From Wikipedia, the free encyclopedia
A onicofaxia é o hábito crónico de roer ou morder as uñas ou unllas.[1][2] Os mordedores de uñas adoitan roer fragmentos das cutículas ou irregularidades das uñas, polo que as estas permanecen regulares e suaves, aínda que nas formas graves do trastorno pode levar a unha destrución significativa das uñas.[3]
Onicofaxia | |
---|---|
Especialidade | Dermatoloxía e eventualmente saúde mental (neuroloxía, psicoloxía, psiquiatría) |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
Segundo a Clasificación Internacional de Doenzas, décima revisión (CIE-10), a onicofaxia clasifícase na sección "Outros trastornos emocionais e do comportamento que adoitan comezar na infancia e na adolescencia" (código F98.8).
Adoita comezar na infancia, na adolescencia ou ao comezo da idade adulta.[4] Calcúlase que entre o 28% e o 33% dos nenos de entre 7 e 10 anos, e ao redor do 45% dos adolescentes morden as unllas, polo menos ocasionalmente.[5] Aos 18 anos, a frecuencia deste comportamento diminúe; con todo, pode persistir ata a idade adulta nalgúns individuos.
O roer as uñas pode acontecer para calmarse en momentos de estrés ou ansiedade.[6] Nalgúns casos, vai precedido dunha sensación de tensión, e pode aumentar ao tentar resistir ese impulso, de xeito similar ao que ocorre noutras condutas compulsivas. Considérase que a onicofaxia, polo menos en parte, está relacionada con trastornos emocionais e de ansiedade, con trastornos obsesivo-compulsivos ou en asociación coa ansiedade como trazo de personalidade.[7] [8]
Morder as uñas tamén ten sido descrito como unha forma de autoestimulación cando a persoa se morde as uñas mentres está aburrida ou inactiva.[3]
Para algunhas persoas, morderse as uñas e eponiquios é un comportamento automático que se realiza sen pensar niso, especialmente cando se dedican a outras actividades como ler ou ver televisión. Para outros individuos, a onicofaxia é unha actividade consciente e intencionada, ás veces coa intención de ter unhas perfectas e regulares.[3] Algunhas persoas tentan morder calquera irregularidade das uñas e continúan con este comportamento sen importar o mal que se vexan as uñas despois.
Máis aló da destrución ou malformación das propias uñas, a onicofaxia pode levar a outras complicacións físicas como infeccións fúnxicas ou bacterianas da placa ungueal e da pel circundante (paroniquia), problemas dentais (erosión dos dentes, maloclusión, reabsorción das raíces dos dentes e destrución alveolar) e dor e disfunción das articulacións temporomandibulares.[9] [10]
Tamén pode levar a consecuencias psicosociais por vergoña, sufrimento emocional ou interferencia social.[10]
O tratamento da onicofaxia depende da gravidade do hábito. Non é necesario un tratamento específico para a onicofaxia leve, xa que un neno adoita superar o hábito de forma espontánea. Recoméndase manter as uñas curtas e ben recortadas e coidadadas, ou cubertas para minimizar a tentación de mordelas. A aplicación de compostos de sabor amargo ás uñas para disuadir a morderse é controvertida e ineficaz.[10]
En casos graves, pódese indicar un tratamento psicolóxico da modificación da conduta, ou a aplicación de órteses dentais.[11]
Cando a onicofaxia é unha manifestación dun trastorno psiquiátrico, o tratamento debe dirixirse á causa subxacente.[10]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.