A oroxenia alpina[1][2] ou oroxénese alpina (ás veces tamén se usa o termo oroxenia alpídica ou ciclo alpídico cun significado máis xeral e xeograficamente menos concreto[3]) é un proceso oroxénico (de formación de montañas) que tivo lugar no Mesozoico tardío (Eoalpino) e Cenozoico, causado polo choque de continentes do sur contra o que eran a Europa e Asia orixinais.[4] Como resultado formáronse as montañas do chamado cinto alpídico, que vai desde a Península Ibérica a Indochina. Entre as montañas formadas neste cinto están, de oeste a leste, os Atlas, o Rif, a cordilleira Penibética, a cordilleira Cantábrica, os Pireneos, os Alpes (que lle dan o nome á oroxenia), os Apeninos, os Alpes Dináricos, as montañas Helénicas (Helénidas), os Cárpatos, as montañas dos Balcáns, os Montes Taurus, a meseta Armenia, os montes do Cáucaso, os Montes Elburz, os Montes Zagros, o Hindu Kush, os cordilleira do Pamir, o Karakorum e os Himalaias.[5] Con frecuencia utilízanse nomes específicos para a oroxenia que afectou á formación de cadeas montañosas concretas, como, por exemplo: oroxenia Carpatiana para os Cárpatos, oroxenia helénica para os montes Helénicos ou oroxenia do Himalaia para os Himalaias.

Thumb
Mapa tectónico do sur de Europa e Oriente Próximo, mostrando as estruturas tectónicas do oeste do cinto de montañas alpídico.
Thumb
O cinto alpídico en Europa e Asia.

A oroxenia alpina ademais da formación do cinto de montañas mencionado, influíu tamén en zonas relativamente afastadas, creando unha serie de características relevantes. Por exemplo as montañas galegas e outras do macizo Ibérico, que son de orixe herciniana e estaban xa moi erosionadas, foron voltas a elevar polos empurróns alpinos, que reactivaron as fallas e orixinaron macizos tectónicos. Tamén influíu en zonas de Inglaterra e Francia, por exemplo no anticlinal de Weald-Artois.[6] As tensións creadas pola oroxenia alpina causaron unha maior elevación no Cenozoico das montañas dos Sudetes[7] e posiblemente a existencia de rochas falladas en Öland no sur de Suecia durante o Paleoceno.[8]

A oroxenia alpina foi causada polo choque dos continentes do sur como África e a India e a pequena placa de Cimeria e outras pequenas placas e microplacas contra Eurasia, que estaba máis ao norte. Os movementos converxentes entre estas placas empezaron xa a inicios do Cretáceo, pero as fases maiores de formación de montañas empezaron do Paleoceno ao Eoceno. O proceso non rematou, xa que continúa aínda hoxe nalgunhas cordilleiras alpídicas.

A oroxenia alpina é considerada unha das tres maiores oroxenias en Europa, que definiron a xeoloxía do continente, as outras dúas son a oroxenia caledoniana, que formou o Continente do arenito vermello antigo cando os continentes de Báltica e Laurentia chocaron no Paleozoico temperán, e a oroxenia herciniana, que deu orixe á Panxea cando Gondwana e o Continente do arenito vermello antigo chocaron no Paleozoico medio e tardío.

Notas

Véxase tamén

Wikiwand in your browser!

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.

Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.