Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
O Supermarine Spitfire é un avión de caza monopraza usado pola RAF e outros países aliados antes, durante e despois da segunda guerra mundial. Construíronse moitas variantes do Spitfire, usando distintas configuracións de ás. Foi producido en maior número que outros avións británicos e foi o único caza aliado en produción durante toda a guerra. O Spitfire continua sendo popular entre os entuasiastas da aviación, quedando uns 70 en condicións de voo, e moitos máis en museos de todo o mundo. O avión continuou sendo usado en roles secundarios durante os anos 50.
Supermarine Spitfire | |
---|---|
Spitfire VIII MT928 | |
Tipo | caza |
Fabricante | Supermarine |
Deseñado por | R. J. Mitchell |
Primeiro voo | 5 de marzo de 1936 |
Introducido | 4 de agosto de 1938 |
Retirado | 1961 (Irish Air Corps) |
Principais usuarios | Royal Air Force |
Produción | 1938 - 1948 |
Unidades construídas | 20.351 |
Variantes | Supermarine Seafire Supermarine Spiteful |
O Spitfire foi deseñado como un interceptor de alto rendemento de curto alcance por R. J. Mitchell, deseñador xefe de Supermarine Aviation Works, que operaba como unha filial de Vickers-Armstrong dende 1928. Mitchell mellorou a distintiva á elíptica do Spitfire con innovadores remaches afundidos (deseñados por Beverley Shenstone) para ter unha sección transversal o máis delgada posible, axundando a que o avión unha maior velocidade máxima que moitos cazas contemporáneos, incluído o Hawker Hurricane.
Tras a batalla de Inglaterra o Spitfire substituíu o Hurricane para converterse na espiña dorsal do Mando de Caza da RAF, e combateu nos teatros de Europa, do Mediterráneo, do Pacífico e do Sueste de Asia. Moi querido polos seus pilotos, o Spitfire serviu en varios roles, como interceptor, recoñecemento fotográfico, cazabombardeiro e adestrador, e continuou realizándoos ata os anos 50. O Seafire foi unha adaptación embarcada do Spitfire que operou coa Fleet Air Arm dende 1942 ata mediados dos 50. Aínda que a célula orixinal deseñouse para equipar un motor Rolls-Royce Merlin que producía 1 030 cabalos, era o suficientemente forte e adptable como para usar Merlins máis potentes e, en desenvolvementos posteriores, motores Rolls-Royce Griffon de ata 2 340 cabalos. Como resultado, o rendemento e capacidades do Spitfire foron mellorando durante toda a súa vida de servizo.
Producido por Supermarine, o Spitfire foi deseñado por R.J. Mitchell, que continuou mellorándoo ata a súa morte en 1937. O Spitfire prestou servizo durante a totalidade da II GM en todos os teatros de guerra, e en diferentes variantes. Durante a batalla de Inglaterra (1940), demostrou a súa efectividade en combate, derrubando a maioría de cazas alemáns, mentres o Hawker Hurricane, ó ser máis pesado e resistente, derrubaba bombardeiros. O seu primeiro voo foi o 5 de marzo de 1936, fabricáronse 20.000 avións en máis de 40 versións entre 1938 e 1948 e retirouse da RAF en 1952.
