Pfiesteria
From Wikipedia, the free encyclopedia
Pfiesteria é un xénero de dinoflaxelados heterótrofos que se asocia con proliferacións de algas nocivas e mortaldade de peixes, que vive en todo o mundo. Pfiesteria considerouse responsable dalgúns casos sonados de grandes mortaldades de peixes, como os que tiveron lugar nas costas de Carolina do Norte e no estuario da Baía de Chesapeake nas décadas de 1980 e 1990. En resposta a estes gromos tóxicos, seis estados da costa leste dos Estados Unidos iniciaron un programa de monitorización para dispoñer dunha resposta rápida en caso de novos gromos tóxicos e para comprender mellor os factores que inflúen na toxicidade de Pfiesteria.[1] Os novos métodos de detección molecular de que se dispón, permitiron saber que a distribución de Pfiesteria é mundial.[2]
Pfiesteria | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() | |||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||
| |||||||||||||
Especies | |||||||||||||
Pfiesteria piscicida |
Descubrimento
Pfiesteria descubrírona en 1988 investigadores da Universidade Estatal de Carolina do Norte e o seu nome débese ao da bióloga Lois Ann Pfiester (1936–1992), que fixo gran parte das primeiras investigacións sobre dinoflaxelados. Unha historia en profundidade do descubrimento pode atoparse no libro And the Waters Turned to Blood de Rodney Barker.[3]
Especies
Describíronse dúas especies: Pfiesteria piscicida[4][5] e Pfiesteria shumwayae,[6] ambas as dúas cun complexo ciclo vital. Na literatura estes dinoflaxelados ás veces son denominados "organismos complexos Pfiesteria" (PCOs).
Estratexia de alimentación
As primeiras investigacións serviron para formular a hipótese de que Pfiesteria actúa como un depredador de emboscada utilizando unha toxina que paraliza o sistema respiratorio dos peixes susceptibles tales como o Brevoortia tyrannus, aos que causa a morte por anoxia. Despois consome os tecidos da presa morta.[7]
Controversia
A bioloxía de Pfiesteria e o seu papel nas mortaldades de peixes e na saúde humana estiveron suxeitos a diversas controversias debido a investigacións de resultados contraditorios realizadas nos últimos anos.[8][9] Estas controversias afectaron aos seguintes aspectos:

- Ciclo vital: As primeiras investigacións que establecían un ciclo vital complexo de Pfiesteria piscicida son agora discutidas debido a resultados contraditorios obtidos en investigacións recentes, especialmente sobre a cuestión da existencia ou non dunha forma ameboide tóxica.[10]
- Toxicidade: A hipótese de que Pfiesteria mata aos peixes segregando toxinas na auga foi cuestionada porque esta non puido ser illada en varios experimentos. A toxicidade parece depender das cepas e dos ensaios realizados.[11] A principios de 2007 foi identificada unha toxina moi inestable producida pola forma tóxica de Pfiesteria piscicida.[12]
- Lesións na pel: As lesións observadas sobre os peixes presumiblemente matados por Pfiesteria foron tamén atribuídas a oomicetos por algúns investigadores. Porén, tamén se estableceu que Pfiesteria shumwayae mata aos peixes ao alimentarse da súa pel mediante microdepredación.[13]
- Impacto sobre a saúde humana: Os efectos en humanos foron cuestionados a finais de 1990 atribuíndoos á histeria causada pola alarma creada.[14] Porén, foron corroborados por unha avaliación posterior.[15] A controversia sobre os efectos na saúde humana da exposición a Pfiesteria aínda continúa.[16][17]
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.