O moucho de orellas (Otus scops) é unha ave de rapina nocturna da familia das estrixiformes, moi pequena, de escasamente o tamaño dun merlo. A especie está dividida en seis subespecies moi pouco diferenciadas.
Moucho de orellas | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Otus scops (Linnaeus, 1758) | |||||||||||||||
Verán Residente Inverno |
Descrición
Teñen dous penachos de plumas na cabeza que recordan cando están dereitos unhas orellas. A plumaxe é da cor da casca das árbores, con coloracións que van do gris o acastañado, coa cara, a parte inferior, que amosa listas lonxitudinais negras, e unha liña nos ombreiros máis claras. Os ollos teñen o iris laranxa amarelado. Cando voan distínguense do moucho común (Athene noctua) pola cola máis curta e as ás máis estreitas.
Miden entre 19 e 21 cm de lonxitude e teñen unha envergadura de ás de entre 47 e 54 cm, o que os converte na segunda rapaz nocturna máis pequena de Europa, por ben que a impresión visual de tamaño varía segundo a postura das "orellas": cando as teñen recollidas vense pequenos, gordos e cabezudos, cando as estiran semellan máis delgados, de cabeza máis pequena e meirandes do que son en realidade.
Voz
A súa voz é moi característica e non é doada de confundir coa doutras aves, aínda que pode recordar a chamada dos sapos do xénero Alytes. É un berro case sempre monosilábico, algo nasal e non moi alto, que repiten, ás veces durante horas, con intervalos de entre 2 a 3,5 segundos. En ocasións o ton principal e precedido dun anterior que o pode facer parecer bisílabo. O feito de xiraren a cabeza mentres emiten a súa voz fai que non sexa doado localizar a súa posición acusticamente. Comezan a actividade sonora pouco despois de pórse o sol e acábana ó amencer e, contra a media noite redúcena durante unha ou dúas horas. Machos e femias cantan a miúdo en dúo, sendo o berro das femias ´de ton algo máis alto e menos regular. Cando están excitados deixan oir un repique producido co bico.
Exemplos de voz
O seguinte enlace amosa un exemplo do canto dun sapo do xénero Alytes, semellante ó do moucho de orellas:
Hábitat
Os mouchos de orellas son aves de zonas temperadas que habitan áreas abertas, en ocasións mesmo en zonas áridas. Entre os seus hábitats máis habituais están as plantacións de oliveiras, bosques de pinos e carballeiras aclaradas, pero tamén cemiterios e en ocasións parques. No norte da súa área de distribución vive sobre todo nas ladeiras de outeiros e montañas orientadas cara ó sur. Foxen dos bosques pechados. En África son aves de sabana.
Distribución e subespecies
Ademais da forma nominativa O. s. scops, distínguense cinco razas máis:
- O. s. cycladum, das illas Cícladas e Creta).
- O. s. cyprius , de Chipre, e a área preto da costa asiática do Mediterráneo.
- O. s. mallorcae das illas Baleares).
- O. s. pulchellus, que vive ó leste da forma nominativa chegando as súas poboacións ata ó lago Baikal.
- O. s. turanicus, a variedade máis clara e máis meridional, que cría sobre todo en estepas e oasis do medio leste asiático ata Paquistán.
Os puntos de máis concentración en Europa da especie como ave reprodutora están situados ó longo do mar Mediterráneo, especialmente en España, Croacia e Turquía. As poboacións teñen unha distribución máis irregular en Francia e Italia. A súa presenza en África do norte e tamén irregular, faltando completamente en Libia e Exipto . En Centroeuropa as súas poboacións son máis escasas canto máis ó norte..
