Remove ads
especie de planta From Wikipedia, the free encyclopedia
Oxalis pes-caprae é unha especie de planta herbácea do xénero Oxalis na familia Oxalidaceae.
Oxalis pes-caprae | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||
| |||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||
''Oxalis pes-caprae'' L., 1753 |
En Galicia está catalogada como especie invasora.[1]
É unha planta herbácea perenne, de até 40 cm de altura, sen talo aéreo, pero con rizoma, ramificado ou non, —con delgadas raiciñas laterais parduzco-negruzcas— que pode chegar a 20 cm de longo, vertical e esbrancuxado, orixinándose nun bulbo centimétrico ovoide e acuminado, envolto nunha túnica de cor parda. Este bulbo está profundamente enterrado e o rizoma pode levar uns cantos bulbiños máis, tamén centimétricos; no seu ápice están implantadas, nunha roseta basal, as follas trifoliadas, estipuladas (estípulas rectangulares, de ápice ciliado) pecioladas (peciolo de 3-20 cm, con pelos glandulíferos), con folíolos obcordiformes escotados, de 6-22 por 10-40 mm, con face glabra e marxes e envés máis ou menos pelosos (este último, finamente alveolado) son de cor verde e con ou sen manchas violáceas nas dúas caras. As follas péchanse, por medio dun pulvínulo peloso conformado por aneis móbiles, retraéndose os folíolos cara a abaixo, a pleno sol e quedan abertas só cando escurece algo. A inflorescencia é unha cima umbeliforme de 1-20 flores pentámeras terminais nun pedúnculo glabro de 6-35 cm de longo e os pedicelos da umbela, pelosos, de 1,5-2 cm de longo e con, na base da umbela, brácteas e bracteolas triangulares/lanceoladas apicalmente terminadas por un par de excrescencias de cor alaranxada. As flores teñen sépalos lanceolados, de cor verde, pelosos e con dúas excrescencias tuberculiformes nos seus ápices, mentres os pétalos, en número de 5, aínda que ás veces o dobre, de 12-25 por 10 mm, son glabros ou algo pelosos e de cor amarela dourada. O perianto retráese, enrolándose os pétalos cando ensombrece; ou sexa todo o contrario que as follas. O xineceo ten un ovario pentacarpelar con 5 estilos libres e pelosos, mentres o androceo ten os seus 10 estames con filamentos glabros e anteras amarelas, organizados en 2 verticilos, os do verticilo interno máis longos que os do externo. O froito, cando existe, é unha cápsula oblongocilíndrica curta (5-8 mm) e de ápice agudo, subglabra, con 3-4 sementes milimétricas por lóculo, globosas, agudas e alveoladas de cor parda.[2][3][4]
É especie ruderal/arvense: medra en cultivos (oliveirais, amendoais, cítricos, etc.), canaverais, en chans removidos, algo húmidos desde o nivel do mar até altitudes de 800 m s. n. m., e florece dende setembro até maio. Tamén se cultiva en xardíns, onde, en xeral, non frutifica ou dá froitos vans. Na Península Ibérica, escapou dos xardíns e, entón, como non frutifica, a súa reprodución sería exclusivamente vexetativa, mediante os seus rizomas con bulbiños, de dispersión principalmente antropócora, por medio do transporte de substratos contaminados (residuos de xardinaría, traslado de terras contaminadas, etc.).[2]
Aínda que orixinalmente era endémica de Namibia e da rexión do Cabo en Suráfrica, hoxe en día é subcosmopolita, pois aclimatouse en moitas rexións do mundo (frecuentemente con influencia marítima), entre as cales se inclúen a Conca mediterránea, zonas de Europa, oeste de Estados Unidos, México e Australia, entre outras; todas zonas onde é considerada unha maleza invasiva.[5][2][3] A presenza de diversas formas da especie —de estilo curto ou de estilo longo— na Península Ibérica e outras rexións onde se introduciu podería indicar orixes e etapas distintas de introdución, desde mediados do século XIX até finais do século XX.[2][3][6][7][8][9] En España, debido ao seu potencial colonizador e constituír unha ameaza grave para as especies autóctonas, os hábitats ou os ecosistemas, esta especie foi incluída no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras, regulado polo Real Decreto 630/2013, de 2 de agosto, estando prohibida en España a súa introdución no medio natural, posesión, transporte, tráfico e comercio.[10][4]
Oxalis pes-caprae foi descrita por Carl von Linné e publicada en Species Plantarum, vol. 1, p. 434, 1753.[11]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.