subfamilia de coleópteros From Wikipedia, the free encyclopedia
Os Scolytinae son unha subfamilia de coleópteros que comprende 220 xéneros cunhas 6 000 especies. Tradicionalmente a esta subfamilia se lle daba a categoría de familia co nome Scolytidae (escolítidos), pero agora considérase que en realidade son membros moi especializados dentro da familia Curculionidae (curculiónidos, os gurgullos). As especies máis coñecidas son as do xénero tipo Scolytus, especialmente Scolytus multistriatus e o grande S. scolytus, que xunto co Hylurgopinus rufipes, transmiten ás árbores o fungo da grafiose (Ophiostoma). As especies Dendroctonus ponderosae e Dendroctonus frontalis, e os seus parentes próximos son graves pragas dos bosques de coníferas en Norteamérica. Unha especie igualmente agresiva en Europa é Ips typographus. Unha especie diminuta, Hypothenemus hampei é unha gran praga para as plantacións de café en todo o mundo.
Scolytinae | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Dendroctonus ponderosae | |||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
Tribos | |||||||||||||||||||
Cortylini |
Reprodúcense na codia interna das árbores (no floema vivo e morto e no cámbium). Moitas especies, como o Dendroctonus ponderosae atacan e matan árbores vivas. Porén, a maioría viven en hóspedes mortos ou que están debilitados ou a morrer.[1] Xogan un importante papel na ecoloxía forestal, por exemplo ao faceren retroceder o estado de sucesión ecolóxica do bosque. As súas infestacións poden ter un impacto económico significativo.[2] En bosques inalterados, estes insectos serven para acelerar a reciclaxe e descomposición da madeira morta ou moribunda e renovar así o bosque. Unhas poucas especies son agresivas coas árbores e poden orixinar grandes poboacións que invaden e matan árbores sas e, por tanto, considéranse pragas.
Aliméntanse e reprodúcense entre as codias e madeira de varias árbores, como as píceas. Máis de 20 especies aliméntanse de píceas, abetos e tsugas mortos, debilitados ou moribundos.[3] A maioría crían só nunha parte determinada da árbore: ramiñas, pólas grandes, taliños, ou na zona de inicio das raíces. Algúns crían nunha soa especie de árbore, outros en árbores de moitas especies.
Adoitan atacar árbores xa debilitados por algunha enfermidade, seca, smog, excesiva densidade de árbores no bosque, presenza doutros coleópteros, ou danos físicos. As árbores sas poden utilizar defensas contra eles como a produción de zumes, resina ou látex, que pode conter un número de compostos insecticidas ou funxicidas que poden matar ou danar os insectos ou simplemente inmobilizalos e afogalos en fluídos viscosos. Nas condicións dun gromo destas pragas, o número total destes coleópteros pode superar as defensas da árbore, o que ten impactos na industria madeireira, calidade da auga, nos peixes e vida silvestre e valor das propiedades da zona afectada.[4]
As infestacións masivas poden afectar ás veces a miles de hectáreas, como ocorreu en 2005 en Norteamérica desde Novo México á Columbia Británica.[5][6] Estas infestacións poden ser consecuencia do quecemento global: os invernos máis cálidos na rexión facilitaron a expansión e proliferación de varias especies destes coleópteros.[7] A maioría dos estudos feitos sobre incendios forestais en zonas que foran anteriormente infestadas non atoparon efectos debidos á mortalidade nas árbores causada por estes insectos sobre o tamaño e gravidade do incendio.[8][9][10]
Ás veces hai opinións encontradas sobre a xestión dos bosques despois dunha infestación. Nos bosques bohemios infestados no Parque Nacional de Šumava na República Checa algúns eran parridarios da non intervención e outros de cortar as árbores vellas infestadas.[11]
Algunhas especies establecen relacións simbióticas con certos fungos Ophiostomatales e denomínanse "escaravellos da ambrosía" polo nome destes "fungos da ambrosía". Os escaravellos da ambrosía (como Xyleborus) fan túneles na madeira onde cultivan "xardíns" de fungos e son un dos únicos tres grupos de insectos que cultivan fungos (os outros dous grupos son formigas e térmites). Estes insectos aliméntase do fungo, non da madeira, pero estragan as árbores coas súas galerías para cultivar fungos, e os fungos degradan a madeira. Grazas aos fungos, que superan as defensas da planta, os escaravellos Scolytinae da ambrosía poden vivir en moitas máis especies de árbores que os seus parentes que non teñen esta relación cos fungos. O insecto transporta as esporas do fungo en estruturas especiais do seu corpo chamadas micanxios, e os fungos infectan as árbores cando eles as atacan.
Outros non se alimentan de fungos pero inadvertidamente transportan as súas esporas, como fan os do xénero Scolytus, que son os principais vectores que transportan o fungo Ophiostoma, que infecta os olmos causando a grafiose.
Como moitos outros insectos, os Scolytinae emiten feromonas para atraer os seus conespecíficos, que chegan así ás árbores xa colonizados por outros individuos. Isto pode orixinar graves infestacións e finalmente a morte da árbore. Moitos son atraídos polo etanol, un dos subprodutos do crecemento microbiano nos tecidos leñosos mortos.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.