From Wikipedia, the free encyclopedia
A Sociedade Kaiser Wilhelm (en alemán Kaiser-Wilhelm-Gesellschaft zur Förderung der Wissenschaften e.V. - KWG) foi o nome dunha sociedade que representaba un conxunto de institucións científicas de Alemaña que operaron como un bloque monolítico desde 1911 até 1945, ao final da segunda guerra mundial a mantedora dos Institutos Kaiser Wilhelm (en alemán Kaiser-Wilhelm-Institute - KWI), institucións de investigación consolidadas dedicadas á investigación básica na Alemaña.
A KWG estaba localizada en Berlín. Despois da segunda guerra mundial os seus Institutos foron paulatinamente incorporados é recentemente fundada Sociedade Max Planck. O desmembramento da KWG comezou en xullo de 1946 por resolución da Oficina do Goberno Militar dos Estados Unidos (OMGUS); e no seu lugar fundouse a citada sociedade equivalente, a hoxe recoñecida Sociedade Max Planck (en alemán Max Planck Gesellschaft) entre 1946 e 1948 coa súa rede de Institutos (MPI).
O seu primeiro director-fundador foi Adolf von Harnack. Esta sociedade produciría eminencias científicas e gañadores de Premios Nobel tales como Albert Eintein, Max Planck ou Otto Hahn (quen foi o seu último director) e outros, ademais de xerar varios descubrimentos científicos que marcaron saltos cuantitativos no coñecemento da humanidade.
Por outra parte, a KWG foi coñecida por ser un dos institutos pioneiros nos estudos euxenésicos na Alemaña de Weimar con fondos doados pola Fundación Rockefeller. Tivo entre os seus membros a un dos principais euxenistas alemáns, o antropólogo Eugen Fischer.[1]
O KWG fundouse en 1911 como unha sociedade científica baixo o abeiro da Universidade Humboldt de Berlín. Os catedráticos alemáns Friedrich von Altoff, Friedrich Schmidt-Ott e Adolf von Harnack promoveron a iniciativa de fundar unha sociedade pechada que promovese as ciencias naturais en Alemaña.
Esta sociedade foi chamada KWG (Kaiser Wilhelm Gesellschaft) en honor ao Káiser Guillerme II de Alemaña, e tiña por obxectivo manter institucións satélites independentes do Estado que se dedicaran á investigación e ampliación do campo científico en calquera das súas ramas. Estas entidades non foron concibidas como centros de aprendizaxe de alumnos universitarios, senón para o desenvolvemento e aplicación dos coñecementos de alumnos e científicos destacados. Os seus directores foron destacados homes de ciencia.
Baixo esta sociedade fundáronse sucesivamente desde 1911 institucións que abarcaron todas as ramas do saber científico en Alemaña, desde a entomoloxía, a antropoloxía, a química, a física, as matemáticas, a agricultura, a bioloxía en todas as súas especialidades, a ornitoloxía, e incluso as leis. Estas institucións funcionaron con1 fondos privados e achegas estatais e mesmo con achegas de institucións similares dos Estados Unidos.
Instituto Kaiser Wilhelm (KWI) para: | ||
Rama | Localización | Observacións |
---|---|---|
Química | Dahlem, Berlín. | Fundado en 1911, actualmente é o MPI para a Química co nome de Instituto Otto Hahn en Maguncia. |
Química Física e Electroquímica | Dahlem, Berlín. | Fundado en 1911, actualmente é o MPI co nome de Instituto Fritz Haber. |
Bioloxía | Berlín | Fundado en 1912, actualmente é o MPI para a Bioloxía. |
Física | Berlín | Fundado en 1917, actualmente é o MPI co nome de Instituto Werner Heisenberg. |
Medicina | Heidelberg | Fundado en 1929, actualmente é o MPI para as Ciencias médicas. |
Antropoloxía, Herdanza humana e Euxenesia | Berlín | Fundado en 1927 por Alfred Ploetz, extinto en 1945. |
Metais | Neubabelsberg | Fundado en 1921, actualmente é o MPI para a Metalurxia localizado en Stuttgart. |
Agronomía | Müncheberg | Fundado en 1929, actualmente é o MPI para as Ciencias agrícolas localizado en Colonia. |
Fisioloxía celular | Berlín-Dahlem | Fundado en 1929 por Otto Heinrich Warburg, actualmente é o MPI para o Estudo da célula. |
Dereito | Berlín | Fundado en 1929, actualmente é o MPI para o Dereito público e internacional localizado en Heidelberg. |
Do cerebro | Berlín | Fundado en 1914 por Oskar Vogt, actualmente é o MPI para a Investigación do cerebro. |
Un dos científicos do KWI de Química que se destacou na primeira guerra mundial foi Fritz Haber, que obtivo o Premio Nobel en 1918. Pero foi considerado, e non sen razón, como o pai da guerra química polo uso do gas cloro nas frontes de batalla e, posteriormente, da formulación do Zyklon B ao que os nazis darían un uso distinto nos campos de concentración.[2]