En 1931 o Ministerio do Aire británico publicou a especificación F7/30 solicitando un caza moderno capaz de voar a unha velocidade de 400 km/h. R. J. Mitchell deseñou o Supermarine Type 224 para cumprir ese papel. O 224 era un monoplano con cabina aberta, con voluminosas ás de gaivota, e un gran tren de aterraxe fixo. Estaba impulsado por un motor de 600 cabalos Rolls-Royce Goshawk refrixerado por evaporación.[1] O avión realizou o seu primeiro voo en febreiro de 1934.[2] Dos sete deseños que responderon á F7/30, o biplano Gloster Gladiator foi aceptado para o servizo.[3]
O Type 224 foi unha gran decepción para Mitchell e o seu equipo de deseño, que inmediatamente comezou a realizar unha serie de deseños novos usando a súa experiencia cos hidroavións do Trofeo Schneider como punto de partida.[3] Isto levou ao Type 300, con tren de aterraxe retráctil e unha envergadura reducida en 1,8 metros. Este deseño enviouse ao Ministerio do Aire en xullo de 1934, pero non foi aceptado.[4] Posteriormente pasou por unha serie de cambios, incluída a incorporación dunha cabina pechada, aparato de respiración de osíxeno, ás máis pequenas e delgadas, e o novo e máis potente motor Rolls-Royce PV-XII V-12, despois chamado "Merlin". En novembro de 1934 Mitchell, co respaldo de Vickers-Armstrong, dona de Supermarine, comezou o traballo de deseño detallado da súa versión refinada do Type 300.[5]
O 1 de decembro de 1934 o Ministerio do Aire publicou o contrato AM 361140/34, proporcionando 10 000 libras para a construción do deseño mellorado do Type 300 de Mitchell.[6] O 3 de xaneiro de 1935 formalizouse o contrato cunha nova especificación, a F10/35.[7] En abril de 1935 cambiouse o armamento de dúas metralladoras Vickers de 7,7 mm en cada á a catro Browning de 7,7 mm,[8] tras unha recomendación do líder de escuadrón Ralph Sorley da sección de Requirimentos Operativos do Ministerio do Aire.[9]
O prototipo do Spitfire, o K5054, voou por primeira vez o 5 de marzo de 1936 na fábrica de Eastleigh, preto de Southampton. Aos controis estaba o capitán Joseph "Mutt" Summers, xefe de pilotos de proba de Vickers, que dixo ao aterrar "Non toquedes nada".[10] Este voo de oito minutos[9] chegou catro meses despois do primeiro voo do contemporáneo Hurricane.[11]
O K5054 foi equipado cunha nova hélice, e Summers voou o avión o 10 de marzo; durante ese voo retraíuse por primeira vez o tren de aterraxe.[12] Tras o cuarto voo instalouse un novo motor e Summers deixou as probas de voo para os seus asistentes, Jeffrey Quill e George Pickering. Ao pouco tempo descubriron que o Spitfire era unha aeronave moi capaz, pero non perfecta. O temón era demasiado sensible, e a súa velocidade máxima era de tan só 528 km/h, só un pouco máis rápida que a do Hurricane impulsado polo novo motor Merlin.[13] Unha hélice de madeira nova de dúas pas e de mellor forma permitiu que o Spitfire alcanzara os 557 km/h en voo nivelado a mediados de maio, cando Summer voou o K5054 a RAF Martlesham Heath e entregou o avión ao xefe de escuadrón Anderson do Aeroplane & Armament Experimental Establishment (A&AEE). Alí, o tenente de voo Humphrey Edwardes-Jones fíxose cargo do prototipo para a RAF.[14] Dáronlle ordes de voar a aeronave e logo de facer o seu informe ao Ministerio do Aire na aterraxe. O informe de Edwardes-Jones foi positivo; a súa única solicitude foi que o Spitfire estivese equipado cun indicador de posición do tren de aterraxe.[15] Unha semana despois, o 3 de xuño, o Ministerio do Aire asinou un contrato con Supermarine para mercar 310 avións,[16] antes de que a A&AEE emitise ningún informe formal. Posteriormente emitíronse informes provisionais de forma gradual.[17]
O público británico viu por vez primeira o Spitfire na exhibición aérea de RAF Hendon o sábado 27 de xuño de 1936. Aínda que se supoñía que a produción a gran escala debía comezar inmediatamente, numerosos problemas non puideron solucionarse durante un tempo e o primeiro Spitfire de serie, o K9787, voou case dous anos despois,[18] o 14 de maio de 1938.[19][20]
En febreiro de 1936 o director de Vickers-Armstrongs, Sir Robert MacLean, garantiu a produción de cinco avións por semana, comezando 15 meses despois de que se fixera un pedido. A produción a gran escala do Spitfire comezou nas instalacións de Supermarine en Woolston, pero o pedido dos 310 avións asinado o 3 de xuño claramente non se puido completar nos 15 meses prometidos. Supermarine era unha empresa pequena e xa estaba ocupada na construción de hidroavións Walrus e Stranraer, e Vickers estaba ocupada na construción de bombardeiros Wellington.
