiga data da República Romana, en 206 a.C., e a derradeira é un denario emitido por Claudio nos anos 46-47 d.C.[4]
Gobernante | Moedas |
---|---|
Cunobelino | 15 estateros de ouro e 4 cuartos de estatero. |
República Romana | 483 denarios. |
Marco Antonio | 57 denarios. |
Xuba I | 1 denario. |
Augusto | 81 denarios e unha moeda irregular. |
Tiberio | 83 denarios. |
Caio César | 2 denarios. |
Claudio | 4 denarios e un áureo de ca. 41-42 a.C. |
Descoñecido | 2 denarios. |
Ademais, recuperáronse 35 fragmentos de cerámica de barro, cun peso de 70,65 gramos. Crese que todos os fragmentos, de louza gris, proceden dunha mesma vasilla, que se utilizou para gardar as moedas.[4]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.