Rosendo de Celanova, Rudesindus Guterri ou Rosendo Gutérrez, nado en São Miguel do Couto (Santo Tirso) o 26 de novembro de 907[1] e finado en Celanova o 1 de marzo de 977,[1] máis coñecido como san Rosendo, foi un nobre e relixioso galego, bispo de Mondoñedo, abade fundador do mosteiro de San Salvador de Celanova e administrador da Sé Iriense, foi unha figura política e relixiosa sobranceira no reino de Galicia durante o século X.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 26 de novembro de 907 Santo Tirso, Portugal |
Morte | 1 de marzo de 977 (69 anos) Celanova, España |
Bispo de Dumio | |
927 – 951 ← Sabarico II Diocese: Diocese de Dumium | |
Abade Mosteiro de San Salvador de Celanova | |
Datos persoais | |
Relixión | Igrexa católica |
Actividade | |
Ocupación | sacerdote católico |
Orde relixiosa | Orde de San Bieito |
Enaltecemento | |
Día de festividade relixiosa | 1 de marzo |
Familia | |
Pais | Goterre Méndez e Aldara de Celanova |
Irmáns | Adosinda Guterrez de Celanova Froila Gutiérrez Ermenesinda Gutiérrez |
Fillo dunha santa, santa Ilduara, a súa vida está envolta en mito. Cun carisma espiritual recoñecido e o prestixio de pertencer a unha familia da alta nobreza galaica deu un pulo decisivo ao monacato no noroeste peninsular baixo a regra de San Bieito. A súa pegada notouse no mosteiro de Caaveiro, no de Lourenzá e no de Portomarín. Fundou o mosteiro de San Salvador de Celanova espello dos mosteiros galegos e dinamizador da cultura e o desenvolvemento dos reinos cristiáns no limiar do ano mil ademais de participar na fundación doutros cenobios.
Sucedeu ao seu tío Gaón na diocese de Mondoñedo (na sé vella de San Martiño de Mondoñedo), e tras un fecundo mandato e pór orde na institución, abdicou no seu sobriño para retirarse ao mosteiro da súa fundación, que deixara en mans de Fránquila, o abade de San Pedro de Rocas. Foi ponderado por monxes de Celanova polo seu carácter paternal e a súa solicitude cara ós febles e desvalidos. Morto en aura de santidade, foi recoñecido moi cedo como santo polo pobo galego e a Orde de San Bieito, antes da súa canonización por Roma.
Fillo dos poderosos aristócratas galegos Goterre Méndez e Ilduara Eriz (Santa Aldara de Celanova), foi a máxima figura da familia nobre galega emparentada cos reis de Galiza dende os tempos de Ordoño II e a princesa galega Elvira Menéndez.
Ordoño III, tal como consta no Tombo de Celanova, confioulle o goberno do territorio da actual Galicia de sorte que todos concorran alí a obedecervos nas cousas do noso servizo e canto dispoñades o cumpran sen escusa ningunha. Mediou nas loitas entre os reis Ordoño IV e Sancho I , ámbolos dous coroados en Santiago de Compostela. Cando Ordoño IV depón o bispo de Mondoñedo Arias I, Rosendo volveu a esa sé nun segundo pontificado (955-958). Durante o segundo reinado de Sancho I, o bispo de Iria-Santiago de Compostela, Sisnando, cae en desgraza. O Cronicón Iriense e a Historia Compostelá sosteñen que a diocese foi ocupada entón por Rosendo. Os reis galaico-leoneses confiáronlle o goberno dunha terra axitada pola rebelión e a conspiración da nobreza contra a figura monárquica e entre as familias nobres de Menéndez e Odoario.
Sendo Ramiro III un meniño, Rosendo protexeu os territorios galegos contra a invasión dos normandos de Gunderedo (968). No ano 943 dálle a liberdade á súa escrava Muzalla, que fora ama de leite súa[2]. En 969 asiste a un concilio no que subscribe a fundación do mosteiro de Lourenzá polo Conde Santo, no 974 confirma un privilexio de Ramiro III á Igrexa de Astorga e, nese mesmo ano, é o presidente e primeiro asinante das actas dun concilio en León ao que o acompañou o abade de Antealtares Pedro de Mezonzo e no que se decide a supresión do bispado de Simancas.
