Coñécese como Sexenio Democrático (ou Revolucionario) ao período da Historia de España transcorrido dende o triunfo da Revolución de 1868 até o pronunciamento de decembro de 1874, que representou o inicio da Restauración Borbónica. Para algúns autores, esta etapa representa un dos momentos de maior esplendor e progreso cultural do século XIX[1].
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde marzo de 2017.) |
Na actividade política destes anos diferéncianse catro bloques políticos (unionistas, progresistas, demócratas e republicanos),
O proceso político dos seis anos de crise revolucionaria pódese dividir en tres etapas:
- Monarquía constitucional
- República federal
- República unitaria e presidencialista
Despois destas etapas a situación política desembocaría na Restauración Borbónica.
Revolución de 1868
- Artigos principais: Revolución de 1868 e Goberno Provisional de 1868-1871.
Causas da revolución. Nesta época, España vive unha crise económica e política nos últimos anos do período isabelino. Ás graves crises económica, financeira, agraria e industrial de 1866, sumouse a grave deterioración do sistema político.
- a) Crise financeira esta crise xorde cando a baixa rendibilidade do ferrocarril provoca a bancarrota de moitos bancos e empresas. Por outra banda, o endebedamento do estado obrigou a aumentar a presión fiscal.
- b) Crise agraria a seca e as nefastas colleitas provocan a falta de alimento entre a poboación.
- c) Crise industrial o afundimento da industria téxtil de Cataluña foi dado pola subida do prezo do algodón dos Estados Unidos que se atopaba inmersa na Guerra de Secesión (1861-1865). Tamén influíu o descenso da demanda téxtil.
- d) Crise política ben dada pola deterioración do sistema político isabelino, que se debe a uns gobernos nas mans de políticos moderados, acusados de corrupción, despotismo e inmoralidade. Foron incapaces de solucionar os problemas de España e aceptar a alternativa ao poder dos progresistas.
Na crise tamén influíu a impopularidade da raíña Isabel II de España, que se rodeaba por personaxes pintorescos (o seu confesor o padre Claret, sor Patrocinio, monxa milagreira con chagas ou estigmas, e amigos do rei consorte Francisco de Asís de Borbón.
Dende 1866 os progresistas e a maioría dos moderados formaron o Pacto de Ostende contra a raíña Isabel. A estes políticos uníronse os demócratas e os unionistas (encabezados por Serrano tras a morte de O'Donnell).
Con esta situación estalou a revolución de 1868 ou A Gloriosa, un pronunciamento militar dirixido por Topete, Prim e Serrano, ao grito de "España con honra". Estes sublévanse contra a raíña o 19 de setembro. Nas cidades as xuntas revolucionarias asumen o poder. A revolución esténdese axiña. Cando as tropas isabelinas son derrotadas na batalla de Alcolea, o goberno dimite a Isabel II que abandona España marchando para Francia (29 de setembro de 1868).
A monarquía constitucional (1871 - 1873)
Amadeu I ocupou o trono de España dende xaneiro de 1871 até febreiro de 1873. Nestes anos tivo que se enfrontar con graves problemas dende a súa coroación. O primeiro destes graves problemas foi o asasinato de Joan Prim o 27 de decembro de 1870. A desaparición deste facilitou a desunión da coalición gobernamental de unionistas, demócratas e progresistas.
A inestabilidade entre os partidos políticos gobernantes, púxose de manifesto nas eleccións xerais e nos seis gobernos que houbo durante este curto período de tempo. Ademais, existía unha oposición ao réxime de Amadeo por parte dos carlistas, que se levantaron en armas no ano 1872 dando lugar á Terceira guerra carlista, os afonsinos, partidarios de que o fillo de Isabel II, Afonso (futuro Afonso XII), fora rei. Tamén os republicanos, protagonizaron sucesos armados en Andalucía e Cataluña, nas que se mesturaron reivindicacións como o repartimento das terras, e onde se manifestou a falta de apoio ao rei que tiña o nome de Macarronini I.
Con esta situación, Amadeu I deixa o seu cargo e proclámase a Primeira República Española (11 de febreiro de 1873).