Terminada a Gran Guerra, o KWI operaba con pouco financiamento pero, baixo o abeiro da Universidade berlinesa, empezou lentamente a dar os seus froitos, principalmente nos campo da física, a química e a bioquímica, producindo eminencias como Peter Debye, Albert Einstein, Otto Meyerhof, Max Planck, Fritz Haber, Otto Hahn e Walther Bothe, alcanzando no período de 1929-1932 s súa máxima expresión con figuras emerxentes como Richard Kuhn, Ludolf von Krehl, Karl W. Hausser que produciron investigacións relevantes nos seus campos.[3] Moitos científicos de orixe xudía como Albert Einstein e Richard Willstätter, por citar algúns exemplos, formaron parte dun grupo de oito científicos xudeus galardoados co Premio Nobel.[4]
Coa chegada do nazismo en 1933, algunhas entidades do KWG foron influídas nos seus obxectivos pola ideoloxía político racial imperante como, por exemplo, o KWI para a Antropoloxía, que derivou cara ás ideas antisemitas que afectaron notabelmente aos seus directores e investigadores, cambiando de nome a Antropoloxía, Heredanza humana e Euxenesia. Un destes investigadores, Eugen Fischer, realizou infames traballos sobre cuños raciais que determinaron a sorte que correrían milleiros de xudeus alemáns; foi o responsábel de estudar a "hixiene racial" para enviar aos xudeus aos campos de exterminio, ademais de considerar "racialmente defectuosos" aos bastardos e aos enfermos mentais.
Ademais, no campo da xenética, Otmar von Verschuer e o famoso cirurxián Ernst Ferdinand Sauerbruch influíron cos seus estudos xenetistas da "raza alemá" marcadamente antisemitas a personaxes como Joseph Mengele, que realizou infames experimentos con xemelgos no campo de concentración de Auschwitz.
Moitos científicos xudeus do KWG, como Einstein, Fritz Haber, Richard Willstätter e Lise Meitner, tiveron que abandonar os territorios conquistados por Alemaña e emigrar aos Estados Unidos co recrudecemento da persecución xudía por parte dos nazis.[4]
En 1938, os químicos Otto Hahn e Fritz Strassmann realizaron traballos de fisión nuclear coelemento uranio conseguindo a primeira fisión nuclear realizada nun laboratorio.
Estes estudos, con potenciais proxeccións militares, fixéronse chegar en 1942 a Albert Speer, ministro de armamento do III Reich, que os fixo chegar á súa vez a Hitler.[5]
De todos os xeitos, o proxecto de Werner Heisenberg adoecía de serios fallos no cálculo da masa crítica de uranio, e a falta de talento experimental fixo que o único reactor nuclear construído en Alemaña daquela non subministrara os datos experimentais cruciais para o desenvolvemento dunha arma atómica.
Ademais, moitos dos médicos que actuaron nos campos de concentración realizando experimentos con prisioneiros tiveron estreita relación con algunhas das entidades das ciencias da medicina do KWG. Deste modo o nome da Sociedad e quedou denigrada ao estar ligada ao nazismo.
Albert Vögler, daquela presidente da Sociedade e involucrado na produción de municións para o Ministerio de Armamento, suicidouse o 14 de abril de 1945 para evitar a súa captura polos estadounidenses.
Finalizada a segunda guerra mundial, os aliados estableceron que houbera unha estreita colaboración do Instituto Kaiser Wilhelm coas atrocidades nazis, principalmente nos aspectos dos experimentos médicos nos campos de concentración.
Así mesmo, moitos dos científicos relevantes do KWG foron trasladados secretamente aos Estados Unidos baixo a Operación Alsos, sen mencionar que a guerra dispersara as localizacións dos KWI en toda Alemaña.
A Oficina do Goberno Militar dos Estados Unidos en Alemaña (OMGUS) decretou o peche e disolución da Sociedade Kaiser Wilhelm o 11 de abril de 1946. Daquela Max Planck estaba a cargo da presidencia da Sociedade, que durou até marzo de 1946.
Porén, os británicos a cargo da rama científica do OMGUS, liderados por Howard Percy Robertson, fixeron presión para que a sociedade científica alemá prevalecera como fonte do saber humano convencendo aos norteamericanos de replantexar o peche dos KWI; a razón prevaleceu, pero a sociedade como tal desapareceu definitivamente o 11 de xullo de 1945, acordando os estadounidenses que reconsiderarían a medida un ano máis tarde.
En efecto, en setembro de 1946, na zona de ocupación británica, o Kaiser Wilhelm Institute renaceu das súas cinzas como a nova Sociedade Instituto Max Planck (Max Planck Institute Gesellschaft), a cargo de Otto Hahn e, en febreiro de 1948 nas zona norteamericana e francesa, fundouse outra parte da nova entidade a cargo de Max von Laue e Walther Gerlach, respectivamente. Esta nova entidade científica de recoñecido prestixio existe en pleno vigor no día de hoxe.[6]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.