From Wikipedia, the free encyclopedia
A saprotrofia, nutrición saprótrofa ou nutrición lisótrofa é un proceso de dixestión extracelular quimioheterótrofo implicado no procesamento de materia orgánica en descomposición (morta ou residual). Ocorre nos organismos saprótrofos e está maiormente asociado aos fungos (por exemplo Mucor) e ás bacterias do solo. Os fungos microscópicos saprótrofos denomínanse ás veces saprobios, e as plantas ou a flora bacteriana denomínanse saprófitos (ou saprófitas), aínda que agora se cre que todas as plantas que antes se pensaba que eran saprófitas son, en realidade, parasitos de fungos microscópicos ou doutras plantas. O proceso é xeralmente facilitado polo transporte activo de ditos materiais e endocitose no micelio interno e as súas hifas constituíntes.[1]
Diversas raíces léxicas relacionadas coa materia en descomposición (detrito, sapro-), comer e nutrirse (-voro, -fago), e planta e forma de vida (fito, -obio) producen varios termos, como detritívoro, detritófago, saprótrofo, saprófito, saprófago e saprobio, cuxos significados se solapan, aínda que se poden facer distincións baseándose nos mecanismos fisiolóxicos utilizados que restrinxen o significado. Por exemplo, poden facerse distincións de uso se se consome a materia en descomposición tragando fragmentos macroscópicos (como fai unha miñoca detritívora) ou facendo unha lise microscopica de detritos (como fan os cogomelos).
A medida que a materia se descompón nun medio nos que viven os saprótrofos, esta desfaise nos seus compoñentes.
Estes produtos son reabsorbidos ao interior das hifas a través da parede celular por endocitose e levados a través do complexo do micelio, e son utilizados para o crecemento e reparación do organismo.[1]
Para facilitar que un organismo saprotrófico creza e se repare, debe haber condiciósn favorables e nutrientes.[3] Estas condicións óptimas son:
A maioría dos nutrientes captados por ditos organismos deben proporcionarlles o carbono, as proteínas, vitaminas e nalgúns casos ións que necesitan. Fontes ricas en carbono frecuentes na materia en descomposición son disacáridos, como a maltosa, e polisacáridos como o amidón, ou monosacáridos, como a glicosa.[1]
En canto ás fontes ricas en nitróxeno, os saprótrofos precisan proteínas combinadas para a creación das súas propias proteínas, o cal se facilita pola absorción de aminoácidos, xeralmente tomados do solo. Aínda que os ions e as vitaminas son raros, a tiamina ou ións como os de potasio, fósforo e magnesio, axudan ao crecemento do micelio.[1]