From Wikipedia, the free encyclopedia
Stardust, máis tarde rebautizada como Stardust/NExT, foi unha sonda espacial pertencente ao programa Discovery da NASA lanzada o 7 de febreiro de 1999 mediante un foguete Delta 7426 desde o Centro de Lanzamento de Cabo Cañaveral para estudar a composición dos cometas e das partículas de po interestelares.[2][3][5][6]
Stardust / Stardust/NExT | |
---|---|
Stardust | |
Tipo | Científico |
Organización | NASA |
Destino actual | Fóra de servizo en órbita heliocéntrica.[1] |
Data de lanzamento | 7 de febreiro de 1999, 21:04 GMT[1][2][3][4] |
Foguete portador | Delta 7426[3][5] |
Sitio de lanzamento | Centro de Lanzamento de Cabo Cañaveral[3][6] |
Obxectivo da misión | Recolección de partículas cometarias e interestelares e traelas á Terra.[3][6] |
NSSDC ID | 1999-003A |
Masa | 300 kg[3] |
Potencia | 330 vatios[3] |
Stardust foi unha misión de clase Discovery co obxectivo principal de sobrevoar o cometa 81P/Wild (tamén coñecido como Wild 2) e recoller partículas da súa coma mediante un panel de aeroxel e devolvelas á Terra para a súa análise. O seu obxectivo secundario era recoller partículas de po interestelar, tamén mediante o panel de aeroxel, para ser analizadas en terra. A sonda tamén fotografou Wild 2 durante o seu sobrevoo, analizou a súa coma in situ e sobrevoou o asteroide 5535 Annefrank.[3][5][6]
Despois de cumprir os seus obxectivos principais a misión de Stardust estendeuse na misión que se pasou a chamar NExT (New Exploration of Tempel 1), adicada a sobrevoar o cometa Tempel 1 o 14 de febreiro de 2011. Tempel 1 fora previamente o obxectivo da misión Deep Impact, que soltou un impactador que chocou contra a superficie do cometa co fin de observar o seu comportamento e estudar o material volatilizado. Coa misión NExT tívose a oportunidade de revisitar o cometa para estudar os posibles cambios no cráter de impacto que deixou a anterior misión.[3][5][6]
O corpo principal de Stardust ten forma de caixa de 1,6 x 0,66 x 0,66 m cunha antena de alta ganancia con forma de prato de 0,6 m de diámetro nun dos lados. A masa total da nave, incluídos propelentes e cápsula de retorno de mostras, era de 385 kg. A enerxía eléctrica era proporcionada por dous paneis solares de 4,8 m de longo situados en extremos opostos do corpo principal e que xeraban entre 170 e 800 W de potencia segundo a distancia ao Sol. Durante o encontro con Wild 2 xeraban 330 W. A cápsula para as mostras ía acaroada no extremo traseiro de Stardust, tiña forma de cono de 0,8 m de diámetro e 0,5 m de alto e unha masa de 46 kg. O panel de aeroxel para a toma de mostras podíase estender e retraer fora e dentro da cápsula segundo se necesitaran recoller mostras ou non. A parte frontal de Stardust ía protexida por un escudo contra po para os momentos de maior aproximación a Wild 2, contando ademais con sensores para detectar impactos. Dous escudos máis pequenos protexían os paneis solares.[3][5][6]
Como instrumentos levaba unha cámara, un monitor de fluxo de po e un espectrómetro e analizador de partículas. A propulsión corría a cargo dun sistema monopropelente mediante hidracina, con oito propulsores de actitude de 4,4 N de impulso e oito de 0,9 N. O coñecemento da actitude da nave era proporcionada por unha cámara estelar e unha unidade de referencia inercial. As comunicacións tiñan lugar en banda X mediante as antenas de baixa, media e alta ganancia.[3][5][6]
O aeroxel usado para recoller as mostras é un material baseado en sílice de densidade extremadamente baixa (0,02 g/cm3), microporoso e ideal para frear partículas de po impactando a alta velocidade modificando minimamente as súas propiedades físicas e químicas. O aeroxel tiña forma de disco soportado por células de aluminio nunha estrutura que podía saír e entrar da cápsula de retorno. Expoñíase ao espazo para recoller mostras de po e retraíase nos períodos nos que non era necesario. Un dos lados, de 3 cm de grosor, usouse para recoller mostras cometarias, mentres que o oposto, de 1 cm de grosor, usouse para capturar partículas interestelares. Ao final da misión principal o aeroxel foi selado dentro da cápsula de retorno, que foi liberada por Stardust ao seu paso pola Terra e reentrou na atmosfera para posteriormente ser recuperada co axuda dun GPS interno e unha baliza en banda S.[3][5][6]
Despois de ser lanzada o 7 de febreiro de 1999, a sonda fixo un sobrevoo da Terra o 15 de xaneiro de 2001 a 6008 km de altura para modificar a súa órbita para o encontro con Wild 2. De camiño, o 2 de novembro de 2002, Stardust sobrevoou e fotografou o asteroide 5535 Annefrank a unha distancia de 3300 km e unha velocidade relativa de 7 km/s. Finalmente a nave sobrevoou Wild 2 o 31 de decembro de 2003 a uns 250 km de distancia do núcleo do cometa e unha velocidade relativa de 6,1 km/s, tomando 72 fotos. Seis horas despois do sobreoo o panel de mostras foi selado dentro da cápsula de retorno. O 15 de xaneiro de 2006 ás 5:57 UTC, xa cerca da Terra de novo, Stardust soltou a cápsula coas mostras, que reentrou na atmosfera catro horas despois. A cápsula aterrou ás 10:10 UTC no deserto de Utah. Foi recuperada e levada aos laboratorios adecuados para recuperar as mostras. Mentres, Stardust modificou lixeramente a súa traxectoria para non impactar coa Terra e foi posta en hibernación á espera dunha posible misión estendida, que foi aprobada máis tarde. A misión NExT implicou sobrevoar o cometa Tempel 1 o 15 de febreiro de 2011 a unha distancia mínima de 181 km e fotografar o cráter producido pola misión Deep Impact seis anos antes. Despois desta última misión a sonda foi apagada definitivamente o 25 de marzo de 2011.[3][5][6]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.