aliaxe de metal maleable formada principalmente por estaño From Wikipedia, the free encyclopedia
O peltre é unha aliaxe tradicionalmente constituída por entre o 85 % e o 99 % de estaño e o resto de antimonio, cobre, cinc e bismuto, e ás veces, menos comunmente hoxe en día, chumbo. Ás veces incorpórase tamén unha pequena cantidade de prata.[1]
A palabra peltre probabelmente deriva da inglesa pewter, que quizais sexa unha alteración da voz spelter, termo empregado en inglés para denominar ás aliaxe de zinc, e que orixinariamente era un sinónimo popular de zinc.[2]
É un material maleábel, mol e de cor branca, con algunha similitude á prata, pouco reactivo, e que funde entre os 170 e os 320 °C,[3] polo que a súa utilización para adornos é moi común. Durábel, co tempo adquire unha interesante pátina e pode dárselle dureza se se lle agrega unha pequena porcentaxe de chumbo, que lle dá, ademais, unha tonalidade azulada. O seu aspecto é brillante, puído e parecido á prata, e que, ao igual que este metal, tende a ennegrecerse por efecto da oxidación se non recibe un tratamento químico.
Tradicionalmente hai tres tipos de peltre:
O peltre era o material que utilizaban os famosos picheleiros de Santiago para fabricaren os picheis e outros utensilios de cociña, artísticos ou empregados para o culto nas igrexas. Esta substancia, así mesmo, foi utilizada en 1827 por Joseph Nicéphore Niépce para tomar a súa primeira fotografía, a titulada Vista dende a ventá en Le Gras.[4]
O peltre comezou a usarse a comezos da Idade de bronce no Oriente Próximo e na China. A peza máis antiga de peltre encontrouse nunha tumba do antigo Exipto de 1450 a.C. Este material foi estendido por toda Europa polos romanos, que o utilizaban, entre outros usos, para a construción de acuedutos.
Durante a Idade Media o peltre creceu en popularidade para a fabricación de adornos, e substituíndo as louzas de madeira nas casas acomodadas. Así mesmo, nas igrexas máis pobres era utilizado como substituto da prata. Probabelmente o uso do peltre foi causa na época romana e na Idade Media, de numerosos casos de saturnismo (intoxicación por chumbo).
Durante os séculos XVIII e XIX gozou de gran popularidade nos Estados Unidos para a fabricación de vaixelas adicadas a casas de clase media e alta. Tamén, nese país serviu en 1776 para a cuñaxe dunha das súas primeiras moedas durante a Guerra de Independencia, o coñecido como dólar Continental.[5][6][7]
Hoxe en día, e popularmente, tamén se chama peltre aos utensilios de metal bañados cunha capa cerámica ou esmalte cerámico, xeralmente branco.
En galego denomínase pichel a unha xerra alta, de sección circular, máis ancha na base ca no colo, xeralmente de estaño e cunha tapa unida á asa.[8] Sarmiento indicou que esta xerra, feita de estaño ou peltre, tiña unha capacidade de case medio azume (aproximadamente un litro), e que en francés se chamaba picher, en italiano pittaro, e en inglés, segundo Howell e Skinner, pitcher.[9]
Na cidade de Santiago de Compostela, que tiña unha longa tradición de grandes artesáns prateiros e acibecheiros, os picheleiros eran artesáns que facían picheis, e tamén outros diversos trebellos de cociña. Para esta tarefa, servíanse do estaño, abundante en Galicia, un metal moito menos nobre que a prata e, polo tanto, bastante máis barato. A industria do estaño en Compostela tivo unha importancia capital, tal e como indica Eladio Rodríguez no seu dicionario:
Los picheleiros constituyeron en Santiago desde mucho antes del siglo XV una floreciente industria... Los picheleiros no se limitaban a hacer jarras y vasijas, sino que fabricaban platos grandes y pequeños, vinajeras, cálices, custodias, copones, linternas, fuentes, escudillas, saleros, salseros, tazas, candeleros, asas, xarneiras, cruces y picheles redondos, cuadrados, grandes y pequeños. Para poder ejercer púlicamente el oficio y poner tienda, requeríse licencia previa, título o carta de exame expedida por el consejo de Santiago...[10]
Na actualidade, as aliaxes de estaño-chumbo utilízanse principalmente para a soldadura. Estas foron prohibidas nas latas de conservas, xa que foron fontes de envelenamento por chumbo, especialmente cando o alimento estaba en contacto con ácidos (limón, concentrado de tomate, vinagre etc).
As proporcións das aliaxes de soldadura varían, pero adoitan ser de ao redor do 63 % de estaño e o 37 % de chumbo; tamén poden conter cobre, antimonio ou bismuto. As aliaxes de estaño-chumbo aínda se utilizan en grandes cantidades na fabricación de órganos.
As aliaxes estaño-chumbo 60/40 eran moi utilizadas en electrónica para a soldadura en placas de circuítos impresos, pero o uso do chumbo foi prohibido pola Directiva RoHS da CE. Agora utilízanse novas aliaxes a base de estaño nas que a temperatura de fusión é máis alta.
O manexo frecuente de produtos de peltre coas mans, especialmente en condicións ácidas, ou baixo a forma de partículas, ou a inhalación dos seus vapores, son perigosos para a saúde e o medio ambiente. A combustión destas aliaxes (en incineradores, nos incendios) é fonte de fumes e vapores, cinzas ou escouras tóxicas, e eventualmente de contaminación da terra, o solo ou a auga (en contextos ácidos).[Cómpre referencia]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.