Barbadás
concello da comarca de Ourense, na provincia de Ourense From Wikipedia, the free encyclopedia
concello da comarca de Ourense, na provincia de Ourense From Wikipedia, the free encyclopedia
Barbadás é un concello da provincia de Ourense, pertencente a comarca de Ourense. Segundo o IGE en 2016 tiña 10 638 habitantes[2] (10463 en 2015, 8426 no 2006, 7939 no 2005, 7597 no 2004, 7193 no 2003). O xentilicio é barbadés ou barbalatense.[3]
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | provincia de Ourense | ||||
Capital | Barbadás | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 11.140 (2023) (371,09 hab./km²) | ||||
Xentilicio | barbadés/barbadesa barbalatense | ||||
Galegofalantes | 43,87%[1] | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 30,02 km² | ||||
Altitude | 206 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Organización política | |||||
• Alcalde | Xosé Carlos Valcárcel (2015–) | ||||
Eleccións municipais en Barbadás | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 32890 | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 32008 | ||||
Páxina web | barbadas.es |
O concello, de 30,33 km², abrangue 6 parroquias. Limita ao norte con Ourense. O seu principal núcleo é A Valenzá, vila dormitorio de Ourense. Cara ao norte está o río Miño, ao que se dirixe o río Barbaña, principal curso fluvial do concello. As zonas máis montañosas están cara ao suroeste, acadando os 600 m no Alto do Castro.
Censo total | 10 463 (2015) |
---|---|
Menores de 15 anos | 1876 (17,93 %) |
Entre 15 e 64 anos | 6812 (65,11 %) |
Maiores de 65 anos | 1775 (16,96 %) |
Evolución da poboación de Barbadás Fontes: INE e IGE. | ||||||||||||||||||
1900 | 1930 | 1950 | 1981 | 2004 | 2009 | 2011 | 2012 | 2013 | 2014 | 2015 | 2016 | 2017 | 2018 | 2019 | 2020 | 2021 | 2022 | 2023 |
3835 | 4063 | 4325 | 3682 | 7597 | 9177 | 9731 | 10 064 | 10 371 | 10 463 | 10 638 | ||||||||
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) |
No monte da Piteira (480 m) realizáronse en 1974 unhas escavacións arqueolóxicas nas que se atoparon restos de asentamentos do paleolítico. No Museo de Ourense consérvanse restos de cantos rodados de cuarcita, sílex, cuarzo, coitelos de dorso e útiles para a caza.
Durante a cultura castrexa a zona estaba habitada polos coelernos. No castro de Trelle (635 m) atopouse un brazalete de finais da idade de bronce, conservado no Museo de Lugo. No monte Nondedeu, no lugar das Pipileiras, atopouse un brazalete similar, estando os dous decorados con motivos triangulares e reticulados feitos mediante excisións. Outro poboado da época é o Castro de Louredo.
Trala romanización de Galicia abandonáronse os castros e habitáronse zonas de chaira máis próximas ao río Miño. Na aldea de Loiro atopáronse restos dunha villae, como tellas e moedas.
Na Cova do Lobo asentáronse os construtores da primitiva capela visigótiga de Barbadás. O mosteiro de Celanova, fundado no ano 936, tivo forte influencia nestas terras. No ano 1110 construíuse a igrexa de San Martiño de Loiro, de estilo románico. No ano 1113 a zona pasou a estar baixo o señorío da diocese de Ourense. No ano 1133 o rei Afonso VII de León concedeu ao monte Louredo un castelo e o seu coto, e a vila de Loiro ao bispo Martiño.
En 1348 Barbadás viuse afectada pola peste negra, chegada dende o porto de Baiona. Isto, xunto coas guerras civís e os enfrontamentos entre nobres e a poboación campesiña e mercadores, provoca unha forte crise.
A Gran Guerra Irmandiña provocou o derribo do Castelo Ramiro entre os anos 1467 e 1469. Entre 1486 e 1507 houbo un gran preito entre a cidade de Ourense e a veciñanza da zona pola Barca de Lagar Queimado. Se ben o xuíz Sancho Ruíz de Villegas mandou inutilizar a barca, continuou navegando polo río.
No ano 1820 constituíuse o concello da Valenzá, pertencente ao partido xudicial de Ourense. Trala División territorial de España en 1833 o municipio de Sobrado do Bispo intégrase no da Valenzá, que en 1851 pasa a denominarse Barbadás.
A igrexa de Santa María de Sobrado do Bispo é un templo de orixe románica. No exterior ten grandes contrafortes e ménsulas no tellado. Na portada lateral ten un arco apuntado de transición ao gótico, coroado por unha arquivolta de bólas. No interior hai un retablo barroco. Nesta mesma parroquia está a capela de San Xoán, de estilo neogótico.
A igrexa de San Martiño de Loiro foi construída en 1110 e modificada posteriormente. Da primeira etapa conserva o arco triunfal cunha ventá sobre a ábsida románica. Ten dúas portas laterais, e na fachada principal unha porta con arquivoltas e tres mediacanas rodeando o tímpano, que ten unha ventá e dúas figuras humanas rodeando unha cruz. Sobre ela hai unha cornixa perlada sostida por arcos adornados con figuras humanas, mitolóxicas, animais, vexetais e xeométricas. Na cuberta da nave hai unha cruz, e no testeiro da ábsida un Agnus Dei.
A ermida de San Bieito, na Cova do Lobo, é un pequeno templo, onde se celebra unha romaría.
A igrexa de San Bernabeu da Valenzá construíuse en 1576, trala epidemia que asolagou a zona entre 1569 e 1571. Ten unha capela pegada, mandada construír en 1584 polo capitán Tomé Rodríguez Punxín, retornado das Indias.
A igrexa de San Lourenzo de Piñor é do século XVI. A fachada está flanqueada nas esquinas por dúas pilastras que soportan un frontón partido por un fornelo coa imaxe de San Lourenzo. A porta de acceso está coroada por un deseño renacentista, e o acceso ao templo faise mediante unha grande escalinata barroca. O campanario está coroado cunha balaustrada.
O pazo de Bentraces foi construído no século XV como residencia episcopal do mosteiro de Celanova. A familia portuguesa Soarez Tanxil transformouno en casa señorial. Da primeira época consérvase a área que une as tres edificacións actuais.
O pazo de Piñor é do século XVI, ampliado posteriormente cunha solaina con ampla balaustrada barroca. Ten dúas edificacións anexas de dúas alturas, a máis moderna de planta rectangular. Dispón dunha capela próxima o edificio. A leira está rodeada por un muro de pedra.
A capela de San Amaro, en Barbadás, ten un peto de ánimas.
Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Barbadás vexa: Lugares de Barbadás.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.