A solución inicial foi subcontratar o traballo.[21] Aínda que se supoñía que os contratistas externos estaban implicados na fabricación de moitos compoñentes importantes do Spitfire, epecialmente as ás, Vickers-Armstrongs (a compañía) era remisa a ver que o Spitfire fose fabricado por empresas externas, e tardou en liberar os planos e subcompoñentes necesarios.[22]
Como resultado dos atrasos para conseguir que o Spitfire entrase en produción a escala, o Ministerio do Aire presentou un plan para que a súa produción se detivese despois da orde inicial de 310, despois do cal Supermarine construiría Bristol Beaufighters. As direccións de Supermarine e Vickers puideron convencer ao Ministerio do Aire de que se podían superar os problemas de produción, e o 24 de marzo de 1938 fíxose un pedido de 200 Spitfires. As dúas ordes cubrían os números de serie cos prefixos K, L e N.[22]
O primeiro exemplar de produción saíu da liña de montaxe a mediados de 1938,[20] case dous anos despois do pedido inicial.[18] O custe final dos primeiros 310 aparellos, tras os atrasos e os incrementos dos custos do programa, foi entre 1 533 e 1870 libras máis caro do inicialmente estimado.[23] Unha aeronave de produción custaba unha 9 500 libras. As compoñentes máis caras eran a fuselaxe fabricada a man cun custe dunhas 2 500 libras, o motor Rolls-Royce Merlin cun custe dunhas £2 000, as ás que custaban £1 800 un par, as metralladoras e o tren de aterraxe, £800 cada, e a hélice de £350.[24]
En 1935 o Ministerio do Aire achegouse a Morris Motors Limited para preguntarlle con que rapidez a súa planta de Cowley podería converterse para a produción de avións. En 1936 esta solicitude informal de grandes instalacións de fabricación foi substituída por unha petición formal, coñecido como o plan da fábrica na sombra, para impulsar a capacidade de produción británica de aeronaves baixo o liderazgo de Herbert Austin. Encargouse de construír nove novas fábricas e de complementar a industria británica de fabricación de automóbiles aumentando a súa capacidade total ou aumentando o potencial de reorganización para producir avións e os seus motores.[25]
O 12 de xullo de 1938 comezouse a construír preto de Birmingham a fábrica onde se producirían os Spitfire, a Castle Bromwich Aircraft Factory (CBAF), e dous meses despois comezaron a instalarse na mesma as máquinas-ferramentas máis modernas.[23] Aínda que Morris Motors, baixo Lord Nuffield (un experto en construción masiva de vehículos a motor), xestionaba e equipaba a fábrica, foi financiada polo goberno. A principios de 1939, o custo estimado orixinal da fábrica de 2 millóns libras esterlinas duplicárase con creces, e aínda que se construíran os primeiros Spitfires en xuño de 1940, a fábrica aínda estaba incompleta e sufría problemas de persoal.
Durante eses primeiros meses de servizo faríanse modificacións no Spitfire Mk I. Primeiro cambiouse a hélice bipala de madeira de paso fixo por outra tripala de dobre paso; pasouse de usar gasolina de 87 octanos a usar a de 100, que incrementaba a potencia do motor Merlín case 300 cabalos, chegando ata os 1 310, usando un sobrecompresor; e todos os avións foron equipados con radio e con blindaxe diante e detrás do piloto.
O Spitfire entrou en combate xa ao principio da guerra, aínda que as incursións da Luftwaffe en Gran Bretaña foron escasas ata o inicio da batalla de Inglaterra, a mediados de 1940. Comprobouse entón que era preciso revisar o armamento que equipaba o avión. As oito metralladoras do Mk I eran demasiado lixeiras, e moitos bombardeiros alemáns conseguían regresar ás súas bases con decenas de buratos de bala. Os Bf 109 alemáns so equipaban tres armas, pero eran máis pesadas e concentraban máis os disparos que as do Spitfire, que as levaba distribuídas ao longo das ás.
O feito de que as armas estivesen distribuídas dese xeito tamén afectaba ao comportamento do avión. Cando a súa munición se consumía a distribución do peso do Spitfire cambiaba, modificando o comportamento en voo do avión. Facíase entón preciso pasar aos canóns, pero os intentos de instalalos nas ás fallaron, e estas tiveron que redeseñarse. O novo armamento probouse por primeira vez en xullo de 1939.
Seis meses despois entraría en combate o primeiro Spitfire equipado con canóns atacando a un bombardeiro Heinkel He 111. A súa arma de estribor atascouse despois do primeiro disparo, pero a de babor funcionou normalmente e alcanzou ao avión alemán, que sería rematado polas metralladoras dun Hurricane.
Características da primeira versión: Mk I
Caza monopraza, o spitfire tiña unha lonxitude de 9.12 metros e unha altura de 3.48 cun peso en baleiro de 2.313 kg. O motor era un Rolls-Royce Merlin 45 de 1.470 CV de potencia. Chegaba a alcanzar os 605 km/h e tiña unha autonomía de voo de 760 km, podía chegar a unha altura de 11.300 m.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.