tesouro monetario achado no País Vasco From Wikipedia, the free encyclopedia
O tesouro de Gazteluberri é un conxunto de moedas españolas de prata e de ouro soterrado no interior dun chocallo a finais do século XVI ou principios do XVII, achado en 1960 na provincia de Guipúscoa.
Tesouro de Gazteluberri | |
---|---|
· Data do depósito: ca. 1600.
· Período: Idade Moderna. · País: España. · Descubridores: Juan Berasategui e Eugenio Martín. · Lugar de aparición: Parzonería Menor de Guipúscoa. · Data do achado: 7 de abril de 1960. · Composición: 52 moedas e un chocallo. · Material: ouro, prata e ferro. · Conservación: Museo Arqueolóxico Nacional, Madrid. |
O tesouro albérgase no Museo Arqueolóxico Nacional, en Madrid.[1]
A súa descuberta tivo lugar o 7 de abril de 1960, cando os traballadores Juan Berasategui Urquía, Eugenio Martín Zazo e un terceiro de identidade descoñecida, que plantaban piñeiros nuns terreos próximos á pena de Gazteluberri, na entidade local menor guipuscoana coñecida como Parzonería Menor de Guipúscoa, acharon un chocallo de ferro con moedas no seu interior, ao abrir un foxo, a uns dez centímetros de profundidade.[2]
Este conxunto monetario foi estudado e publicado en 1967 polo historiador e numismático Joaquín María de Navascués.[3]
O tesouro foi adquirido polo Ministerio de Educación Nacional. Logo da súa correspondente taxación oficial, que foi de 123.698 pesetas, este diñeiro dividiuse en dúas partes: unha para o municipio de Segura e outra para repartir a partes iguais entre os descubridores do tesouro. O pagamento levouse a cabo o 30 de decembro de 1960.[4]
Trátase dun conxunto composto por 52 moedas, delas 43 de prata e cinco de ouro.[5] As moedas foron emitidas a nome de Xoana I e Carlos V (1537-1556) e Filipe II (1556-1598).[1][5] procedentes de cecas tan distantes como as peninsulares de Sevilla, Segovia, Toledo, Valladolid e Granada, e as imperiais americanas de México e Potosí.[6]
Respecto á data da ocultación do tesouro, atendendo ao seu contido podería situarse cara ao derradeiro ano do período de Filipe II ou nos primeiros de Filipe III (1598-1621), cara ao ano 1600.[7]
En relación coas circunstancias do soterramento, no seu estudo de 1967, Navascués propuña a hipótese de que se tratase dos aforros dun pastor ou do resultado dunha venda de gando, dada a súa localización nunha zona rural.[8] Pola súa banda, Ibáñez Antica apunta a unha probable relación entre o ocultamento e o contrabando de prata e ouro, xa que naquela época estaba prohibida a saída do país das moedas destes metais e existía a práctica común de exportalas clandestinamente, sinaladamente en zonas vascas próximas á fronteira con Francia.[7][9][10]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.