Finalmente, retirouse de xeito definitivo a Celanova onde segundo o cronista Ordoño se caracterizou pola defensa dos desvalidos, a súa dozura, misericordia e amor entrañables. Alí encontrou a morte no ano 977, tras ditar o seu denominado "testamento monástico" datado a 17 de xaneiro.
San Rosendo recibe veneración como santo na Igrexa católica, logo da súa canonización polo papa Celestino III en 1195. A súa festividade celébrase o 1 de marzo.
Corre a lenda de que San Rosendo, sendo aínda un simple frade, decidiu facer penitencia e colocouse un cilicio, mandou tirar a chave ó Eume e prometeu non quitarse tal trebello ata que aparecera a chave. Tempo despois, uns pescadores pediron aloxamento no convento e ofreceron uns salmóns ós frades. E ó abrir o seu salmón, Rosendo atopou a chave do seu cilicio [3].
O mosteiro de Celanova quedou como dono do antigo territorio que hoxe comprende os concellos da Bola, A Merca, A Arnoia, Barbadás, Cartelle, Celanova, Cortegada, Gomesende, Padrenda, Pontedeva, Quintela de Leirado e Rairiz de Veiga, desde o século X ata o XIX, mantendo foros e estendéndose fronte a outros señores feudais e outros mosteiros (mosteiro feminino de Ramirás e Santa Comba) tendo conflitos con eles (preito de 20 anos cos veciños de Refoxos pola suba dos foros e conflito co conde amarante pola barca de Filgueira). Asemade, ergueu priorados para controlar as súas posesións dándolle un pulo á agricultura na zona (obras de canalización e de crédito agrícola no 1020).
Actualmente o mosteiro de Celanova amosa unha obra propia do estilo Barroco e da construción orixinal só fica a capela prerrománica, lápida dun bispo do s. XI e o testemuño dun frade acerca das celas "de teito vermello e a torre de defensa do mosteiro"
No Museo Catedralicio da catedral de Ourense custodiase o coñecido como o "Tesouro de San Rosendo". Entre as pezas que o compoñen destaca o chamado Báculo de San Rosendo e un anel coa figura do deus Xúpiter tallada na pedra que talvez usou el. O tesouro inclúe tamén o Xadrez de San Rosendo, oito pezas (torre, bispo, cabalo e cinco peóns) labradas en seixo, que se contan entre as máis antigas conservadas en Europa.[4]
Logo da súa morte, Rosendo (Rudesindus) mantivo a súa importancia. Ao pouco de finar comezou espontaneamente un culto popular á súa figura que deu en ser recoñecido polo propio Vaticano, douscentos anos máis tarde o monxe Ordoño de Celanova escribiu a Vita Rudesindi (Vida de Rosendo). Deste xeito, foi canonizado no século XII. Seguramente a nivel popular xa había crenzas nos seus milagres e culto ás súas reliquias. A santificación contribuíu a pregoar a sona de Rosendo. A súa memoria incrementou e deulle moito prestixio a Celanova, xa que parte significativa dos tesouros das igrexas era posuír os restos de santos. A cabeza do santo foi para Roma completa. A existencia dunha fundación asistencial que leva o seu nome ou o xeito en que se lembra a súa figura ou se lle pon o seu nome a nenos despois de mil cen anos son boas mostras de como o legado do santo continúa vivo.
- San Rosendo de Xosé Ferreiro na igrexa do mosteiro de San Martiño Pinario en Santiago de Compostela.
- Estatua na igrexa de Santa María de Iria Flavia.
- Estatua de San Rosendo na basílica de San Martiño de Mondoñedo (Foz).
- Estatua de San Rosendo no frontal do Mosteiro de San Salvador de Celanova
- Estatua de San Rosendo en Santo Tirso, Porto.
- Bula papal de Celestino III do ano 1195, confirmando a canonización de San Rosendo.
- Vita et Virtutibus sanctissimi Rudesindi Episcopi. Biografía de San Rosendo escrita polo monxe Ordoño de Celanova arredor do 1172.
Dignidades da Igrexa católica | ||
---|---|---|
Predecesor: Sabarico II |
Bispo de Dumio 926 - 942 |
Sucesor: Teodomiro de Dumio |
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.