A Primeira República Española (1873 - 1874)
República federal (1873)
A república española nace sen apoio político e social. Os partidos republicanos carecen de seguidores. As clases populares comezan a inclinarse polos movementos obreiros. Os poderes fácticos (Igrexa, exército, banqueiros etc.) eran contrarios á república
O primeiro presidente da república foi Estanislao Figueras e tras a vitoria republicana nas eleccións, a maioría federalista entregou o poder a Francesc Pi i Margall que puxo en marcha o proxecto da Constitución federal de 1873. Esta constitución establecía a separación entre Estado e Igrexa e un modelo de España a partir dunha federación de 15 (ou 17 con Cuba e Porto Rico). Os estados federais serían: Andalucía Alta, Andalucía Baixa, Aragón, Castela a Vella (Castela e León), Castela a Nova (Castela-A Mancha), Cataluña, Estremadura, Galicia, Murcia, Navarra, Valencia, Rexións Vascongadas (País Vasco). A estes estados engádenselle: Filipinas, Fernando Poo, Annobón (sito no golfo de Guinea) e Corisco.
España vivía unha situación de permanente conflitividade social e política. As tensións sociais manifestábanse en forma de folgas obreiras, ocupación das terras obreiras e o cantonalismo. Tamén había conflitos militares que obstaculizaban a convivencia: Insurrección de Cuba e a Terceira guerra carlista (1872).
- O Cantonalismo coa saída do goberno de Pi i Margall, (substituído por Nicolás Salmerón) na presidencia da república deu un xiro conservador. Numerosas poboacións de Valencia, Murcia e Andalucía, declaráronse cantóns independentes. Moitos destes cantóns, declararon a guerra ao Estado central. Estas insurreccións foron reducidas con gran dureza polo goberno central.
Salmerón dimitiu cando se negou a firmar dúas condenas a morte ditadas para presos culpables de insurrección cantonal. Para suplir a dimisión de Salmerón, as Cortes escolleron a Castelar. Este suspendeu as garantías constitucionais e gobernou por decreto.
- A guerra de Cuba (1868 -1878) Os cubanos pasaron das peticións de autonomía a pedir a independencia. Os cubanos co apoio dos Estados Unidos, non aceptaban o réxime político de España nesta illa.
- Terceira guerra carlista (1872 - 1876). O pretendente ao trono, autodenominado como Carlos VII, neto de Carlos María Isidro (V na sucesión da liña carlista) devolveu os foros retirados por Filipe V aos antigos reinos forais. Carlos mobilizou un exército de 45.000 homes que lle permitiu formar goberno en Estella (Navarra). Esta guerra comezara meses antes da instauración da I República. A insurrección tivo éxito en Cataluña, Navarra e País Vasco e noutros puntos illados do resto de España. Porén, o estado carlista necesitaba ocupar unha cidade importante para formar un estado sólido. A cidade elixida foi Bilbao, que foi rodeada polo exército. Pero esta cidade resistiu até a chegada das tropas afonsinas. A derrota dos carlistas produciuse en 1876, unha vez se restaurou a monarquía liberal de Afonso XII. As vitorias afonsinas prodúcense até tomar Estella o 16 de febreiro de 1876 polas tropas dirixidas polo xeneral Miguel Primo de Rivera y Sobremonte.
Carlos VII retírase para Francia e pon fin á guerra carlista. As consecuencias da derrota carlista centrouse na supresión do foros vascos, creando un movemento que nacería pouco despois, o Nacionalismo Vasco.
República Presidencialista, 3 de xaneiro - 29 de decembro de 1874
Os poderes de Castelar remataron en xaneiro de 1874. A maioría parlamentaria dirixida por Pi i Maragall, estaba disposta a substituír a Castelar e volver aos principios federais. Con todo, a burguesía confiou ao exército a imposición dun réxime de orde. O 3 de xaneiro, o xeneral Pavía, capitán xeneral de Madrid deu un golpe de Estado. Ao mando dun grupo de Gardas Civís, ocupou o Parlamento e disolveu as Cortes. O goberno quedou presidido polo xeneral Serrano.
O novo presidente comezou a restablecer a orde pública: suspendeu a Constitución de 1869, prohibiu a Internacional obreira, limitou o dereito de asociación, pechou lugares de reunión política e varias revistas de prensa republicana.
Nesta situación, Antonio Cánovas del Castillo prepara a restauración borbónica. Este consegue a abdicación de Isabel II sobre o seu fillo Afonso, e dá a coñecer o Manifesto de Sandhurst, no que Afonso promete un réxime constitucional en España.
Restauración borbónica, 29 de decembro de 1874
- Artigo principal: Restauración borbónica en España.
Os acontecementos precipítanse. Un pronunciamento militar do xeneral Arsenio Martínez-Campos Antón en Sagunto proclama rei de España a Afonso XII o 29 de decembro de 1874.
Notas
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.