From Wikipedia, the free encyclopedia
Pierre-Paul Grassé (nado o 27 de novembro de 1895 en Périgueux, Dordoña – finado o 9 de xullo de 1985 en Carlux, Dordoña) foi un zoólogo francés, autor dunhas 300 publicacións, entre as que salienta a influínte obra en decenas de volumes Traité de Zoologie (Tratado de Zooloxía). Foi un experto en térmites que rexeitaba o neodarwinismo e era partidario do neolamarckismo.[1][2]
Grassé empezou os seus estudos en Périgueux, onde os seus pais tiñan un pequeno negocio. Despois estudou medicina na Universidade de Bordeos e, en paralelo, estudou bioloxía, entre elas asistiu ás leccións do entomólogo Jean de Feytaud (1881–1973). Como foi mobilizado durante a primeira guerra mundial, viuse forzado a interromper os seus estudos durante catro anos. Ao final da guerra era cirurxián militar.
Grassé continuou os seus estudos en París, centrándose exclusivamente na ciencia. Obtivo a súa licenciatura en Bioloxía e frecuentou o laboratorio do biólogo Étienne Rabaud (1868–1956). Abandonou a súa preparación para o exame para profesor agregado para aceptar un posto como profesor na École Nationale Supérieure Agronomique de Montpellier (1921), onde o departamento de zooloxía estaba dirixido por François Picard (1879–1939). Alí, frecuentou a varios fitoxeógrafos como Charles Flahault (1852–1935), Josias Braun-Blanquet (1884–1980), Georges Kuhnholtz-Lordat (1888–1965) e Marie Louis Emberger (1897–1969). Converteuse no axudante de Octave Duboscq (1868–1943), quen orientou ao xove Grassé cara ao estudo de protozoos parasitos. Despois da marcha de Duboscq a París, Grassé traballou para Eugène Bataillon (1864–1953) e alí descubriu técnicas para a embrioloxía experimental.
En 1926, Grassé converteuse no vicedirector da École supérieure de Sericultura. Presentou a súa tese Contribution à l'étude des flagellés parasites, en 1926, que se publicou en Archives de zoologie expérimentale et générale.
En 1929, Grassé converteuse en profesor de zoolóxía da Universidade de Clermont-Ferrand. Superivisou as teses de varios estudantes sobre insectos. Realizou o seu primeiro viaxe de investigación de campo a África en 1933-1934, e volveu alí varais veces (1938–1939, 1945, 1948). Durante estas viaxes estudou as térmites e chegou a ser un grande especialista nestes insectos.
En 1935, traballou como profesor axudante de cátedra na Universidade de París, onde traballou xunto con Germaine Cousin (1896–1992), e recibiu o premio Prix Gadeau de Kerville da Société entomologique de France polo seu traballo cos ortópteros e térmites. En 1939 presidiu a Société zoologique de France e en 1941 a Société entomologique de France.
Despois de ser mobilizado brevemento en Tours, en 1944 sucedeu a Maurice Caullery na cátedra de Zooloxía e Evolución dos Seres. Grassé foi elixido membro da Académie des sciences o 29 de novembro de 1948 no sector de anatomía e zooloxía e presidiu a institución en 1967. En 1976 cambiou ao sector de nova creación de bioloxía animal e vexetal.
Grassé recibiu numerosos honores e títulos durante a súa carreira: comandante da Lexión de Honra, doutor honoris causa das universidades de Bruxelas, Basilea, Bonn, Gante, Complutense de Madrid, Barcelona e São Paulo. Foi un dos fundadores da Société Française de Parasitologie en 1962. Foi tamén membro de varias sociedades académicas, incluíndo a New York Academy of Sciences e As Academias Reais de Ciencia e Artes de Bélxica.
Grassé empezou a publicar un gran proxecto en 1946 titulado Traité de zoologie. Os seus 38 volume supuxéronlle case 40 anos de traballo, xunto con algúns dos zoólogos de máis sona. Aínda son referencias esenciais neste campo para os grupos que se trataban nas súas páxinas. Dez volumens están decdicados aos mamíferos e nove aos insectos. Ademais deste tratado, elaborou dúas coleccións publicadas por Masson: a primeira, titulada Grands problèmes de la biologie, ten trece volumes e a segunda titúlase Précis de sciences biologiques. Xunto con Andrée Tétry, elaborou os dous volumes dedicados á zooloxía na colección Bibliothèque de la Pléiade, publicada por Gallimard. Tamén supervisou a edición do Abrégé de zoologie (dous volumes, Masson).
Tamén publicou Termitologia (1982, 1983, 1984), un traballo en tres volumes que en total ten unhas 2400 páxinas. Nel Grassé compila todo o coñecemento dispoñible sobre térmites. Cando estaba estudando os flaxelados simbióticos en térmites foi cando empezou a estudar os seus hóspedes. Na súa publicación Grassé introduciu o concepto de estigmerxia :
Tamén creou tres revistas científicas: Arvernia biologica (1932), Insectes sociaux (1953) e Biologia gabonica (1964). Participou en varias revistas, como Annales des sciences naturelles e Bulletin biologique de la France et de la Belgique. Ademais das súas numerosas publicacións científicas, publicou varios traballos de divulgación da ciencia, como La Vie des animaux (Larousse, 1968). Tamén asinou os artigos "Évolution" e "Stigmergie" da Encyclopædia Universalis.