Conduta e reprodución
Son aves estritamente nocturnas, que comezan a fase activa coa posta do sol ou pouco despois e acábana ó amencer, cando regresan ó seu lugar de descanso, no que pasan o día practicamente inmóbiles, con pequenas pausas que aproveitan para limpa-las plumas. O seu punto de máxima actividade está situado antes da media noite, momento no que fan unha pausa dunhas dúas horas. Machos e femias non adoitan compartir, mesmo durante a cría dos polos, o mesmo lugar de repouso diúrno. Durante a época reprodutora os machos pasan o día en xeral en sitios onde teñan o niño á vista. Os polos que acaban de deixar o niño e non poden aínda voar, repousan nunha pola, preto do tronco da árbore na que naceron e moi apertados os uns contra os outros. Cando se senten ameazados, os mouchos de orellas adoptan unha posición de camuflaxe erguéndose moito. Nesta postura poden pasar moito tempo inmóbiles e só a presenza moi próxima do intruso lles fai abandonala pola na que están para marcharen cara a outra, onde volven adoptar a mesma posición. Se non poden fuxir, adoptan diversas técnicas de agresión que van de xiros asíncronos dos ollos e repiques do bico a ataques coas unllas e o bico. Malia que limpan frecuentemente as plumas, raras veces se observan tomando baños de sol ou de area.
O seu voo é case totalmente silencioso, con fases de planeo. Cando voan, as ás semellan moi longas.
Reprodución
Forman parellas monógamas e estacionais, aínda que se coñecen casos de polixinia. Mesmo en casos de que un dos membros da parella morre prematuramente non adoitan formarse novas parellas. Maduran sexualmente cando teñen uns 10 meses de idade. Durante a época de cría son territoriais e as femias defenden o territorio con máis intensidade cós machos, que no reaccionan agresivamente á presenza de femias alleas.
Fan os niños principalmente en buratos nas árbores e ocasionalmente en fornelas en rochas ou edificios. En raras ocasións aproveitan niños de pegas e outros córvidos e niños artificiais. Coma é habitual nas estrixiformes o lugar do niño non é apenas mellorado, limitándose os mouchos de orellas a escalaren un pouco para faceren unha pequena depresión. Non aportan ningún material se hai restos dun niño anterior non os eliminan.
Poñen en xeral 3 ou 4 ovos brancos e con forma de óvalo curto e duns 31 x 27 mm. De tamaño medios. Chocan exclusivamente as femias. Os polos, que saen do ovo despois de 22 días de incubación, son alimentados polos dous pais e están en condicións de voaren cando teñen uns corenta día, aínda que son coidados polos pais uns 20 días máis,. Despois abandonan o territorio destes para dispersárense.
Alimentación e técnicas de caza
A súa fonte de alimentación principal son os insectos, sobre todo os de máis tamaño coma saltónss e escaravellos. Comen tamén miñocas e, máis raramente e nunha cantidade pouco significativa no total da súa dieta, paxariños, mamíferos pequenos coma ratos ou musarañas, anfibios e réptiles, As presas son localizadas desde un punto de espreita situado a pouca altura e capturadas no chan. Moi raras veces cazan en voo ou camiñando polo. As súas técnicas para cazar aves son descoñecidas.
Migracións
Son aves maioritariamente migratorias, cos cuarteis de inverno nas sabanas con árbores ou mato ó sur do Sáhara. As aves novas comezan a viaxe migratoria a mediados de agosto e a finais de setembro xa non quedan mouchos de orellas nos territorios de cría, por ben que pequenos grupos de poboación do sur de España, sur de Italia e a Grecia meridional non emigran e a variedade O. s. cyprius parece non ser migratoria. Volven a aparecer nos territorios de reprodución a partir de finais de marzo, aínda que en xeral fano na segunda metade de abril. As variedades non europeas pasan o inverno no leste de África.
Ameazas
Coma no caso doutras aves amigas da calor e que se alimentan de insectos os cambios agrícolas, o uso masivo de insecticidas e en certa parte os cambios climáticos, provocaron unha redución drástica das súas poboacións a partir dos anos 1960. A caza directa e os accidentes producidos polo tráfico son tamén causas importantes da caída das poboacións da especie, como tamén os cambios nos territorios de invernada.
Nomes vulgares noutras linguas
- Alemán: Zwergohreule.
- Español: Autillo.
- Danés: Dværghornugle.
- Finés: Kyläpöllönen.
- Francés: Petit-duc scops.
- Inglés: European Scops Owl.
- Neerlandés: Dwergooruil.
- Portugués: Mocho-d’orelhas.
- Ruso: Spliuxka obyknovennaia (Сплюшка обыкновенная).
- Sueco: Dvärguv.
Notas
Véxase tamén
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.