Tesmoforias
From Wikipedia, the free encyclopedia
As Tesmoforias eran unhas festas celebradas nas cidades da Antiga Grecia na honra das deusas Deméter e a súa filla Perséfone. O nome procede de thesmoi, as ‘leis’ polas que os homes deben traballar a terra. As Tesmoforias eran as festas máis difundidas e a principal expresión do culto de Deméter, á parte dos misterios eleusinos. As Tesmoforias conmemoraban o terzo do ano en que Deméter se abstiña do seu papel de deusa da colleita e o crecemento, correspondendo cos severos meses estivais de Grecia, cando a vexetación morría e non chovía, por estar a deusa de loito pola súa filla, sita no reino do Inframundo. O seu trazo característico era o sacrificio de porcos[1].


Esta festa era para que as mulleres celebrasen os seus costumes privados, a súa oportunidade para deixar o fogar e levantar refuxios temporais algo afastados dos centros dos demos.[2] Só as mulleres que estaban casadas con cidadáns atenienses podían asistir á festa, non estando presentes solteiras nin homes, esperándose destes que enviasen ás súas esposas e corresen cos gastos, e tratábanos moi mal se tentaban espiar as cerimonias[3]. Supúñase que estas promovían a fertilidade, pero as mulleres preparábanse con abstinencia sexual. Tamén se tomaban baños co fin de se purificaren.
A palabra aplicábase como epíteto de Deméter no contexto de Deméter Tesmófora. Un relevo de Eleusis ilustrado por Kerényi[4] mostra á deusa sentada no chan mentres recibe ás súas devotas. «Nesta situación pode ser chamada Deméter Tesmofora, pois as atenienses imitábana cando sentaban no chan e xexuaban nas Tesmoforias»[5].
En Atenas e algúns outros lugares a festa duraba tres días, do 11 ao 13 do mes de Pianepsión ou Pianopsión (Πυανοψιών )[6]. A continuación expóñense as características dos tres días en Atenas:
- O primeiro día recibía o nome de Ánodos (Άνοδος, o ‘ascenso’). Subíase ao lugar sacro, o Tesmoforio, preto do outeiro Pnix.
- O segundo, Nesteía (Νηστεία, xaxún), era un día de lamentacións, sen grilandas, coas mulleres sentadas no chan, sen lume nalgunhas cidades, no que só se comían sementes de granada; aquelas que caían no chan eran a comida dos mortos e non debían recollerse [7].
- O terceiro día, Kalligéneia (Καλλιγένεια, fermoso nacemento), especialmente pola tarde e a noite -en que daba comezo o día grego-, celebrábase un banquete de carne en honra de Calixenia, a deusa do fermoso nacemento que non aparece en ningún outro contexto e non tiña equivalente entre os deuses olímpicos, o que salienta aínda máis a natureza arcaica e preolímpica desta festa que reforzaba a solidariedade feminina. A ausencia de elementos das Tesmoforias nos mitos é notábel: os porcos do porqueiro Eubuleo, que foron tragados por unha fenda do chan cando Hades raptou a Core, son un intento por prover unha etioloxía aos antigos rituais; nalgúns lugares, Zeus penetra nas Tesmoforias como Zeus Eubuleo.[8]
Non se sabe moito máis sobre as Tesmoforias, dado que só as mulleres tiñan permitido asistir e era raro que escribisen nada nesta época. Os ‘misterios’ ou ritos de iniciación (teletai) que rodeaban ás restritivas cerimonias relixiosas eran celosamente gardados por quen os celebraban. A principal fonte é un escolio sobre Luciano explicando o termo «Tesmoforia»[9].
A cerimonia incluía o enterramento de sacrificios de noite e a recuperación dos restos en descomposición de porcos que se gardaron no megara de Deméter, unhas gabias e pozos ou gabias naturais do templo da deusa, o ano anterior. Como se sabía que as serpes se congregaban nestes pozos, o escolio sobre Luciano explica que quen non ían recuperar os restos berraban para asustaren ao que houbese neles. Tras orar, os fétidos restos dos porcos do ano anterior mesturábanse con sementes e plantábanse: «o máis claro exemplo na relixión grega de maxia agraria», sinala Burkert[10].
Aristófanes parodiou estas festas na súa obra As Tesmoforiantes, pero non puido dar moitos detalles sobre o propio festival.
Notas
Bibliografía
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.