From Wikipedia, the free encyclopedia
Reiner Klimke, nado en Münster o 14 de xaneiro de 1936 e finado na mesma cidade o 17 de agosto de 1999, foi un deportista en equitación alemán, que gañou seis medallas de ouro e dúas de bronce en doma clásica nos Xogos Olímpicos,[1] un récord para os deportes hípicos que foi superado posteriormente. Participou en seis olimpíadas entre 1960 e 1988, excluídas as de 1980 que foron boicoteadas pola República Federal Alemá.
Klimke estudou con Harry Boldt e Gustaf Rau.
Gañou o ouro por equipos en 1964, 1968 (ambos sobre Dux), 1976 (sobre Mehmed), 1984 e 1988 (ambos con Ahlerich), e o ouro individual en 1984 sobre Ahlerich.
As súas dúas medallas de bronce foron en eventos individuais en 1968 e 1976. Klimke tamén tivo un récord no Campionato do Mundo, gañando seis medallas de ouro: dúas individuais en 1974 con Mehmed e en 1982 con Ahlerich, e catro por equipos: 1966, 1974, 1982, 1986.
Nos campionatos de Europa foi o campión individual en 1967, 1973 e 1985 e participou en sete equipos gañadores por Alemaña Occidental (1965, 1973, 1983 e 1985 entre outros). Klimke tamén competiu no concurso completo a comezos da súa carreira. Foi membro do equipo gañador por Alemaña Occidental no concurso de tres días por equipos nos Campionatos de Europa de 1959, e finalizou 18.º no concurso individual nos Xogos Olímpicos de 1960. Tamén gañou un Grand Prix na competición de salto ecuestre en Berlín.
Reiner Klimke era fillo dun psicólogo e unha neuróloga. Coa súa esposa Ruth, tamén destacada amazona, tivo tres fillos: Ingrid, Rolf e Michael. Ingrid compite en concurso completo e doma clásica e gañou unha medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de 2008, vinte anos despois da última medalla olímpica do seu pai. Michael tamén compite a nivel de Grand Prix en doma clásica.
Klimke non só cabalgaba e adestraba, senón que dirixiu unha firma de avogados e formou parte de varias directivas, incluído o Comité de Doma Clásica da Federación Internacional de Deportes Ecuestres.
Faleceu dun ataque cardíaco aos 63 na súa cidade natal.[2] Antes da súa morte estaba a planear a súa participación nos Xogos Olímpicos de 2000.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.