Grassé tamén foi autor de moitas obras nas que fala das súas ideas sobre evolución e metafísica, como Toi, ce petit Dieu (Albin Michel, 1971), L’Évolution du vivant, matériaux pour une nouvelle théorie transformiste (Albin Michel, 1973), La Défaite de l’amour ou le triomphe de Freud (Albin Michel, 1976), Biologie moléculaire, mutagenèse et évolution (Masson, 1978), L’Homme en accusation: de la biologie à la politique (Albin Michel, 1980)...
Grassé apoiaba a tadición francesa do lamarckismo. Ocupou a cátedra de Bioloxía Evolutiva da Universidade de París, da cal os dous ocupantes previos, Alfred Giard (1846–1908) e Maurice Caullery (1868–1958), eran ambos seguidores do lamarckismo. Só despois da retirada de Grassé, a cátedra pasou a ser ocupada polo partidario do darwinismo Charles Bocquet (1918–1977).[4]
En apoio das teorías de Lamarck organizou un congreso internacional en París en 1947 baixo os auspicios do CNRS sobre o tema "paleontoloxía e transformismo". As actas foron publicadas en 1950 por Albin Michel. Xuntou moitas das maiores autoridades fancesas sobre a cuestión, como Lucien Cuénot (1866–1951), Pierre Teilhard de Chardin (1881–1955) e Maurice Caullery.[4] Todos se opoñían a certos principios do neodarwinismo. Outros brillantes biólogos presentes foron John Burdon Sanderson Haldane (1892–1964) e George Gaylord Simpson (1902–1984).[4] Grassé afirmou o seu apoio a Lamarck tamén doutras maneiras, como nun artigo na Encyclopædia Universalis, e ao afirmar que Lamarck foi inxustificadamente difamado e debería ser rehabilitado.[5]
Algúns autores, como Marcel Blanc explican o forte apoio a Lamarck dos biólogos franceses dando simples razóns patrióticas e pola influencia do contexto histórico e social: a cultura católica favorece o apoio ao lamarckismo, mentres que a cultura protestante favorece o darwinismo.[4]
Grassé presenta os seus argumentos contra o neodarwinismo no seu libro L'évolution du vivant (A evolución dos organismos vivos) (1973). Contra a idea que afirma que a evolución dos seres vivos é o produto da súa adaptación aos cambios do seu ambiente, el opón os fósiles viventes, que son especies que deixaron de evolucionar en certo momento do tempo e permaneceron relativamente idénticos ata o día de hoxe malia os grandes cambios climáticos ou xeolóxicos (cita numerosos exemplos en Les formes panchroniques et les arrêts de l'évolution, p. 133). Por tanto, a evolución é na súa opinión un proceso que non é necesario, non ocorre en seres vivos que están baixo as restricións de forzas físicas externas (cf. A necesidade-utilidade non é o primus movens da evolución biolóxica, p. 302). Para explicar a evolución el, ao contrario, pensa que se deben mirar as dinámicas internas dos seres vivos.
O biólogo Theodosius Dobzhansky escribiu nunha revisión que a crenza de Grassé de que a evolución é dirixida por algún mecanismo descoñecido non explica nada. Concluíu que "rexeitar o que se se sabe e apelar a algún futuro descubrimento marabilloso que podería explicalo todo, é contrario a un método científico sólido. A frase coa cal Grassé remata o seu libro é: "É posible que neste dominio a bioloxía, impotente, deixe paso á metafísica."[6]
Colin Patterson revisou o libro de Grassé para New Scientist, afirmando que o libro era unha crítica ao neodarwinismo, presentando a opinión que a paleontoloxía é "a única verdadeira ciencia da evolución". Patterson, que era paleontólogo, discutiu esta afirmación. El tamén sinalou que a propia teoría de Grassé do neolamarckismo era "difícil de disenguedellar, e había outras partes onde o razoamento de Grassé era difícil de seguir." Segundo Patterson o libro non menciona a duplicación xénica, pero esta está ben establecida en evolución.[7]
O xeólogo David B. Kitts revisou negativamente o libro comentando que todos os "argumentos de Grassé foron xuntadas contra a teoría do darwinismo antes e, na opinión da maioría dos darwinistas, foron adecuadamente respondidas." Grassé afirmou que a evolución era impulsada por un factor interno. En canto á identificación deste factor, Kitts cita que Grassé di "quizais nesta área a bioloxía non pode ir máis alá: o resto é metafísica". Kitts considera esta afirmación inaceptable, comentando que "os asuntos fundamentais presentados pola teoría da evolución de Grassé nin sequera pertencen á bioloxía, senón a algunha outra disciplina."[8]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.