Pobo keta
From Wikipedia, the free encyclopedia
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os ketas (en ruso Кеты, en keta Ostigan) son un pobo ieniseiano que habita en Siberia. Durante o imperio Ruso foron chamados ostiaks, sen diferencialos doutros pobos siberianos. Posteriormente coñecéronse como ostiaks ienisei porque vivían na conca media e inferior do río Ienisei no kai de Krasnoiarsk de Rusia.[1]
Os modernos ketas vivían ao longo do tramo medio oriental do citado río antes de seren asimilados politicamente por Rusia entre os séculos XVII e XIX. Segundo o censo do ano 2010 había 1 220 ketas en Rusia.[2]
Crese que os keta son os únicos sobreviventes dun pobo nómade antigo que se cre que viviu orixinariamente en toda a zona central e meridional de Siberia. Na década de 1960 os yugh foron distinguidos como un grupo separado, aínda que similar. Os ketas de hoxe son descendentes das tribos de pescadores e cazadores da taiga da rexión do Ienisei, que adoptaron algunhas das formas culturais das tribos de fala keta orixinarios do sur da Siberia. As tribos máis antigas dedicáronse a cazar, pescar e incluso a gandaría nas zonas do norte.[2]
Os ketas foron incorporados ao estado ruso no século XVII. Os seus esforzos para resistiren foron inútiles, xa que os rusos deportáronos a diferentes lugares para romperen a súa resistencia. Isto tamén separou o seu sistema social patriarcal estritamente organizado e o seu xeito de vida desintegrouse. O pobo keta tiña grandes débedas cos rusos. Algúns morreron de fame, outros de enfermidades introducidas de Europa. No século XIX, os ketas xa non podían sobrevivir sen o apoio alimentario do estado ruso.[3]
No século XX, os soviéticos forzaron a colectivización dos ketas. Foron recoñecidos oficialmente como ketas (en lugar ienisei-ostiak) na década de 1930 cando a Unión Soviética comezou a aplicar a política de autodefinición con respecto aos pobos indíxenas. Con todo, as tradicións dos ketas seguiron a seren suprimidas, e desincentivouse a iniciativa propia. A colectivización completouse na década de 1950, sendo forzados os ketas a adoptaren o estilo de vida e a lingua rusa.
A poboación dos ketas mantívose relativamente estábel desde 1923. Segundo o censo de 2002, había 1 494 ketas en Rusia,[2] comparados cos 1 200 no censo de 1970. Hoxe os ketas viven en pequenas aldeas ao longo das ribeiras do Ineisei, e xa non son nómades. Hai tamén un pequeno grupo de 37 ketas en Ucraína (censo de 2001).
Anuchin divide os ketas en tres tipos físicos: ario, turco e mixto; Sinel'nikov critica isto.[4]
O keto, anteriormente coñecido como ienisei ostiak,[5] é unha lingua illada siberiana, a última supervivente da familia de linguas ieniseianas.
Houbo intentos por expertos soviéticos de estableceren unha relación entre a lingua keta e o burushaski, e mesmo coas linguas sino-tibetanas. Pero a maioría dos autores inclúeno na suposta familia das linguas dené-caucasianas.[6]
Hoxe en día hai pouco máis de 200 falantes da lingua keta. Realizáronse esforzos para introducir a lingua nas gardarías e nos colexios. A vila de Kellog, en Rusia, é o único lugar onde o keta aínda se ensina nas escolas. Aos alumnos subminístranselle libros especiais para os graos de segundo a cuarto, pero despois deses graos só hai bibliografía rusa para estudar a cultura keta.[7] A día de hoxe non se coñecen falantes monolingües,[8] polo que se teme que desapareza.
O número de compoñentes do pobo keta que teñen como lingua materna este idioma descendeu desde os 1 225 en 1926 até os 537 en 1989 e os 213 en 2010.[7]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.