From Wikipedia, the free encyclopedia
A sección de balonmán da Sociedad Deportiva Cultural San Antonio ou AMAYA Sport San Antonio, por motivos de patrocinio, é un equipo de balonmán de Pamplona, Navarra, que actualmente compite na Liga ASOBAL. O club fundouse en 1955.
Nome do club | Sociedad Deportiva Cultural San Antonio | ||
Fundado | 1955 | ||
Pavillón | Pavillón Universitario de Navarra, Pamplona | ||
Capacidade | 3.000 | ||
Presidente | Doroteo Vicente | ||
Adestrador | Juanto Apezetxea | ||
Liga | Liga ASOBAL | ||
2009-210 | 6º (Liga ASOBAL) | ||
Vestimenta |
|
A tempada 1971-72 foi decisiva para o club pamplonés. O 19 de marzo de 1972 o San Antonio logrou o primeiro ascenso á División de Honra e o 9 de abril proclamouse Campión de España de Primeira División (no encontro ante o Roca Gava que os de Pamplona gañaron por 20-23).
A tempada 79-80 foi unha das máis negras da súa historia deportivamente falando. Ángel Hermoso de Mendoza adestraba aquel ano o equipo patrocinado por Ronkari, que perdeu a categoría na última xornada (Covadonga 25 - San Antonio 22). Non foi ata o 28 de maio de 1989 cando o club conseguiu o ascenso á División de Honra "A" en Pamplona, no Pavillón Arrosadia, contra o Ciudad Real dirixido por Zupo Equisoain. Co nome de Mepamsa San Antonio estivo catro tempadas na Liga ASOBAL, e renunciou á máxima categoría por problemas económicos o 23 de xullo de 1993.
Tras dous anos na División de Honra B, o Ariston San Antonio obtivo en Oviedo o ascenso á Liga ASOBAL. Dirixido por David García, gañaron ao Ciudad de Naranco por 19-24. Durante estas dúas tempadas, o serbio Goran Dzokic foi o máximo goleador do equipo e un xogador decisivo na historia do club.
Entre 1995 e 1997, Seguros Lagun Aro encargouse de lle ofrecer a tranquilidade económica ao club. Porén, foi a entrada de Cementos Portland en 1997 o que trocou o futuro do club, que en 1998 comezaría un ascenso fulgurante ao finalizar a Liga ASOBAL na segunda posición e disputar a final fronte ao FC Barcelona, na que perdeu por 35-27, 32-20 e 25-29.
O 14 de febreiro de 1999 o Portland San Antonio conquistou o seu primeiro título ao gañar a Copa do Rei ao FC Barcelona por 32-29 no Polideportivo Pisuerga de Valladolid.
O 30 de abril do 2000 chegou o primeiro título continental do equipo navarro ao conquistar a Recopa de Europa ante o Dunaferr húngaro, tras gañar no partido de ida disputado en Pamplona por 28-19, e perder en Hungría por 26-20. Un ano despois, o equipo navarro levou outro novo título continental ás súas vitrinas, desta vez a máxima competición do balonmán europeo, a Copa de Europa, logo de manter no Palau Blaugrana a vantaxe conseguida en Pamplona (30-24) fronte ao FC Barcelona, malia perder por 25 a 22 na volta disputada en Barcelona.
2001 foi sen dúbida o ano máis exitoso da sección de balonmán, xa que conseguiu gañar dous títulos máis. O 16 de setembro o San Antonio logrou a Supercopa de España, derrotando o Caja España Ademar, que caeu por 26-24 en Pamplona. O 27 de maio xa gañara por segunda vez na súa historia a Copa do Rei, disputada fronte ao Ciudad Real, que xogaba na casa e chegaba por primeira vez á final.
O 9 de maio do 2002 chegou o primeiro título de Liga ao palmarés do equipo navarro; o título que máis se lle resistira supuxo o broche de ouro á tempada. Ese mesmo ano chegaría a segunda Supercopa de España logo de vencer o Ademar por 33 a 27.
Na tempada 2003-04 chegou un novo título europeo logo de venceren ao BM Valladolid na final da Recopa de Europa por 30-31 en Valladolid e 30-26 en Pamplona.
Os dous últimos títulos do club navarro chegaron no 2005, cando gañou a súa segunda liga por diante do Ciudad Real e, máis tarde, a súa terceira Supercopa de España, logo de gañar, como xa ocorrera na Recopa de Europa, ao Balonmán Valladolid na final por 29-27 en Málaga.
Tódolos títulos foron acadados polo club baixo a dirección do navarro e canteirán Zupo Equisoain.
O gran artífice do éxito do San Antonio baixo a súa xestión como presidente foi Fermín Tajadura, xa finado.
Adestrador : Juanto Apezetxea
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.