From Wikipedia, the free encyclopedia
Pelomyxa é un xénero de amebas xigantes do grupo dos Amoebozoa, que xeralmente miden entre 500 e 800 μm pero nalgúns casos poden chegar aos 5 mm de lonxitude. Unha especie notable do xénero é P. palustris;[1] outras especies que foron descritas poden ser sinónimos, ou foron cambiadas ao xénero non relacionado Chaos. Encóntranse nos fondos lodosos de correntes de auga e lagoas.
Pelomyxa | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Pelomyxa palustris | |||||||||
Clasificación científica | |||||||||
|
Pelomyxa ten moitos núcleos,[2] que van desde dous a varios miles nalgúns raros casos. Unha célula en movemento é de forma cilíndrica, cun só pseudópodo hemisférico na parte anterior e unha proxección semipermanente chamada uroide na parte posterior, a cal está cuberta de pequenos flaxelos non móbiles. Carecen de mitocondrias e doutros orgánulos como peroxisomas e aparato de Golgi. Consome unha ampla variedade de comida, e ten moitos vacúolos que conteñen calquera partícula que fose fagocitada, desde comida inxerida, como diatomeas, ata sedimentos, como area.
A clasificación de Pelomyxa foi suxeito de considerable discusión nas últimas décadas.
Pelomyxa carece de mitocondrias e outros orgánulos que son típicos dos eucariotas e durante unha época críase que tampouco tiña flaxelos e non podía facer a mitose. Como células nucleadas que carecen de "case todas as outras inclusións celulares dos eucariotas"[3], os Pelomyxa foron, durante un tempo, considerados como "proto-eucariotas" superviventes [4], que se situaban nalgún punto entre as bacterias e as células modernas. En 1973, propúxose que os devanceiros de Pelomyxa palustris se ramificaron da liña dos eucariotas antes da adquisición das mitocondrias [5] En 1976, Jean M. Whatley escribiu que Pelomyxa palustris "pode con toda xustiza ser considerado o organismo eucariótico máis primitivo que está vivo hoxe".[6] Como tal, o organismo era un potencial análogo moderno dun eucariota ancestral que, de acordo coa teoría endosimbiótica, incorporou no seu interior un simbionte bacteriano que máis tarde evolucionou á mitocondria das células modernas. A especie sabíase que hospedaba varias bacterias simbiontes. Aínda que a función destas bacterias non estaba clara, Whatley argumentou que podían proporcionar un útil exemplo evolutivo, que indica as "maneiras como puido ter lugar a transformación de bacteria a mitocondria".[6]
En 1982, Lynn Margulis creou a subclase Caryoblastea (ou Pelobiontidae) para as "amebas anaeróbicas que carecen de undulipodios", e asignou Pelomyxa a el como o único membro do grupo.[7] O seguinte ano, Cavalier-Smith incluíu o xénero, xunto con outros varios ameboides amitocondriados "primitivos", nun novo grupo taxonómico: as Archamoebae.[8] As Archamoebae foron, á súa vez, situadas no novo reino Archezoa, xunto con outros eucariotas amitocondriados, as Metamonada e os Microsporidia.
O carácter primitivo de Pelomyxa empezou a poñerse en dúbida en 1988, cando Joe I. Griffin publicou un estudo estrutural de Pelomyxa palustris que indicaba que a especie en realidade posuía flaxelos rudimentarios, e podía facer a mitose. Griffin concluíu que "Pelomyxa nin é primitivo nin diferente das formas relacionadas, unha vez que nos decatamos de que os seus parentes son flaxelados ameboides".[9] En 1995, o caso contra o primitivismo de Pelomyxa fortaleceuse cando as análises moleculares revelaron que os antepasados de Pelomyxa palustris probablemente posuían mitocondrias.[10] Ao final da década, estaba claro que todos os membros das Archamoebae de Cavalier-Smith descendían de células con mitocondrias. Noutras palabras, non eran unha póla temperá de eucariotas "primitivos", senón máis ben "protistas dexenerados" que perderan os orgánulos que os seus devanceiros posuían.[11]
Consecuentemente, Pelomyxa e as outras Archamoebae foron reasignados ao filo Amoebozoa, dentro do subfilo Conosa (no que están tamén os Mycetozoa ou mofos mucosos).[12] O reino Archezoa foi eliminado completamente.[13]
En 2004 unha engadiuse unha nova especie ao xénero: Pelomyxa corona. Segundo o seu descubridor, aseméllase a Pelomyxa palustris pero presenta, entre outras diferenzas, unha coroa hialina nítida no pseudópodo anterior.[14]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.